Vantaxes e desvantaxes da Copa para o Obradoiro

Tras disputar 16 partidos o Obra estaba en disposición de clasificarse para a Copa do Rei. Faltaban corenta minutos para cumprir un soño. Mentres se disputaba a segunda metade do partido en Badalona preguntaríame se é beneficioso para un club coma o Blusens Monbús clasificarse para esta competición.

Non era a primeira vez que o Obradoiro podía chegar á Copa. Na tempada 2009/2010 estivo a un partido tamén. En Madrid, contra o Estudiantes a afección obradoirista portou unha pancarta que dicía “In Alberto, we trust”. Ese Alberto referíase ó director deportivo daquel Xacobeo Blusens. Da nada fixo un equipo que competiu a bo nivel na primeira volta. O mesmo Alberto declarou que sería negativo clasificarse, que o cansazo podería afectar a unha plantilla tan curta como a que tiñan. A pesar de quedar fora dos oito mellores nesa primeira volta o equipo non notou esa semana de descanso e, tras ganar un partido en toda a segunda parte de campionato, descendeu á liga LEB.

Entón, este ano, que hai unha base mellor ca do equipo que retornaba á ACB tras tanto tempo, poderíase dar ese salto sen resentirse? Seguramente que si, pero o tempo será o que de a razón. Polo momento estas serían as vantaxes de disputar a Copa do Rei:

  • Escaparate mundial. É o segundo evento do baloncesto español máis seguido trala final. Ó ser nunha soa cidade e con sete partidos en catro días toda a prensa internacional achegarase a Vitoria. Incluso os scouts da NBA daranse cita para ver ós que poden ser futuros xogadores da liga americana.
  • Máis apoios. Máis de todo. Publicidade, institucións, afección, interese polo baloncesto galego, recoñecemento fóra de España. Podería ser o empurrón que necesita o club de Raúl López de cara ás vindeiras tempadas. Sempre se bota en falta un sponsor que aporte unha gran parte do presuposto, pero sendo un club que “renaceu” hai catro anos é difícil de conseguir.
  • É bo para a liga. Sempre que poidas dicir que loitaches para entrar na Copa ata o último momento significa que levas un número de vitorias alto. Se a iso sumámoslle que o obxectivo do Obra é a permanencia dá como resultado unha permanencia case asegurada. Pero non esquezamos o que ocorreu fai tres anos.

Non todo vai ser positivo ó dar o paso da Copa. Estas son as desvantaxes:

  • Sen descanso. Dispútase en febreiro durante un fin de semana. Polo tanto os equipos que non se clasifican poden tomarse uns días para relaxar pernas e brazos e prepararse para a recta final. Se tes que ir a Vitoria estarías en tensión, máis da habitual, as viaxes de ida e volta, o pensamento posto incluso semanas antes no partido de Copa…son demasiados os factores que poderían influír na liga, que é a competición importante para o Obra.
  • Esixencias no futuro. Sempre hai que ir mellorando pouco a pouco. Ese é o slogan de todo deportista ou equipo deportivo. Se te clasificas suponse que para o ano seguinte deberías volver a estar na pomada. Pero é moi difícil manter un nivel tan alto para un equipo cun presuposto tan baixo. Polo tanto, é mellor ir paso a paso e a Copa xa chegará.

Como a posibilidade de acadar o premio que sería ir a Vitoria do 7 ó 10 de febreiro xa non é posible hai que seguir pensando no futuro. O máis inmediato é conseguir a salvación matemática. Unha vez feito esto poderase pensar en máis opcións. A única opción que rolda a cabeza dos obradoiristas son os playoffs.