Moncho Valcarce, o cura do pobo

Cando vimos que Moncho falaba con nós tan de paisano, que ía ao monte, que o insultaban e mallaban nel como en calquera; démonos conta de que era un home diferente.”

Maricarme Rodríguez Pena, veciña da parroquia de Encrobas (Cerceda)

Como un labrego máis. Alí estaba Moncho, naquela orballenta mañá do 15 de febreiro do 77. Alí, correndo monte arriba para enfrontarse a FENOSA, a empresa que pretendía levar a cabo a expropiación forzosa das terras do val das Encrobas. E a Garda Civil mallou nel como se dun labrego máis se tratase. Tal foi a súa implicación que pasou a estar baixo xurisdición militar como presunto autor de agresión e resistencia ás forzas armadas, ingresando na cadea da Coruña. Porque iso era don Moncho. Un home implicado en todas as causas xustas que coñeceu. Un home comprometido cuns fortes valores aos que consagrou a súa vida.

Ramón Valcarce Vega nace na rúa coruñesa da Franxa, no seo dunha familia acomodada, o 5 de setembro de 1935. Tras pasar unha xuventude a cabalo entre as cidades herculina e olívica, decide acudir á Universidade de Santiago de Compostela para estudar Dereito, carreira que remata en Salamanca. Aínda que o seu carácter era moi extrovertido, a súa intensa vida interior lévao a ingresar no seminario maior de Compostela. Pouco despois, aínda sen rematar os estudos, viaxa a Roma para cursar Teoloxía na Universidade Gregoriana. Estando lonxe da casa vive o seu particular arredor de si, experiencia pola que pasaron tantos históricos defensores do país. En Italia encóntrase consigo mesmo e coa realidade da terra que deixara, polo que en 1967 regresa a Galiza co obxectivo de contribuir na súa liberación e de tentar, exercendo a súa vocación, levar a cabo a construción dun mundo mellor.

Moncho Valcarce, un home comprometido co seu país e co seu tempo

Moncho Valcarce, un home comprometido co seu país e co seu tempo

Á súa volta, Moncho Valcarce decide reingresar no seminario de Santiago de Compostela, onde denuncia a educación alí impartida; que considera arcaica, submisa e reaccionaria. Tras ser expulsado, o sacerdote Manuel Espiña, encargado da súa tutela, consegue que sexa readmitido; podendo rematar así os seus estudos de seminarista.

Moncho ordénase sacerdote en 1969 e a el son encomendadas as parroquias cullerdenses de Sésamo e Sueiro. Nelas pon en práctica a súa particular concepción do labor eclesiástico, convertendo a casa de Deus na casa do pobo. A introdución da misa participativa, a utilización do galego como lingua litúrxica ou a gratuidade nos servizos son algunhas das súas radicais innovacións. Ademais, a reitoral na que vive por aquelas datas é refuxio dalgúns dos últimos loitadores antifranquistas e constitúe, por outra banda, un lugar no que moitos mozos se poden expresar libremente. Con algúns deles edita a revista crítica Outeiro de San Cosme, orientada a recoller as reivindicacións dos veciños das parroquias das que se encarga. Hai que ter en conta que cando Moncho comeza a exercer como cura o réxime ditatorial aínda goza de boa saúde, polo que o seu labor revolucionario cobra un cariz case temerario.

O cura coruñés sentiuse sempre identificado coas loitas labregas

O cura coruñés sentiuse sempre identificado coas loitas labregas

En primeira instancia, este atípico crego decide colaborar co Partido Comunista, polo que é detido nunha reunión en Betanzos e posteriormente enviado aos calabozos da Garda Civil. Porén, a súa condición de sacerdote permítelle marchar, en arresto substitutorio, ao mosteiro de Poio. Mentres permanece preso, os seus fregueses deciden facer unha folga de misas, e á súa volta recíbeno cunha festa.

Co paso do tempo, Moncho Valcarce vai definindo a súa opción ideolóxica até que a súa identificación cos problemas do campesiñado o leva a formar parte das CC.LL. (Comisións Labregas), xermolo do Sindicato Labrego Galego; así como a participar no nacemento da súa revista, A Fouce. Coa chegada da transición Moncho decídese a militar na AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e posteriormente no BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego), coalición coa que é escollido concelleiro de Culleredo en 1979, volvendo ocupar o cargo catro anos máis tarde xa no recén creado BNG. Para el, a política non era máis que unha «actividade orientada á educación do pobo» para espertar neste «un espírito crítico e de responsabilidade social».

Carnet da AN-PG, unha das organizacións nas que Moncho militou

Carnet da AN-PG, unha das organizacións nas que Moncho militou

Como exemplo da súa labor desinteresada a prol do país, cómpre falar do traballo que Moncho Valcarce leva a cabo durante o 1977, ano clave na súa vida. En apenas 12 meses amosa o seu carácter combativo, a súa convicción e o seu compromiso nas diferentes loitas nas que se ven inmersos os labregos galegos. Estes atopan na figura de Moncho unha axuda fundamental, alimentada polo respecto que no rural galego se lle tivo sempre ao clero. O coruñés é especialmente coñecido polo seu apoio ao campesiñado das Encrobas, cuxa loita chega ao seu punto álxido coa gran batalla de febreiro do 77, na que el mesmo está presente. O alcumado cura das Encrobas, debido á súa importancia durante o sonado conflito, dinamiza a situación de tal xeito que os propios veciños cobran conciencia do seu problema e coa súa axuda conseguen organizárense para esixiren un trato xusto por parte da empresa. Mais no mesmo ano Moncho tamén se implica coa vila de Baldaio, onde unha empresa consegue a concesión para a extracción de area da marisma, provocando así a destrución da súa riqueza; co movemento antinuclear de Xove, etc. Así mesmo, o cura destaca polas súas enérxicas protestas contra a cota empresarial, inxusta contribución esixida aos labregos galegos que acabaría provocando diversas manifestacións e unha grande tractorada nas principais vilas do país.

No 87, a xerarquía eclesiástica, á que non lle interesa que Moncho participe moito en política, envíao a Salamanca coa desculpa de que realice un curso teolóxico na Universidade Pontificia. De alí volta máis comprometido ca nunca coa defensa dunha realidade concreta: o seu país, Galiza. É destinado ao concello de As Pontes, onde se encarga de varias parroquias e incluso dá clase nun instituto da vila que hoxe leva o seu nome.

En outono de 1991 descóbrese no corpo de Moncho Valcarce un cancro irreversíbel. O cura vive os seus últimos tempos con enteireza e dignidade, mentres escribe unha serie de textos que acabarán sendo incluídos na súa obra póstuma Revolucionario e místico: Diario íntimo da doenza final (Encrucillada, 1994). Ano e medio máis tarde, o 1 de febreiro do 93, o cancro acaba coa súa vida. Moncho, que só contaba daquela 57 anos de idade, abandónanos de xeito prematuro. O enterro ten lugar no cemiterio de Santo Amaro, da Coruña, co ataúde cuberto coa bandeira galega e o himno soando de fondo, toda unha declaración de intencións.

Moncho recibiu sepultura nun enterro multitudinario

Moncho Valcarce recibiu sepultura nun enterro multitudinario

Os paus da Garda Civil; as noites no calabozo; os enfrentamentos con Unión Fenosa, empresa da que era accionista por herdanza paterna; as súas revolucionarias innovacións nas parroquias que atendeu… Estes son só algúns exemplos que deixan patente a fortaleza das súas conviccións e a integridade da súa persoa. O seu compromiso coa construción dun mundo máis humano e máis xusto era tan grande que chegou a ser suspendido de oficio en varias ocasións por discusións coa xerarquía eclesiástica. Porén, como el mesmo afirmaba, co seu labor non pretendía máis que cumprir o mandado de Xesús de Nazaret, a quen afirmaba seguir con fidelidade.

Hoxe fanse 20 anos desde a súa marcha, mais a morte non tivo a forza suficiente para levar ao esquecemento a un home que nos deixou un legado único, e cuxa figura hoxe é lembrada e posta en valor pola Irmandade Moncho Valcarce, impulsada por amigos, compañeiros e familiares. E é que o alcume de cura do pobo non se gaña de balde. A súa entrega ao próximo e o compromiso que sempre caracterizou a súa valente loita fixérono xa historia viva da nosa terra.