“Falamos de praias e movidas rancias e puteras”

Unha chapela que apunta cara arriba e unha cazadora rockabilli axudan a distinguir a Carlos Pereiro, cantante de Novedades Carminha máis comunmente coñecido como Carlangas, nun recuncho da cafetaría da Facultade de Xornalismo. Un periódico agocha o seu sorriso distendido, que se descobre en canto saúda para non abandonalo ata que remata a entrevista. E é que ese é o trazo máis característico da súa banda, á que tamén pertencen Xavi e Jarri, sempre disposta a pasalo ben no escenario e a facer pasar un bo anaco ós seus fans. Letras cheas de sentido do humor e bailes aínda máis estroboscópicos completan ese bo humor e os asentan no cumio do punk-rock tropical nacional.

Xavi, Jarri e Carlangas, integrantes de Novedades Carminha

Xavi, Jarri e Carlangas, integrantes de Novedades Carminha

En pleno proceso de gravación do seu terceiro álbum e na fin de semana de descanso que ten entre Barcelona e Valladolid, Carlos Pereiro achega o pasado, o presente e, aínda mellor, a personalidade dun dos grupos máis en forma de Galicia que non deixa indiferente a ninguén.

Coma un anticipo do que se achega, a propia entrevista comeza dun xeito pouco ortodoxo. A primeira pregunta é a da camareira e a contesta o entrevistador:

Un auga fría.

Carlangas: Eu non quero nada, que estou ‘petao’. Acabo de ir a un proxecto que inauguraron uns amigos na escola de hostalaría, un restaurante, e comín a fartar. Comida de puta nai e tal, con prezo asumible…

Pregunta: Antes que Novedades, estudantes de xornalismo, non si?

Non lle pillei o punto ó xornalismo; fixen cousas e tal, pero a verdade é que ningún dos tres currou diso.

Tiñan un blog na páxina de Público.

Intentámolo cando sacamos o segundo disco, co que estamos xirando agora, e seguimos con el un tempo, ata que o ano pasado fixemos uns 80 concertos e claro, despois de 12 horas conducindo dende Valencia o que queres é esquecerte de todo, darlle bicos á túa moza… Foi unha experiencia guai, unha boa oportunidade que aproveitamos como puidemos.

Daquela, que pensan do xornalismo de hoxe en día?

Joder… Creo que é unha profesión tan bonita coma romántica. Con isto non quero desanimar a ninguén nin a min mesmo, pero realmente só sobreviven os moi bos ou os moi interesados nun tema. Acaba por ser un ‘pringue’ absoluto.  Esa idea de indagar e contar historias ás veces se limita a transcribir notas de prensa, facer chamadas que outros non queren facer… Pringar, ó principio, vale, pero ó final pode acabar cansando.

Daquela, agora dedícanse exclusivamente á música?

Bueno, por temporadas. A dicir verdade, economicamente, agora o rock´n roll está fatal. Se curras moito, pois aínda podes tirar uns meses ó ano, pero precisas complementos e traballar noutras cousas.

A fin de semana pasada tocaron en Barcelona e Zaragoza e os vindeiros 14 e 15 deste mes farano en Burgos e Valladolid. Están xirando estes días?

Si, malia que dende decembro estamos máis centrados en rematar o terceiro disco, que sairá en Outubro, co que agora estamos máis parados. Aínda así, si que aproveitamos unha iniciativa do Ministerio de Cultura, que nos escolleu, xunto con outros 40 grupos de entre dous mil, para facilitarnos unha minixira por España. É unha oportunidade de tocar en condicións por algunhas cidades.

Ademais, o directo é o seu forte polo que se ve.

Están guais, tío. Son a onda do grupo. Mólanos dende que nos formamos o roio de bailar, rock´n roll, garage… A cuestión é ir pasalo ben a un concerto, porque hai espectáculos que son para estar a outro tipo de historias, pero os nosos son para pasalo ben, beber cervexa e darlle bicos ás rapazas. A ver se de cara á primavera temos algo por aquí.

Algunha anécdota ou concerto do que se lembre con especial cariño?

Pois a verdade é que moitos. Do primeiro que me lembro é do da semana pasada en Barcelona. Esgotamos as entradas e a xente voaba; despois de Mulleres a atmosfera xa estaba caldeada e nada máis aparecer, o recibimento foi a hostia.

O grupo na praza do Obradoiro

O grupo na praza do Obradoiro

O público, daquela, ségueos moi de preto… A que se debe que estean acadando un nome tan bo a nivel nacional?

A verdade é que despois de tocar tanto e cunha boa axencia de promoción coma a nosa, semella algo vital. Nós poñemos a música e a enerxía, pero temos unha oficina cun manager, un encargado de prensa, unha encargada  de produción (Ernie producións), que en xeral fan posible que poidamos xirar por aí en condicións. Se non fora gracias a eles, non chegaríamos a tanto.

Pero vamos, que para darse a coñecer, tamén terá algo que ver a insolencia e o descaro sobre o escenario…

Está claro, joder. Antes de ter esta oficina xa xirabamos por aí. Un grupo fai unhas cancións que chegan ou non á peña, e no noso caso, eu creo que funcionaron. A xente identificouse co grupo e ten ganas de vir ós concertos.

Dende logo, personalidade non lles falta; parece que fan o que lles dá a gana. Teñen algún tipo de limitacións por parte da discográfica ou dos promotores?

Que va, que va. Facemos o que nos sae dos collóns, tío. Nese sentido, estamos moi contentos.

Daquela, o de editar cada disco cun selo diferente, a que se debe?

Son cousas que van xurdindo. Vas coñecendo xente e xeitos de traballar. Nós comezamos con Bowery Récords, que é un pequeno selo de Madrid, que saca cousas dun xénero un tanto peculiar, e o segundo xa o fixemos con Lixo Urbano, de Santiago. Pareceunos que tiña unha mellor edición e distribución dos discos e a partir de aí foi cando fichamos pola nova produtora, que será coa que saquemos o próximo disco.

Aínda así, é aí onde se atopan as súas mellores perspectivas, ou temos que remitirnos unha vez máis ós directos?

Bah. O de vender discos é algo máis representativo, a túa carta de presentación. Hai que telos e a min, de feito, mólanme, pero se falamos en termos económicos ou de rendibilidade, cun disco, como moito, podes recuperar a inversión.

Esa personalidade está tamén nas gravacións?

Claro, todos xuntos, como sempre se gravou o rock´n roll. As voces metémolas a posteriori. Se imos ben ensaiados, facémolo rápido e de feito, Jódete y baila, gravámolo en tres días.

Publican baixo licenza Creative Commons?Que opinión teñen sobre o tema das descargas e dereitos de autor?

Iso foi hai tempo. Agora os nosos discos están dispoñibles en internet. En xeral, eu estou a prol de que se descargue; quero dicir, a min gústame que alguén se baixe o meu disco. Ti fas música para que lle guste á xente e, bueno, que un disco noso teña catorce ou quince mil descargas coma o último é unha honra. Moita desa xente non o tería escoitado nin vido ós concertos. Iso si, non estou en contra dos dereitos de autor e se alguén colle unha canción miña para lucrarse, eu quero que me toque un anaco do pastel. Eu si creo nos dereitos de autor, porque creo que o meu traballo é meu, pero isto non é incompatible coa libre descarga.

Por outra banda, agora están metidos de cheo co último disco, non si? Seguirán a tendencia máis “bailonga” de Jódete y baila, ou volverán ó puro punk dos seus inicios?

Si, estamos centrados en rematar os detalles e as letras e temos pensado editalo en outubro. Pero vamos, sempre intentamos avanzar. O primeiro –Te vas con cualquiera, 2009- fixémolo con 19 anos, con ese aquel máis punk, máis enerxético, que no segundo disco –Jódete y baila, 2011- deriva en máis puntos de vista e máis recursos que nos foron dando novas referencias e músicas que descubrimos. É inevitable que saia outra movida.

Pero sempre dentro do punk-rock tropical.

Si, esa é a definición da banda. O de punk vén pola enerxía do grupo, o amateurismo de soar ‘descacharrao’, como que todo nos dá igual pero ó mesmo tempo non nos dá igual; e o de tropical é porque falamos de praias e movidas así, rancias e puteras.

E o de deixarse caer o outro dia por Área Central para gravar un vídeo xogando ós birlos é outro xeito de pasalo ben?

Novedades Carminha, no seu último vídeo gravado en Área Central

Novedades Carminha, no seu último vídeo gravado en Área Central

Claro, claro! Se non fora por pasalo ben, non estaríamos aquí, porque economicamente non compensa, así que polo menos pasámolo ben.

Entón, dentro de tanta carallada, contemplan dalgún xeito incluír nas súas letras algún tipo de sermóns políticos ou algo que vaia máis aló de Praias, Marisco e Sol?

Que va, que va! Iso horrorízanos. O de meterse en política e sermonear á peña, nin de coña. Nós queremos divertirnos, pero tamén sen chegar á evidencia de ter que ser simpáticos porque si. As letras sáennos, pero sen tentar ir directas ó chiste. Buscamos algo máis de fondo.

Falando das letras, malia que son os tres de Santiago, semellan moi identificados con Vigo. Unha especie de homenaxe á súa movida?

É porque somos do Celta a morte. Témolo jodido, pero bueno, se gañamos o venres en Coruña levamos un alegrón de carallo. Pero vamos, que tamén nos mola moito Samil, que é o máis hortera de Galicia. En calquera caso, nada relacionado coa Movida dos 80. Creouse unha bola de igualarnos a Siniestro Total, pero eu non acabo de ver as semellanzas. Non o desminto, pero creo que se debe sinxelamente a asociar as nosas letras de coña e que os dous somos galegos. As nosas influencias son máis actuais, e vale que eles nos molan, pero non pretendemos facer nada semellante. A movida pasou, e non somos de mirar atrás.

Julián Hernández dicía cando cantou con vostedes o  Hey Hey Vigo!  que non daba abasto, coa caña que lle dan. Ademais, fixeron cantidade de colaboracións con outros grupos galegos. Poderíamos estar a falar dunha segunda Movida?

Bueno, eu creo que nos chupamos demasiado as pirolas. Deberíamos currar máis e falar menos. Non vou negar que haxa cantidade de propostas, pero que todas sexan boas non me parece certo. Hai grupos moi bos, pero eu non valoro a cantidade senón a calidade. Hai outras comunidades con boa música.

Tenda de lencería Novedades Carminha, situada no centro de Santiago

Tenda de lencería Novedades Carminha, situada no centro de Santiago

Os da tenda de Novedades Carminha saben que lles copiaron o nome?

Claro, tío. Despois de cinco anos co grupo acabamos coincidindo e coñecéndonos ben. A señora da tenda viu a un concerto, fixémonos amigos e chegamos a facer unha sesión de fotos na súa tenda.

Casualidade que sexa unha tenda de lencería?

Nah… Foi un día, saíndo de marcha pola praza de Abastos, pouco despois de formar o grupo, que vimos a tenda e o nome pareceunos bestial.

Para ir rematando, se Novedades Carminha fora literatura, que libro ou que autor sería?

Pois non quero tirarme á piscina. Pensando así en Rock´n Roll, podo contarche que nos mola. Toda a onda de Greil Marcus como referente, pero sobre todo, a maioría da cultura-lixo. Tamén me gusta moito John Waters … De Galicia quedaríame co guionista Toñito Blanco e algo máis refinado, Lois Pereiro. Despois, tódolos cómics de Crumb e toda esa onda underground americana.

E se foran cine?

Bah. A min mólame Torrente, tío. Eu son moi nervioso e non podo ver cine, que en canto me poño no sofá quedo durmido. Ás veces aproveito o límite de 72 horas de Filmin, e pouco a pouco acabo por ver algunha peli enteira.

Algo que engadir?

Pois… un saúdo para Compostimes!

Fotos: Ernie Producións