Coa vista posta na SAD

O pasado domingo 31 de marzo remataba a primeira fase do proceso de conversión en Sociedade Anónima Deportiva que está a levar a cabo o Club Deportivo Lugo. O balance de momento non é o mellor, pero aínda queda camiño por percorrer. Polo de agora non se chegou ao 20% do capital requirido, con máis do 40% de socios inscritos, arredor de 1.600 abonados. Os dous próximos meses serán cruciais para poder facer fronte ao partido máis complicado da tempada.

A vitoria do club lucense fronte ao Xerez por catro goles a cero, a pasada fin de semana, selaba practicamente a súa permanencia deportiva na categoría de prata do fútbol español. Con corenta e sete puntos no peto aos de Quique Setién só lles restan tres puntos para acadar o obxectivo fixado a comezos de temporada, os cincuenta puntos que adoitan marcar a salvación na Segunda División.

A falta de nove encontros a situación é óptima no terreo deportivo, e incluso invita a soñar cos postos de play off, pero todo isto caerá en saco roto se non se logra acadar a cifra imposta polo Consello Superior de Deportes: 3.031.490€

Fai tres semanas o Lugo era galardoado nos Premios do Deporte Galego 2012 como Mellor Equipo de Galicia. Agora é o momento de que todos loitemos para que o que se conseguiu no terreo de xogo non se nos retire nos despachos. Con este fin, xa son varias as iniciativas levadas a cabo, e que pretenden dar a coñecer a causa do Lugo.

 

A última e máis divertida sen dúbida foi a dos xogadores albivermellos que se uniron ao fenómeno de masas Harlem Shake co seguinte emblema: “faite accionista, nós xa somos”.

O pasado luns, un de abril, comezou a segunda fase do proceso, exclusiva para os socios que adquiriron accións no primeiro mes. E xa durante o mes de maio abrirase para todo o público, co fin de acadar dita cantidade antes do 30 de xuño data na que expirará o prazo concedido polo CSD (Consello Superior de Deportes).