Un exercicio de pluralidade

Xa escribimos nalgunha ocasión no humilde recuncho que nos garda este xornal que ás veces nos empeñamos en escribir a historia como unha sucesión de bos e malos, un contraste que vai do branco ao negro sen sequera asumir que poida existir ningunha sorte de gris. Hoxe non estamos aquí para conceder premios, botar exabruptos contra nada nin sinalar co dedo a ninguén. Aparecemos todos para  facer de avanzadilla e presentarvos un dos maiores esforzos que levamos feito nesta sección por ser gardiáns diso que predicamos e que ás veces se nos critica tanto:  a pluralidade.

Se un fai unha defensa feroz dun valor, como nós facemos da nosa liberdade cando chegamos a cualificala como o máis definitorio da nosa identidade, ten que levalo ata as últimas consecuencias. Aínda que a algúns lles pese.

Cando alá por finais de Novembro en Composturas decidimos que queriamos tratar o conflito palestino-israelí entendemos desde o primeiro momento que non estabamos ante un asunto calquera. Todo o equipo comprendeu que se debía asumir un sentido da responsabilidade á altura das circunstancias e do tema en cuestión. Confesámosvos que nós mesmos nos achegamos a esta historia con todas as dúbidas que poidades imaxinar, sentindo, a partes iguais, fascinación e desconfianza. A primeira viña dada polas ganas que tiñamos de facer isto, achegarvos os mesmos acontecementos desde puntos de vistas diferentes, mesturando  a Historia (si, con maiúscula) coas vivencias persoais da xente que as sofre, ao seu xeito, desde fóra.

Fonte: periodismoactual.com.ar

Fonte: periodismoactual.com.ar

Nós non somos deses xornalistas que cren que o público é estúpido e que lle hai que contar a realidade de xeito sinxelo para que non necesite moito esforzo ao dixerila. Cremos na vosa conciencia crítica e na capacidade que tedes para pensar por vós mesmos e é por iso que o único que facemos é achegarvos contidos que as estimulen, aportarvos elementos de valor para que conformedes os vosos propios xuízos. Ás veces debemos pasar revista a aquilo no que cremos e pararnos a meditar na escala de grises dos nosos convencementos, xa sexa para acabar por reafirmalos, quedarnos con esa dúbida razoable ou (quen sabe?) modificalos.

Desde aquí gustaríanos que todos sexamos quen de librarnos por uns momentos dos prexuízos que temos e intentemos aproveitar  algo desta fornada de pluralidade que vos traemos. Se gozades tanto lendo como o fixemos nós realizando estas pezas faredes que todo este traballo valese a pena. Finalmente, só queremos pedirvos un favor:  que sexades todo o críticos que queirades co equipo de Compostimes e cos firmantes dos artigos, pero que respectedes de xeito exquisito aos entrevistados que tiveron a ben atendernos e contarnos a súa historia vital.