Xornalismo a proba de crises

“No sólo tenemos una crisis económica  y una crisis del modelo de la prensa, sino también una crisis de la democracia”. Con estas palabras iniciaba Ignacio Escolar a súa conferencia, no Ateneo de Compostela o pasado 25 de febreiro, acerca do xeito de montar un xornal en tempos de crise. Comezaba a súa intervención cun  repaso da decadencia do sistema democrático, remontándose ao cambio de rumbo do goberno socialista de Zapatero a partir de maio de 2010.

Con este comezo, o director de eldiario.es pretendía reflectir as causas desa sensación tan estendida entre a poboación que é a desafección política. Os motivos non son poucos. Tras a modificación da Constitución no 2011, estableceuse que primeiro serían os pagamentos aos acredores da débeda soberana; e logo xa virían os pagamentos a mestres, pensionistas, médicos e demais. Non é de estrañar esa sensación de que eles non nos representan.  Escolar introducía inmediatamente  despois os coñecidos coma sistemas contramaioritarios. Sistemas deseñados para evitar un novo Hitler, mais que semella só serven para aumentar o cabreo cidadán.  Ese cabreo que incrementan certos entes abstractos coma son o Banco Central Europeo (BCE) e amigos, dos que ben pouco coñecemos. Sobre os que non decidimos, mais que deciden sobre nós.

Ignacio Escolar afirma que xamais foi tan necesaria a política coma nestes intres. E da mesma maneira que o é a política, a prensa tampouco é prescindíbel. Esa prensa que agora sofre o seu peor momento na historia do Estado español. Debido á crise económica hoxe hai a metade de xornalistas en activo que no 2007, os cales deben cubrir a mesma cantidade de información;  probabelmente  en detrimento da independencia e da calidade xornalística. Claves necesarias para unha sociedade libre e ben informada.

A recesión económica é un dos motivos do retroceso que sufriron os xornais impresos. A caída das vendas  a duras penas se consegue frear con filmes, portátiles e mesmo cafeteiras, tixolas e potas esprés.  Promocións que elevan un pouco as vendas, mais que só son parches.  Nos seguintes anos a situación non mudará a prol da prensa escrita. Máis ben ao contrario. Co tempo veremos máis xornais diarios que se converten en semanais e cabeceiras que desaparecen. A prensa escrita xa non será máis o irmán maior do xornalismo.

E é que a prensa escrita é altamente custosa. “Un modelo ruinoso”, segundo Escolar.  Só cada unha das pranchas que se precisan para imprimir o xornal vale entre 200 e 250 euros. E cada prancha imprime nunha soa cor. Polo que até que se axustan todas as cores, até que se sincronizan, hai toneladas e toneladas de papel que se tiran ao lixo. O denominado papelote. A isto hai que sumar, ademais,  o custo de distribución e o custo de devolución. No seu momento, Público chegou a perder entre vinte e trinta millóns.

Ignacio Escolar

Fronte a esta situación, en setembro do ano pasado nacía eldiario.es da man de Ignacio Escolar e, integramente, dixital. Escolar afirma que se lanzaron ao mundo de internet porque a longo prazo todo estará na rede. Ademais, non dubida en afirmar que a tecnoloxía os fai máis libres. Cunha pequena redacción formada por profesionais da comunicación,  nun comezo nove e agora xa  vinte, eldiario.es pretende informar á sociedade dun  xeito veraz e sobre todo independente.

Coa pretensión de converterse co tempo nun xornal xeneralista, vai inagurando novas seccións. Recentemente  lanzouse unha edición en Andalucía e, con anterioridade, xa se crearan outras en Cataluña e en Galiza, neste último caso a través dun acordo co medio galego Praza. Mais eldiario.es comezou unicamente con dúas seccións. Unha de política e outra de economía, as cales segundo Escolar “tenían huecos como la Catedral de Burgos”.

 Porén, grazas á  vontade dos xornalistas de eldiario.es, conseguiuse crear un xornal con futuro.O seu modelo de financiamento mixto, que se basea nas achegas anuais de sesenta euros dos socios e a publicidade,  fai que o xornal continúe o seu traxecto sen débedas. Mais este non só é o seu único logro. A mediados de marzo publican unha revista trimestral en papel.  Alén disto, eldiario.es é o protagonista do máis rápido crecemento da prensa do Estado español vivido até o momento. Pasou ao xornal La Razón en lectores e alcanzou o nada desprezábel número de un millón de lectores en só catro meses.

Mais isto non foi todo. A Ignacio Escolar tamén lle deu tempo nuns escasos 45 minutos a falar diso que agora se está a denominar xornalismo cidadán. O xornalista adoptou unha postura non demasiado crítica con este tipo de tendencia, mais defendeu o xornalismo profesional, sen o cal, non habería o tan necesario xornalismo de investigación. Como ben dixo, “el periodismo es un oficio, no un hobbie”.