O Ritmo Serbio-Italiano conquista Capitol

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

No autobús de regreso a Pontevedra o calor é asfixiante. Son as tres e algo da tarde e aínda que só fai unhas horas do concerto apenas teño ningún recordo verdadeiramente tanxible. A miña cabeza é como unha nube, como unha película gravada a cámara rápida que fai case imposible atinar cos detalles. Pisemos o freo, partamos dunha idea fixa, démoslle un final a historia e a partir de aí, tiramos da corda. A Terbutalina conquistou o último recuncho de Compostela que lle quedaba. A Terbutalina meteu preto de 400 persoas na Capitol para facer unha festa de confirmación, a confirmación dun segredo que xa leva recorrendo as rúas de Galicia dende fai meses: Son a banda revelación da música  galega.

Aínda chovía mentres os axudaba a descargar o equipo na sala. Se estaban nerviosos a esas horas disimulábano bastante ben. Miguel chega directo dende clase. A batería xa se está a probar. Sofren a tortura dunha proba  de son longa, aburrida. Sorrín e bromean cos xogos de luces que terán a noite. Se algún do público tivera un ataque debido as “luces cejadoras” non se farían responsables. Os Caamagno fan acto de presenza e invaden o camerino. Colgan os uniformes no percheiro e agardan a que Terbutalina remate coa súa proba. Os minutos sucédense e a hora límite vaise achegando. Xa son máis visibles os nervios. Nada grave.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

Según lles gravo e saco fotos comentan a visita ao Planeta Furancho da noite anterior, o número das entradas vendidas anticipadas e o pouco convencemento que lles da que chova o día do concerto. Rematadas as probas saímos da sala. Hai que cear cedo e en grupo, é parte do ritual. Tendo en conta que a Familia Caamagno teñen que estar sobre o escenario as 22:00 non hai moito tempo. Asistir a unha cea da Terbutalina e dos Caamagno merecería unha crónica propia debido a cantidade de decisións, posibilidades e anécdotas que se teñen que tomar e contar durante a mesma. Non ampliarei ese momento, gardámolo e que quede en forma das patacas fritas máis saborosas do mundo que compartimos Manuele Caamagno e eu. Non hai mellor forma de quentar para un concerto que visualizar vídeos dos 40 Latino mentres ceas.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

De volta á sala, xa hai unha pequena cola na porta. Aínda vai ser verdade que será unha noite para o recordo, ten que selo. Nos camerinos sucédense os comentarios e os sorbos aos vasos con diferentes tipos de refrixerio para o corpo. Os Caamagno poñen o uniforme de traballo e os choques de mans vólvense unha obriga nos seguintes minutos a modo de complicidade. Soben as escaleiras. Teñen que romper o silencio, quentar a xente e facer o que mellor saben: dando un concerto coma Dios manda.

Manuele está ao 110%, canta ao que lle dan os pulmóns. A banda comeza e finaliza os temas coma reloxos suízos. Jesús fende na Telecaster, Fran vocea nos coros, Lano non faia no baixo e Antón… Antón é un xenio. Veterano e sabio a partes iguais, sabía ben o que tiña que facer. Os Caamagno tiran dun repertorio de 45 minutos e a xente responde, móstrase receptiva. O ritmo da caverna é coreado polas primeiras filas para desatarse un furacán entre todo o respetable coa versión de Estou na lavadora do Caimán do río Tea. Manuele recoñece polo micro que nunca faia. Tampouco faian ao rematar con Demoler o seu concerto. Chegan suados e extasiados, cruzan apertas cos terbutalinos. “Tedes o partido gañado” braman entre sorrisos.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

Os da Terbutalina póñense eléctricos. Hai que saltar ao escenario. Montan o equipo e volven. Os berros retumban nas catro paredes da Capitol. Miguel colócase as xa míticas gafas de sol que luce nas táboas. Soa a intro. Faltan dous minutos. Abren a porta do escenario, saen un por un. Acabouse a conta atrás e empeza a conta de cancións.

Se había dubidas sobre a situación da Terbutalina como verdadeiro expoñente de talento, de graza e de calidade tiveron que esfumarse na hora e algo que estiveron sobre o escenario da Capitol. Helipuerto abre o concerto (tamén o cerrará) séguenlle Ten que ser, Espija e Xira funeraria. A xente salta e baila. Miguel non para de ordenalo polo micro, “¡BAILEN HOSTIA!”, berro xa convertido en símbolo e bandeira do grupo. Non hai respiro, as cancións sucédense sen apenas paradas ou comentarios, coma balas disparadas por un subfusil van saíndo polos altavoces.

No escenario os terbutalinos están en estado de graza. Todo lles sae ben. A temperatura vai subindo a medida que pasan os minutos. Súan coma cans, ouvean coma lobos. Mon e Miguel non paran quietos, Brais tolea nas cancións que solta o teclado mentres Samu e Carlos parecen estar posuídos. A cada tema do Broncodilatador o público sóbese ao teito. Xa voan camisetas e cervexas polo aire. Acórdome do concerto que deran no Festigal o pasado ano, pero isto é diferente, isto é mais grande, está sendo o mellor concerto de Terbutalina. Que non mo poñan en dúbida (¿agás polo de San Pedro?). Magnífico homenaxe á canción de Roy Orbison, Pretty Woman durante o comezo de Juapo.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

Tras case unha hora de concerto enfílase a recta final. Así nos vai, Hippies, Vou tolear, Suisidarse van do tirón. Con Filloa alcánzase o éxtase definitivo. Pasarán os anos, e moito me teño que trabucar, pero esta canción converterase nun dos himnos da nosa xeración, co tempo, en algo atemporal. Cura de la hostia, Canto Moderno e, a modo dunha crónica xa anunciada, Helipuerto silencia o espectáculo. Non hai bises, nunca os hai; política da casa. Agradecen con todo o que teñen que a xente aparecera hoxe na sala. “Sodes a hostia, de verdade”.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

Abaixo o camerino é unha festa, unha colección de sorrisos e apertas. Preguntan se estiveron ben, se se oíu ben para fora… Camiñan dun lado para outro mentres falan cos Caamagno. Sobran as felicitacións entre amigos. Despídome, despídense. Camiño a casa vou feliz. Vivir a experiencia do éxito merecido e incriblemente veloz preto de alguén é algo máxico. Terbutalina merecía ese recoñecemento. A Familia Caamagno acabarao téndoo.

© Charlie Peartree

© Charlie Peartree

Video e fotogalería: