Boban supera á Guerra

Falta pouco máis dun ano e un mes para que comecen as Guerras Iugoslavas. Se o 25 de xuño de 1991 datamos o inicio da Guerra dos Balcáns, momento no que Eslovenia (previa consulta referendaria) decide independizarse da antiga Iugoslavia, o deporte xa avisaba con anterioridade dende tempo atrás. Falar de Iugoslavia é facelo dun país multiétnico, dun estado plurinacional, dunha república que contaba con ata seis repúblicas (Bosnia-Herzegovina, Croacia, Eslovenia, Macedonia, Montenegro e Serbia) e dúas provincias autónomas (Kosovo e Vojvodina). Se as relacións entre as diferentes repúblicas nunca foron fáciles, dende a chegada de Milosevic ao poder aínda menos. Así, ao suspenderse un partido entre os dous equipos máis fortes da Liga Iugoslava, un xesto espontáneo dun xogador levantou unha treboada inesquecible. Zvonimir Boban, que se faría famoso e respectado polos seus anos no Milan e que se retiraría anos despois no Celta, lanzoulle unha patada a un policía en defensa dun afeccionado do Dinamo de Zagreb que estaba a ser atacado.

A principios de maio do 1990 celébranse en Croacia unhas eleccións autonómicas que rematarían coa vitoria de Franjo Tudjman, nacionalista croata, partidario da secesión e principal rival de Slobodan Milosevic. Deste xeito, chega o partido entre o Dinamo de Zagreb e o Estrela Vermella, o duelo entre Bad Blue Boys e Delije. Uns e outros entenden o partido como a oportunidade perfecta para escenificar as súas diferencias. A presenza de tres mil seguidores serbios na capital croata provocará leas ao longo de todo o día, mais o cumio chegará dentro do estadio. Comeza con proclamas nacionalistas e co lanzamento de asentos por parte dos ultras serbios. Rematará coa intervención da policía (controlada polos serbios) no momento en que se desenvolve unha loita campal que remata con numerosos feridos sobre o verde do campo. Aínda que todo comezara na grada, as accións chegaran ata o céspede onde se atopaban aínda algúns dos xogadores do Dinamo de Zagreb. Entre eles, un Boban moi mozo. O deporte, pola súa dimensión e alcance mediático, funciona coma baremo e espello de moitas situacións políticas. A acción de Boban non desencadeou as Guerras Iugoslavas, mais si que serviu de introdución, de avance ao que un ano despois acontecería nos Balcáns. Unha guerra coma esta, desgraciadamente, supuxo a ruptura de moitas relacións, de compañeiros que compartindo unha relación de amizade se viron “obrigados” a despedirse, a non volver a falar, a practicamente odiarse. Así ocorreu con Divac e Petrovic, dous dos integrantes dunha selección de baloncesto inigualable, unha historia da que podemos gozar e coa que podemos sufrir en Once Brothers. Mais, que foi do deporte nos Balcáns unha vez rota Iugoslavia?

Dende a rotura, dúas historias de deportes en equipo destacan por enriba do resto. A separación de Croacia segue fresca, unha selección irrepetible con nomes coma Divac, Petrovic, Kukoc, Radja ou Paspalj non se volverá a xuntar. Os equipos perden opcións, pasan de ser o máximo favorito á vitoria en calquera campionato despois de triunfar no Mundial de Arxentina do 1990 a dous grandes conxuntos que se deben reinventar. Pero cedo saltou a sorpresa, Croacia acadará o subcampionato nos Xogos Olímpicos de 1992 só por detrás doutra selección sen igual, do Dream Team. A historia da nova selección croata foi a dun equipo con todo un futuro por diante, pero que vería truncada a súa traxectoria naquel fatídico accidente que se levou por diante a vida da súa estrela, do símbolo dun novo país, de Drazen Petrovic. Despois de ter impedido competir coma país no 1992, quen volveu con forza foi Iugoslavia e tomou o relevo croata para facerse coa medalla de prata en Atlanta ’96.

Pero se hai outra historia que se escribiu con letras dunha cor especial, de bronce, foi a da selección croata de fútbol. No 1998 o número de equipos que poden participar nun Mundial aumenta ata 32 e Croacia consegue participar no Mundial de Francia grazas á clasificación a través da repesca. Logran superar a fase de grupos e despois de eliminar a Rumanía na rolda de oitavos, pasan por riba de Alemaña para acceder ás semifinais. Alí non poderán gañar aos anfitrións, a unha Francia que a posteriori se proclamaría campiona, mais si serán quen de acadar a medalla de bronce fronte a Holanda. Naquela selección comandada por Suker (Bota de Ouro), Jarni ou Prosinecki, tamén destacaba un mediocentro cunha clase infinita. Un xogador que un día decidiu rebelarse contra o que consideraba unha inxustiza. Ás catro Ligas Italianas e unha Champions League gañadas, Zvonimir Boban puido engadir unha medalla de bronce.

Foto de portada: BBC Sports