O COB, a unha vitoria

Unha vitoria separa ó COB dos postos de promoción de ascenso respecto dos de descenso. As 5 xornadas que quedan ditaminarán o futuro ourensán

Liderado polo acerto do base-escolta norteamericano Ashton Gibbs, o Club Ourense Baloncesto vencía o pasado sábado 9 de marzo ó Breogán nun dos derbis galegos por excelencia. Esta vitoria, sufrida xa que non se decidía ata os momentos finais, era a oitava do equipo ourensán na liga e colocaba por fin ó COB a unha vitoria da salvación… unha vitoria, que polo apertado da táboa clasificatoria, colocaría ó equipo ourensán en postos de Play-off de cara a un posible ascenso á primeira división do básket español, a liga ACB.

A temporada comezaba mal para un COB novo na categoría e que tan só mantiña do ano anterior ó escolta suplente Pablo Movilla, colócandose tralas seis primeiras xornadas na derradeira praza da clasificación sen coñecer a vitoria. A partir de aí, os sete triunfos consecutivos do COB no Paco Paz ante os seus seareiros colocan ó conxunto ourensán con moitas opcións de salvarse, a pesar da nota negativa dun só triunfo fóra de casa no que vai de temporada, xa aló por xaneiro en Palencia.

Clasificación da LEB Ouro previa a este fin de semana

Clasificación da LEB Ouro previa a este fin de semana

Cun presuposto dos máis baixos da categoría o COB comezaba a temporada fichando a última hora co único obxectivo de salvarse. Para os bases, un veterano cumpridor e habitual das LEBs como Mena; xunto a el, un (permítaseme a expresión) cabra tola con grandes calidades e pouca cabeza, Rai López. Para o escolta continuaba Pablo Movilla, tirador máis que irregular e correcto defensor, e fichábase a unha incógnita, o estadounidense Nick Barbour, un home procedente da Universidade de High Point na segunda división da NCAA  e que nunca pisara o baloncesto europeo. Para o posto de alero chegaba un dos homes con máis partidos na segunda división do baloncesto español, Julio González, xunto ó outrora promesa do baloncesto español, o especialista defensivo e ex de Obradoiro Alfonso Sánchez. Mateo Kedzo e Javi Múgica eran os elixidos para o posto de 4, o de ala-pivote. Dous xogadores con alerxia á pintura pero cunha gran man desde o 6,75. Especialmente destacar nesta faceta ó croata, un excelso tirador a pesar das súas carencias defensivas. E para o posto de pivote a confianza e os últimos € destinábanse a Andy Ogide, pivote de 2 metros “pelados” e que pasara con máis pena ca gloria a anterior temporada polo Breogán e o Lagun Aro. Víctor Serrano, un 2.12 formado en Estudiantes, era fichado para darlle descanso a Ogide.

O plantel antollábase limitado e a pesar dunha non moi mala pretemporada os primeiros partidos amosaban todas as carencias do equipo. Alfonso Sánchez seguía renquente das lesións, Ogide non dominaba as zonas, nin Mena nin Rai dirixían ó equipo e o imberbe Barbour era incapaz de levar ó equipo á vitoria. Con menos dun cuarto de temporada xogado xa se falaba en Ourense de descenso. Pero os de Rafa Sanz tiñan moito que dicir. Desde o primeiro triunfo en Huesca, Barbour ía ser o motor do equipo. 15,7 puntos para el cun 52% en tiros de 2 e 45% en triplas falan moi ben dun xogador que pinta a un futuro ACB en non moito tempo. Xunto a el, desde ese primeiro triunfo Kedzo e Ogide debían ser os escudeiros. E o Paco Paz, ateigado nas grandes ocasións como o derbi ante o Breogán, a terceira arma. Con iso chegamos á situación actual. Sete vitorias consecutivas en casa, algunhas delas heroicas como a remontada ante o todopoderoso Burgos que levan ó equipo a soñar con algo máis que evitar a promoción de descenso. Co descenso directo adxudicado a Melilla, o COB debátese entre as dúas promocións. Ó conxunto galego quédanlle cinco finais para decidir se chega a loitar polo ascenso ou pola contra evitará o descenso. Polo de pronto, Nick Barbour xa non está só. A fichaxe para este último mes e medio do prometedor Ashton Gibbs, xogador procedente do Panionios da primeira división grega, dota de máis variantes ós de Rafa Sanz. Polo de pronto, xa foi vital para vencer ó Breogán.

baloncestoconp

Alacante e Coruña fóra e Melilla, Lleida e Navarra en casa son as finais que lle quedan ó conxunto ourensán. Un conxunto que vén mellorando o seu xogo, que por fin volveu contentar á afección e que quere recuperar o lugar que lle corresponde na cidade das Burgas. Para iso debe confiar no Black Power. Gibbs (22 anos), Barbour (23 anos) e Ogide (25 anos) son a base e esperanza do proxecto. Tres xogadores que acaban de saír da universidade. Tres moedas ó aire no seu momento que a Ourense lle saíron cara. Tres currantes nisto do baloncesto que poden levar ó COB a cotas que en xaneiro eran imposibles de imaxinar. Tres rapaces que deben guiar unha nave, iso si, sempre axudados pola experiencia de Julio, a garra de Alfonso, a electricidade de Rai, os testículos de Movilla e a man de Kedzo. Queda un mes, e o COB está a unha vitoria. Deles depende poñer ó baloncesto de Ourense de novo en boca de todos.