Contracrónica sentimentaloide dunha Asemblea Nacional

“Estamos perdendo batallas decisivas coa xente por culpa de
tanto suposto asoballamento do capital. Algún día convenceranse
de que os que votan nacionalista neste país son traballadores
de clase media e non obreiros de Leningrado”

Diego Ameixeiras, Asasinato no Consello Nacional

O aire do Pazo de Congresos aquela mañá estaba formado por nitróxeno, osíxeno, argón e patriotismo. Estaba listo xa o atrezzo da XIV Asemblea Nacional do Bloque Nacionalista Galego, o primeiro gran cónclave da fronte despois de que o rabaño nacionalista se espallase no mercado gandeiro de Amio. “Prégase seguir o itinerario de entrada e saída da zona de acreditación indicado polo Servizo de Organización”, indicaba o regulamento da Asemblea, e a disciplinada concorrencia dirixíase aos mostradores por orde de apelidos. Á mesa un dende Abad ata Barbadás, á mesa dúas dende Barbazán ata Cazás e así sucesivamente.

Ao pouco tempo, un harmónico barullo enchía xa a sala principal do Pazo, mentres as cuadrillas do Servizo de Organización, uniformadas cun peto do BNG, ían tomando posicións nas marxes da bancada. O murmurio calou a golpe de Hino Nacional, acompañado polos puños en alto dos militantes do núcleo duro da organización, Unión do Povo Galego (UPG) e Movemento Galego ao Socialismo (MGS), nomeadamente. Veu despois o discurso do voceiro saínte, doutor Guillerme Vázquez. Experto como poucos en revolucionar o galiñeiro, Guillerme elevou a adrenalina da sala ao afirmar que os galegos “non precisamos que nos boten unha man, só que nola saquen da gorxa”. Aplausos, cánticos de be-ene-gá, be-ene-gá. “Baixo a bandeira de Galiza quero ser soterrado”, berrou como punto final dos seus catro anos á fronte da fronte. Aínda non rematara a ovación a Guillerme cando apareceu no estrado o seu sucesor, in pectore daquela, Xavier Vence. O economista carece da carisma do seu predecesor, pero pronunciar as verbas “pensamento neoliberal do PP” e “centralismo brutal do Estado español” son apostas seguras para gañar o cariño dos asistentes á Asemblea.

892797_481494565233511_1203395822_o

Tirada do Facebook do BNG

As verbas de Vence deron paso a un carrusel de 32 militantes do BNG que foron contando as súas cousiñas nun tempo límite de dous minutos. Aplausos para a maioría, apupos para algúns discrepantes, que finiquitou unha delas cun sonoro e castrapeiro “os silbidiños os metedes polo cu” (sic). Que se unha rapaza de Galiza Novísima xuraba que “somos os mellores”, que se un extraviado avogaba por un pacto con Izquierda Unida, que se un pouquiño máis de autocrítica non viña mal… Ata que, nun momento, os bebés galegos de nación deixaron de chorar, os da Organización baixaron os seus walkie-talkies e subiron as orellas, os da UPG e o MGS baixaron por fin o puño. Chegaba ao estrado Francisco “Paco “Rodríguez, exdeputado en Madrid, exsecretario xeral da UPG e ó que as malas linguas consideran emperador Palpatine do BNG. Fíxose o silencio conforme Paco se achegaba ao atril, e o estrado que os seus pés pisaban convertíase en terra galega liberada. Paco falou do colonialismo español en Galiza, falou da tensión traballo-capital, falou da dialéctica política de Galiza, Paco falou e falou e ninguén se atrevía a pedirlle que parase (aínda que pasou amplamente os dous minutos) e a cada frase que remataba a sala retrocedía un par de anos na historia do nacionalismo galego. Cando xa traera á vida ao Foucellas, Paco parou de falar e o balbordo voltou á sala, mais por pouco tempo. Tiña entón a quenda de palabra o líder de Abrente, ex-Máis BNG, ex-Máis Galiza, exquintanista a secas, Discrepante Maior, deputado Carlos Aymerich. A tensión subiu enteiros, os do puño comezaban case a flexionar o cóbado conforme Aymerich comezaba a cuestionar o modelo frontista e o control férreo da UPG. Advertíronlle os da organización que serían estritos co (terra e) tempo da exposición e Aymerich cumpriu. Era daquela o turno das emendas psicotrópicas, un total de 151 modificacións do Relatorio Político a aprobar pola Asemblea. Falaban estas emendas de temas tan relevantes coma que o BNG debería constituírse en República galega ipso-facto, que deberían comezar a recoñecer a figura de militante dixital e demais propostas que fixeron que a tensión abandonase a sala ao mesmo ritmo que a deixaba a masa militante. Era a hora do xantar.

Pouco duraron os bocatas de lacón, de queixo de Arzúa, de rixóns e doutras viandas galegas de nación. Evitando a sesta, remanente dunha colonización española aínda inconclusa, os militantes foron baixar as Estrellas Galicia e os ribeiros ao baño, onde se xuntaron as patrióticas pixas dos máis insignes próceres do país. Poucos asistentes ó escusado puideron evitar un xemido de admiración cando abordou o urinario o reverendísimo Bautista Álvarez, ancián fundador da UPG. Os redactores de Compostimes e de Sermos Galiza, en harmónica convivencia na sala de prensa, eran os únicos que traballaban, dando boa conta do acontecido na Asemblea. Pecháronse as petrinas e deixaron de rasgar os bolígrafos cando, con puntualidade celta, ás cinco deron comezo de novo as celebracións.

XIV Asemblea Nacional BNG 006

© Fernando Xelmírez

O auditorio estaba desta volta envolto nun ambiente místico, cunha luz morada difusa iluminando o escenario e o son distante dunhas gaitas como fío musical. Era o tempo de escoller a única candidatura ao Consello Nacional. Os seus cincuenta e un integrantes subiron ao estrado e comezou a votación. Aymerich e algúns dos seus seguidores ausentáranse, e estaban agora discretamente apostados nunha platea situada xusto enfronte da prensa. Os bos militantes levantaron o brazo mentres miraban ao seu redor en busca de posibles veciños de asento que votasen en contra. Pouco tiveron que buscar. A lista encabezada por Xavier Vence foi elixida con 1215 votos a favor, 9 en contra e 44 abstencións. O doutor en Economía Aplicada e voceiro nacional do trinque arrancou outra volta a falar, e desta non parou. Durante preto de 50 minutos, entre citas de Lenin e de Vilar Ponte, tentou convencer á audiencia de que agora o BNG era moi, moi soberanista, pero que isto non significaba ningún cambio pois a fronte sempre fora moi, moi soberanista. Só era que antes non sentían a necesidade de repetilo 2358 veces por speech.

Cando xa empezaba a aparecer algún tuit pedíndolle a Vence “companheiro, pare de falar”, o rodeirense deu fin ao seu discurso de clausura. Os militantes berraron con especial ilusión “VIVA” (Galiza ceibe) sorriron, aplaudiron e puxéronse en pé para recibir o Hino Nacional. Empezaron a soar os primeiros acordes do tema de Pascual Veiga e levantáronse os primeiros puños. E no estrado, onde estaba flamante Executiva Nacional entoando o hino que xurara defendder, había ergueitos bastantes máis puños que antes. Poder popular!

Estampas dunha Asemblea. Aymerich camuflado, Paco partindo o bacallau e os de Organización organizando.

Estampas dunha Asemblea. Aymerich camuflado, Paco partindo o bacallau e os de Organización organizando. © Fernando Xelmírez