Da ortografía e o maltrato

Artículo 41. Sólo los venezolanos y venezolanas por nacimiento
y sin otra nacionalidad podrán ejercer los cargos de Presidente o
Presidenta de la República, Vicepresidente Ejecutivo o Vicepresidenta
Ejecutiva, Presidente o Presidenta y Vicepresidentes o Vicepresidentas
de la Asamblea Nacional, magistrados o magistradas del Tribunal
Supremo de Justicia, Presidente o Presidenta del Consejo Nacional
Electoral, Procurador o Procuradora General de la República, Contralor
o Contralora General de la República, Fiscal General de la República,
Defensor o Defensora del Pueblo, Ministros o Ministras de los despachos
relacionados con la seguridad de la Nación, finanzas, energía y minas,
educación; Gobernadores o Gobernadoras y Alcaldes o Alcaldesas de
losEstados y Municipios fronterizos y de aquellos contemplados en la
Ley Orgánica de la Fuerza Armada Nacional.

Constitución da República Bolivariana de Venezuela

Que o fantasma da corrección política percorre Europa xa o sabiamos. Ano tras ano, as células do politicamente correcto vanse  expandindo, a xeito de tumor, sobre o noso sentido do humor, a nosa literatura, as nosas conversas cotiás. Agora, ameazan con facer metástase e cargarse para sempre a nosa lingua atacando os seus últimos reductos: a ortografía, o léxico e a gramática. A policía (da corrección) política, oculta nas universidades, os partidos políticos, os sindicatos e demais organizacións da “sociedade civil”, intensifica os seus esforzos por crear unha neolingua orwelliana que se axuste ó que eles consideran aceptable. As súas multicopistas ferven imprimindo milleiros de “guías da linguaxe”, pequenos libros vermellos que pretenden depura-lo idioma de elementos indesexables. No seu titánico labor, os lingüístas e, por suposto, os falantes, non son máis ca obstáculos que impiden a consecución da súa brave new language.

A Gestapo da lingua blande de xeito ameazante un mantra: a linguaxe ten ideoloxía. Do mesmo xeito que (supoño) todo coitelo é un criminal en potencia, todo coche é un arma letal para atropelar anciáns, todo ordenador é unha ferramenta de pirateo e todo libro é manipulador, a linguaxe ten ideoloxía. Os comisarios da corrección política non poden entender que a lingua é só unha ferramenta a disposición dos seus falantes. Que ó igual que o coitelo, o coche, o ordenador e o libro, a lingua pódese empregar para aprender a falar a un fillo, para dar clase de física a uns alumnos, para ligar, para facer amigos, para negar compulsivamente que se recibiron sobres con cartos e para lanzar acendidas arengas nacionalsocialistas. Que ideoloxía ten, por exemplo, a palabra “pureza”? Pode empregala un cura para falar dunha persoa “que non caeu nas tentacións terrenais”, pode sacudila un Goebbels enfurecido para defende-la raza aria incorrupta, pode darlle uso un profesor de xeoloxía para explica-la composición dun mineral ou pode pronunciala a voz en off do anuncio de Font Vella. Cal destas catro sería a ideoloxía da palabra “pureza”?

Este ataque indiscriminado contra a linguaxe colle tintes especialmente dramáticos cando se disfraza de “linguaxe non sexista”. De súpeto, o uso do masculino xenérico (usar “os alumnos” para englobar “os alumnos e as alumnas”) trepou na escala do sexismo ata situarse por riba do home maltratador.  Quen ose dicir “todos somos moi altos” no canto de “todos e todas somos moi altos e altas” convírtese ipso facto en cómplice da desigualdade entre os sexos. Porque, non o esquezamos, a existencia dunha “linguaxe non sexista” implica que a lingua que a maioría de nós empregamos é unha “linguaxe sexista”. Si, aprezados lectores, aínda que o máis sexista que haxa en vós sexa que preferides un sexo a outro á hora de ligar, o emprego do masculino xenérico convírtevos nun machista pai de familia español dos anos 30. E se es muller, nunha renegada, cómplice do patriarcado heteronormativo. Pouco importa a intención do falante, pouco importa o contexto no que se use este trazo da lingua galega e a española: guías lingüísticas coma a do sindicato Comisiones Obreras sentencia que “el uso del masculino genérico implica un trato lingüistico discriminatorio”, e xa está.

As calenturientas mentes dos reconstrutores da lingua idearon múltiples solucións para evita-lo “machismo lingüístico”. As duplicacións múltiples coma as da Constitución venezolana están no hit parade, aínda que se carguen o principio da economía lingüística. Para que dicir algo en 25 palabras, se podes dici-lo mesmo en 40 e loitar contra o patriarcado? Internet chora pola cantidade de estrelas de Twitter que quedaron polo camiño na defensa da igualdade. O emprego dun nome colectivo ou impersoal aparece para suplir esa eiva e xerar outras moitas complicacións. “Os ministros de Agricultura da Unión dixeron bla”, convírtese así en “Os ministerios de Agricultura da Unión dixeron blé”. As diferenzas de significado son nimias comparadas co dano irreparable que se lle fai á dignidade da muller.

Malia todo, as dúas solucións que acabo de referir carecen do máis mínimo glamour e sonan como a rancio, parece que o teclado do iMac non está deseñado para escribir “os e as alumnos e alumnas”. Para eles naceron as moi diversas creacións do posmodernismo lingüístico, que se van actualizando co paso do tempo. Os inicios de século, Napster, Terra e a burbulla puntocom trouxéronnos a arroba. Xa que esta vella unidade de masa pode indicar tamén unha dirección de correo electrónico, por que non usalo tamén como ambigua marca de xénero? O fracaso de enxeñosas solucións coma “@s xef@s” (tradúzase como os e as xefos e xefas) ou “facilitaráselles información @s medios asistentes” (prometo que o lin recentemente) puxeron ás mentes máis lúcidas do neolingüísmo a traballar en novas solucións. Nacían así “xs compañeirxs” ou “*s compañeir*s”, por cuxa transcrición fonética xa ofreceu a academia sueca un Nobel honorífico. As máis radicais pasaban xa ó estremo contrario, convertindo o secular masculino xenérico nun feminino xenérico renovador e progresista, que durará ata que algún home non se sinta incluído nel, pase á arroba e dende aí ó masculino xenérico. E volta a empezar. Quizais vivo nun ambiente reaccionario, pero xamais me aconteceu que por dicir “ei, vinde aquí todos que vos invito a unha caña” as mulleres deixasen de acudir. Son traidoras e esquirolas as mulleres, sen dúbida con mentalidade decimonónica, que aínda hoxe se siguen sentindo identificadas polo masculino xenérico? Supoño que si.

Así e todo, non cómpre esquecer que a linguaxe non sexista, tal como a conciben os seus ideólogos, é tan de postureo coma estar con boina ou pucho nun sitio cuberto. As duplicacións, os asteriscos e as arrobas non se usan na lingua oral normal, para alivio dos ouvintes e das gorxas dos falantes. O hábitat natural da neolingua contra o patriarcado son os actos reivindicativos, a linguaxe institucional, os cartaces e as pancartas de manifestación. Unha vez o falante neolingüístico garda o pin morado ou sae da súa oficina na subsecretaría xeral de Tal, volve a usos idiomáticos tardofranquistas. Para eles vai esta pregunta, parafraseada do académico da Real Academia Española Ignacio Bosque: é correcta a frase “ninguén estaba contenta”?

A lingua é unha ferramenta que o falante emprega como quere. Aqueles que queren moldeala ó seu antollo só a están empobrecendo e, de paso, tentando impoñer etiquetas a aqueles que non acatan ós seus designios, ó máis puro estilo da Santa Inquisición. Poñámonos no caso de que os neolingüístas triunfan, e que o masculino xenérico, reducto último do machismo, queda erradicado para sempre do idioma galego. Chegaremos a un mundo feliz, libre do patriarcado heteronormativo, no que un profesor podería dicir “os e as alumnos e alumnas farán aquí o exame, aínda que como elas son menos intelixentes, suspenderán” e, loxicamente, non sería sexista. Ou si?