O desastre de Port Said

26 de xaneiro do 2013. Un total de 21 persoas son condenadas a morte como castigo tralos altercados acaecidos case un ano antes na cidade costeira do norte de Exipto de Port Said. Alí, o 1 de febreiro de 2012 o partido de fútbol que enfrontaba ó equipo local, o Al Masry, fronte ó Al Ahly, remataba nunha sanguenta e cruenta batalla sobre o terreo de xogo trala conclusión do partido onde o resultado final era o de 74 persoas mortas e cerca de mil que resultaban feridas. O fútbol volvía ser testemuña do que nunca debe ser, o hooliganismo e a violencia entre afeccións. E se o existente na trastenda é unha loita ademais entre as diferentes faccións políticas, apaga e vámonos.

Mideast Egypt

Os días previos ó encontro viñeran marcados polos enfrontamentos entre os seareiros dun e doutro equipo, aínda que estes pouco tiñan que ver co propio deporte en si. Mentres que os seguidores do Al-Masry se declaraban seguidores do antigo réxime (o comandado polo autoritario e laico Hosni Mubarak ata a súa caída un ano atrás), os seareiros do Al Ahly eran coñecidos polos seus enfrontamentos coas forzas de seguridade na famosa Praza Tahrir e por simpatizar cos Irmáns Musulmáns, un dos principais representantes da famosa Primavera Árabe a través da que os países do norte de África se rebelaron contra os seus gobernos, tachados en numerosas ocasións de ditatoriais e corruptos, e que rematou coa caída dos mesmos en países como Túnez, Exipto, Libia ou Iemen.

O partido disputábase aquel primeiro de febreiro nun clima tenso e violento que aínda así para nada facía presaxiar o devir dos acontecementos. Desgraciadamente, o resultado do encontro favoreceu o que sucedeu tralo mesmo. O Al Ahly, mellor club de África do século XX, adiantábase nos primeiros minutos do encontro cun gol de Júnior, o que facía presaxiar unha vitoria máis do cadro capitalino. Pero ó final sucedeu o que tantas veces no fútbol. O equipo pequeno creu que podía gañar, e sen nada que perder lanzouse ó ataque. Zakaria lograba o empate no minuto 73 e poucos intres despois, no 83, puña ó Al Masry por diante. Nunha contra final Cissé certificaría o definitivo tres a un. Os pro-Mubarak vencían no terreo de xogo. Pero non era suficiente. Trala caída do presidente electo uns meses antes os seus simpatizantes non quedaran contentos e comezaron a saltar ó terreo de xogo. Tralo pitido final os xogadores do Al Ahly enfilaban o túnel de vestiarios á carreira mentres os primeiros ultras empezaban a saltar ó campo con pedras e bates nas mans. En breves minutos o campo de fútbol convertérase nunha batalla campal con armas de fogo, armas brancas e bengalas que voaban entre radicais, xogadores, nenos, policías e simplemente afeccionados que querían ver un partido de fútbol. O eterno capitán do Al Ahly, Mohammed Aboutrika declaraba despois: “Isto non é fútbol, é unha guerra e a xente está a morrer. Non hai seguridade nin ambulancias”. O técnico por aquelas do Al Ahly, o portugués Manuel José engadía: “Golpeáronme, pero estou ben. Isto é un completo caos”. Cabe engadir que o número de policías que formaba parte do dispositivo especial para ese partido era de 3.000, mais non puideron (ou quixeron) facer nada.

Os xogadores do Al Ahly desprázanse á carreira cara o túnel de vestiarios

Os xogadores do Al Ahly desprázanse á carreira cara o túnel de vestiarios

A traxedia era un feito e a desgraza volvía a un estadio de fútbol. Xa anos atrás quedara o recordo da traxedia do Estadio Nacional de Perú, onde en 1964 o gas lacrimóxeno lanzado polas forzas de seguridade provocaba o pánico e 320 persoas morrían no partido entre Arxentina e Perú. Tamén lonxe quedaba a Traxedia de Hillsborough e a de Heysel, quizais a peor catástrofe pola súa magnitude ocorrida sobre un terreo de xogo ó ser nunha final da Champions League, pero a desgraza volvía ós campos de fútbol, e desta vez mesturada coa política e a guerra.

Meses despois a Xustiza exipcia imputaba a 75 persoas como as culpables polo magnicidio que tivera lugar na cidade de Port Said. No país do Kemet non se esperaban fortes condenas tendo en conta o atenuante que sería ter en conta a situación do país o ano pasado dada a convulsa etapa de transformación social e política que estaba a suceder. Pero nada máis lonxe da realidade, posto que o 26 de xaneiro deste 2013, hai aproximadamente unhas tres semanas, o Tribunal xulgaba con pena de morte a 21 dos acusados, sendo o Mufti da República (máxima autoridade relixiosa) quen emitiría o veredicto definitivo. Vinte unha vidas máis que se cobraría o fútbol. Non son poucas as voces que tacharon isto como a vinganza a levar cos pro-Mubarak a cabo polos defensores dos Irmáns Musulmáns trala vitoria de Mohammed Morsi nas eleccións democráticas do pasado 2012.

E se á situación que viñamos describindo neste caso lle engadimos a extrema tensión á que se estaba vendo sometida Exipto nas últimas datas, parecía claro que en Port Said non aceptarían as sentenzas do Goberno. Pouco despois de que se coñeceran estes veredictos definitivos amigos e familiares das vítimas xunto con cidadáns contrarios ó réxime aglomeráronse en torno ó cárcere de Port Said, e como é de entender, con poucas ansias de pacifismo. Os enfrontamentos coa policía traían uns resultados de 31 mortos e máis de 300 feridos, contando entre as vítimas mortais a 2 policías e 2 futbolistas, Mohamed Al Dadei, xogador do Al Marrij, e o antigo porteiro do Al Masry, Tamer al Fahla.

A violencia continúa neste  febreiro

A violencia, esperemos que por non moito tempo, continúa neste febreiro nas rúas

O 2 de febreiro de 2013, tan só seis días despois dos tráxicos acontecementos que remataban con 105 mortes e 21 condenas a morte, volvía o fútbol a Exipto coa prosecución da Liga tras un ano de suspensión tralo desastre. Un ano no que a guerra apenas cesou e no que polo menos esperemos que o fútbol pase nos seareiros exipcios de ser un vehículo de loita a ser unha pequena forma de evasión e unión.