101 km correndo por unha boa causa

Se fósemos a Vigo desde Compostela pola vella N-550 percorreríamos aproximadamente uns 100 km. Se quixésemos facer un percorrido pola Costa da Morte desde A Coruña ata Fisterra, pasando por Carballo, Baio, etc andaríamos máis ou menos outros 100 km. Imaxínanse facer esa distancia correndo nunha tarde?
Iso é o que pensou Javier González, un rapaz de 21 anos de A Coruña. Logo dun par de anos facendo cantas probas había nos arredores da cidade e correndo na maioría de fins de semana os preto de 40 km que separan a súa cidade da súa vila familiar, Coristanco.

Javier é un mozo ao que lle gusta a cada paso poñerse máis retos, superarse a si mesmo. Decidiu que os 40 km que corría habitualmente ou os 42,195 km de calquera maratón quedábanselle curtos. A súa alta preparación e a gran resistencia que tiña permitiríanlle ir máis aló. Así que asumiu un novo reto: correr unha ultra maratón de 101 km.

Aínda así non quería correr por correr. Necesitaba unha motivación extra, e o que el quería era facelo axudando a alguén da maneira que fose, polo que contactou con AVAN, unha ONG galega e así poder axudar mediante a publicidade que o seu corpo ofrecía correndo todo o día pola cidade de cristal para recadar fondos coa fin de axudar a Adrián, un neno do barrio dos Mallos con parálise cerebral.

521531_10200910666119607_512483116_n

Javier correndo polo paseo marítimo. Foto: Electo Álvarez

O 13 de abril foi a data escollida para realizar tal empresa. “A preparación foi moi intensa. Comecei a preparación forte para o ultra o mes anterior, rodei máis de 550 km nun mes, baixando ata 5 kg de peso. Calquera que me coñeza sabe que non teño as condicións propias dun maratoniano” relata Javier. O percorrido pola cidade herculina foi o mesmo que se percorre na maratón Coruña42 que se leva a cabo este fin de semana. Habitualmente nesta maratón danse tres voltas a un circuíto de 14,065 km que vai pola Marina, Obelisco, Orzán, Paseo Marítimo ata a Torre de Hércules e volta ata o Millenium, Praza de Pontevedra, Praza de Ourense, Oza e volta para o Obelisco e os Cantóns. Javier para esta proba fixo sete voltas a este circuíto, engadíndolle unha cola de tres quilómetros máis para chegar ao Liceo de Monelos.

Javier di que “a experiencia foi brutal, un desgaste físico e mental moi duro pero que con preparación e empuxe calquera persoa pode lograr. Comecei as nove da mañá e fixen os primeiros 42 km cun rexistro bastante rápido para un ultra: 3h 40 minutos. A partir de aí acompañáronme corredores ata o final facendo quendas, a peor parte foi do 64 ao 80 porque hai un muro coñecido polos runners que é moi duro. Fisicamente estás destruído e a mente váiseche, pero unha vez que pasas o segundo maratón xa é todo deixarse levar”. E así nun tempo aproximado de 10 horas e media logrou tan impoñente reto.

529985_10200910657999404_1828714231_n

Preto da meta, na avenida Primo de Rivera. Foto: Electo Álvarez

E como era de esperar, unha ultra maratón pasa factura. De feito este fin de semana non correrá a Coruña42 que xa fixo en anos anteriores e tan só considera, dentro da mesma proba, facer un percorrido de 10 km acompañando a algún amigo. “As repercusións físicas son moi fortes, perdín sete quilos, a dor muscular dura unhas 48 horas e os xeonllos reséntense ata tres días despois pero o corpo pide unha recuperación dunha semana para volver a recuperar o nivel de osíxeno no sangue”.

Finalmente foi todo sobre rodas e ata o tempo que tan pouco nos está querendo aos galegos nos últimos meses axudou cun soleado día a esta nobre causa. A axuda a Adrián foi bastante boa aínda que “podería ser mellor” según di Javier. Así a todo comenta que estaría encantado de repetir a experiencia sempre e cando fose acompañado por alguén, non en solitario.