Vig Bay, 21 km de vaidade e hipocrisía

Participantes antes do comezo

Participantes antes do comezo

O pasado domingo, 4.800 persoas desafiaron en Vigo, cun vaidoso xesto de hipocrisía moral contra os praceres terreais e nunha fragrante mostra de complexos persoais, unha das máis insignes  divagacións metafísicas do ínclito Sostres, ó citarse na praia de Samil para completar o percorrido dunha das máis sinaladas citas do atletismo de Galicia. 4.800 almas perdidas, 4.800 pobres diaños que ante a súa falta de valores decidiron desperdiciar unha adorable mañá de domingo poñendo en risco as súas vidas de xeito gratuíto. 4.800 desnortados que quixeron render unha homenaxe a ese “sinistro e ridículo” prestixio que se lles atribúe ás probas deportivas no canto de consagrarse a contundentes inxestións de produtos graxos, patrios embutidos ou refinados destilados.

Deste xeito, unha masa candente de mentes estériles e desposuídas dos máis elevados valores intelectuais fixeron que esta XIV Vig Bay deixara perfectamente patente que se a sociedade actual tiña algún tipo de valores, estes quedaron relegados ós sectores alfabetizados. Nin constancia, nin esforzo, nin compañeirismo, nin perseveranza, nin adestramento, nin forza de vontade nin nada semellante foron precisos para que un total de 4.200 irracionais completaran 21.097 metros sen máis axuda ca das súas propias pernas. Un feixe de hipócritas e miserentos que fuxiron coma nunha corrida de touros a grande escala polo sinxelo pracer de marcarse un obxectivo, de completar unha meta sen nada máis que cansancio e infelicidade coma contrapartida.

Case 5.000 persoas que se ergueron cedo o domingo para, xa a iso das 9 da mañá, ateigar a Avenida de Samil quecendo dende unha beira cara a outra. O asfalto deixou de lado ós coches para ir enchéndose de corredores e en menos dunha hora era un perfecto mosaico que fervía con burbullas de cores estroboscópicas. Meses de adestramento que por fin se poñían a proba, horas e horas de zancadas solitarias a través de chuvia,  sol e  vento que o domingo por fin soaron acompañadas doutros milleiros de pernas co obxectivo compartido de acadar a meta. Ás 10.20 as burbullas crepitaban xa trala liña de saída, rindo, falando, facendo os últimos quecementos e o disparo de saída foi coma o tapón que sae para deixar que o viño aflore do barril.

Participantes ó seu paso por Samil

Participantes ó seu paso por Samil

Xa dende ese intre sóubose que esta edición estaba consagrada, debido ás baixas por lesión dos vixentes campións (Hassan Lekhili na categoría masculina e Rafaela Almeida, na feminina) a marcar novos nomes no seu palmarés e os corredores que acabarían gañando deixaron claro dende os primeiros compases quen eran os favoritos. Entre os homes, podio plenamente galego, con Lolo Penas á cabeza (1:05:24) seguido xa dende a saída por Elías Domínguez e José Antonio Ramallo; nas féminas, María Jesús Gestido(1.17:49) e María Yolanda Gutiérrez foron as dúas galegas que comandaron a carreira, seguidas pola portuguesa Fátima Silva.

Sen acadar o nivel de loucura que Sostres atribuiría a estes privilexiados que encabezaron a proba dende o comezo, o resto dos atletas, cos seus distintos ritmos, foi alongando o caldo de cores ata convertelo nunha serpe que á altura do primeiro quilómetro aínda non era quen de pasar con fluidez pola ponte sobre o río Lagares. Esa densidade de participantes, que bateu un novo récord, foi o motivo polo que este ano o percorrido cambiou, evitando a tradicional volta á praia de Samil para dividirse en dous tramos distintos en Nigrán, onde se virou primeiro cara o pavillón de Panxón antes de chegar a Praia América e se rodeou despois Monte Lourido para enfiar cara Baiona.

Chegada en Baiona

Chegada en Baiona

Con todo, xa á altura da praia de Patos se podían ver os primeiros abandonos, mais a serpe seguía adelgazando a medida que se facía máis longa. As caras dos participantes eran de esforzo, pero sobre todo de concentración. Coma o preso que prefire non pensar nos anos que lle quedan na cadea, cada un deles semellaba non querer ver alén do quilómetro que percorría ou incluso de cada pisada que daba. Romper o ritmo para esquivar a outro corredor desconcertábaos, e unha vez restablecido, había que escoitarse a si mesmo. Só aqueles que ó chegar a Praia América, coa meta xa á vista, se deixaron levar polas ilusións de chegar antes do seu tempo, resultaron ser as vítimas da carreira. Costa abaixo. Recta chá. A meta vese, pero de súpeto, o vento dos tres últimos quilómetros require máis do habitual. Apenas se escoita o correr dos compañeiros, nin sequera o propio, e o aire toma o protagonismo. Non falla. Cada ano, cando todos comezan a chegar, el xa está co seu zunido insolente de volta cara a Vigo. E entón aparece o público. Os aplausos de mans descoñecidas e os ánimos das voces alleas cobran máis e máis forza na Ramallosa e resultan imprescindibles para os tres derradeiros quilómetros. Para que esforzarse en chegar? Non vale pensar en canto queda; so en onde se está, e con esa premisa e con máis dunha hora e media entre o último e o primeiro, a maior parte dos participantes acadan o seu propósito de chegar á meta e confirmar así a súa alienación mental cara o politicamente correcto.

E por se todo este panorama non fora noxento abondo, a chegada foi o cumio da máis pura perversión sostriana. A suor de milleiros de persoas condensada nuns cantos metros, coa plebe aplaudíndolles e cantidade de voluntarios satisfacendo para eles necesidades tan básicas como a hidratación ou o descanso. Lamentable.

Fotos: Margarita González