O eterno alento de Enrique Meneses

Pouco hai que botou a andar este 2013, mais xa tivo tempo de levar por diante a un dos grandes. A madrugada de hoxe, 7 de xaneiro, faleceu ós 83 anos o reporteiro Enrique Meneses. Posiblemente non sentise tanto esta morte se non fose porque, hai pouco máis dun mes, puiden participar nun coloquio vía Skype con este octoxenario. No salón de actos da Facultade de Comunicación da Universidade Pontificia de Salamanca, medio centenar de alumnos acollemos a esta gran figura do xornalismo nunha conversa 2.0. Desde a súa casa de Madrid, asistido por unha máquina de osíxeno, Meneses deleitounos cunha mente sorprendentemente lúcida, invulnerable ó gran deterioro físico. Recordo a súa franqueza, a súa falta de pelos na lingua e o seu espírito alentador. Sorprendeume a enorme forza vital que conservaba despois de tantos anos trotando polo mundo.

El País

El País

Independentemente do resto, xa é un luxo poder compartir tempo cunha persoa do seu calibre. Un home que na súa infancia viviu en París a ocupación alemá durante a Segunda Guerra Mundial. Un redactor que que publicou a súa primeira reportaxe con 17 anos. Un fotógrafo que cubriu en primeira persoa a Revolución Cubana, convivindo durante catro meses con Fidel Castro e o Ché Guevara en Sierra Maestra. Un reporteiro e correspondente que percorreu medio mundo, deixando unha gran pegada en diversos países de África e Oriente Medio. Un escritor, un galardoado, un xornalista que publicou en decenas de diarios e revistas; que traballou –entre outras– para Paris-Match e Life; que cubriu moitos dos conflitos transcorridos na segunda metade do século XX; que entrevistou a figuras como Nasser, Dalái Lama, Salvador Dalí, Martin Luther King, Mohamed Ali… e que seguiu exercendo o xornalismo ata o último día da súa vida.

“Dos 63 anos que estiven facendo xornalismo, 61 exercino como freelance, porque non aturaba ós redactores xefe e porque quería escribir sobre os temas que a min me gustaban”.

Esta charla foi tamén unha ocasión para venerar a figura do freelance, que el tomaba como “salvación” do xornalismo do futuro. Contando as súas aventuras, Meneses abriunos unha porta de esperanza ante o panorama mediático actual. Foi unha situación nas que te illas da realidade xornalística na que te desenvolves a diario e regresas á natureza do oficio, ó xornalismo feito con dedicación e vocación. Cando unha soña –aínda que só poida soñar – co xornalismo maiúsculo, non pensa na redacción dun xornal, senón nas reportaxes de Kapuściński. Oír a Meneses foi coma ler un libro de Kapuściński, pero materializado.

“Non agardes polo diñeiro dun medio para facer unha reportaxe. Vaite, faina, e se é boa xa recuperarás o que invertiches”.

Enrique espertou en nós o espírito aventureiro, segundo el desaparecido na xuventude de hoxe en día. Ensinounos que non hai porque apandar e aferrarse ó “é que que hai”; que sempre hai alternativas, e que pagan a pena. Foi un home que se criou canda á máquina de escribir e morreu ó carón da tablet. E non rexeitou ningún dos avances tecnolóxicos que presenciou, pero tampouco os empregou indebidamente. Adaptouse á era dixital, mais non por iso esqueceu o –segundo el– esencial do xornalismo: ir, ver, escoitar, gravar, volver e contar. Ata o momento de morrer continuou actualizando o seu Twitter e a súa web; así como colaborando nun dos seus últimos proxectos: Utopía TV.

Quizais na súa longa vida el fose tamén o máis grande dos utópicos, pero, despois de todo , non lle foi mal. No seu Manifesto Infrarrealista, o chileno Roberto Bolaño dixo a fermosa frase de  “soñabamos coa utopía e espertamos berrando”. Neste caso, a Meneses a utopía serviulle, efectivamente, para berrar.