“O mediador”, outro xeito de facer xornalismo

O xornalismo gráfico non é un xénero moi estendido nin recoñecido, pero iso non quere dicir que non haxa bos autores que o cultiven.

Un deles é Joe Sacco. Nado en Malta en 1960, licenciouse en Xornalismo na Universidade de Oregón en 1981 e é un autor alternativo de cómics que se aproximan á crónica de guerra ou incluso á reportaxe.

mediador_-_planeta

Sacco adicou varios anos da súa vida a viaxar polo mundo para logo retratar as súas experiencias. Entre elas, atópase  O mediador –  Unha historia de Saraievo. Nela recolle algunhas das súas vivencias na capital de Bosnia e arredores en 1995, a finais da guerra da antiga Iugoslavia.

O autor fai unha crónica do suceso dende unha perspectiva totalmente humana ó centrar a obra nunha personaxe: Neven. Trátase dun ser complexo, un antigo soldado que, supostamente, lle conta a Sacco a súa vida durante a guerra sumada a outros aspectos de interese, aínda que non todos eles son certos. Neven é unha persoa desequilibrada, dalgún xeito, debido ós acontecementos da guerra, arruinado e que é empregado como comodín para todos os xornalistas internacionais.

A partir del coñecemos ós dous Celo (Ramiz Delalic e Ismet Bairamovic), Iuka (Jusuf Prazina) e Caco (Musan Topalovic), comandantes bosnios e antigos criminais que ante o ataque serbio conseguen organizar grupos de resistencia en distintos puntos da cidade. A maior parte dos compoñentes destas brigadas eran expresidiarios, pero iso non evitou que mantivesen certo contacto co goberno. Por un lado, colaboraban ca policía estatal, aínda que debido ós problemas que causaban, os abusos e á brutalidade dos seus actos, o goberno remata por desvincularse totalmente. De feito, incluso se dan ordes para asasinar a algúns dos que non foron capaces de controlar.

Pode parecer pura ficción dicir que os principais puntos de resistencia de Bosnia ó comezo da guerra estaban formados por convictos, pero non tedes máis que introducir algúns dos citados nomes en Google para comprobalo. Certo ó 100%.

Joe Sacco na realidade e no cómic.

Joe Sacco na realidade e, supostamente, no cómic.

Joe Sacco conta a historia en primeira persoa, como se fose autobiográfica: trátase dun xornalista que recorre as diferentes zonas de Saraievo e se atopa con Neven, o único disposto a axudalo coa súa tarefa. Amósanos a dureza da guerra e a tolemia que se apoderou das persoas e ata do ambiente da cidade. Os debuxos son claros. É un retrato da vida da capital nese momento, unha análise da posguerra a partir da historia dun delicado ser humano.

Con el viaxamos a diferentes campos de batalla e coñecemos famosas personaxes desta, dá saltos temporais nos que nos achega a momentos puntuais de gran relevancia para o transcurso da guerra. Tampouco se esquece do factor social, no cómic represéntanse diferentes escenas dos cidadáns: tanto boas, como as xentes nas terrazas de bares e restaurantes; como as malas, nas que amosa a morte de persoas inocentes ou o abuso por parte dos soldados ós civís.

Sen máis avances sobre ela, direi que se trata dunha novela gráfica moi emotiva, cunha forte presenza de vida e de morte. Unha visión dunha guerra impregnada de dimensión humana, dun suceso recente cheo de dor.