O aristócrata punki, o burócrata e o compositor tatuado

O castelo de Praga é un castelo peculiar. Lonxe daquelas moles graníticas do Loira e máis lonxe aínda do castelo de Walt Disney, o castelo de Praga parece máis ben unha cidadela medieval. Dentro das súas murallas hai unha catedral, tres igrexas, un pazo, un obelisco e un mesmo un enxame de casiñas. Mais o castelo non se amilana. Coa súa heterodoxia por bandeira, segue gobernando Bohemia dende a colina de Hradčany coa mesma solemnidade que ten dende hai case doce séculos. Non se resignou a un retiro dourado como atracción para os turistas do século XXI: tamén se pediu se-la residencia oficial do presidente de Chequia.

Durante as xornadas de onte e hoxe, os cidadáns checos escollían por primeira vez na súa historia ó que será o próximo inquilino do vello castelo de Praga. As urnas decidirán ó próximo ocupante desas estancias polas que pasaron personaxes tan variopintos como o emperador do Sacro Imperio Carlos IV, o pai da patria checa Tomáš Garrigue Masaryk, o sanguinario nazi Reinhard Heydrich ou o sinistro comunista Gustáv Husák. Todo un posto con historia. Malia a restauración da democracia na vella Checoslovaquia, o presidente seguía sendo un cargo elixido entre bastidores. Un complicado sistema de maiorías no Parlamento e no Senado asegurábanlle ó vulgo unha grande dose de intrigas políticas, pero máis ben pouca democracia. Este 2013, trece anos despois da caída do comunismo, unhas eleccións presidenciais a dupla volta, ó estilo francés, escolleron ó sucesor do presidente saínte Václav Klaus, coñecido a nivel europeo polo seu euroescepticismo e por unha incipiente cleptomanía.

O próximo presidente checo será o populista de esquerdas Miloš Zeman, escollido por un 54,8% dos checos. Zeman, un home do sistema cun destacado papel nas intrigas políticas da transición, contaba con dúas poderosas armas: unha retórica incendiaria e o apoio do presidente Klaus. O feito de que o presidente saínte sexa habitualmente considerado como liberal  fai o galimatías político checo aínda máis incomprensible. O mapa político deste país, coma o da meirande parte do bloque ex-soviético, adoita ser inversamente proporcional ó de Europa occidental. Así, Zeman cimentou a súa victoria na poboación rural, de idade máis avanzada e procedentes das zonas máis pobres do país, coma Bohemia do Norte (unha zona industrial en decadencia) e Moravia oriental.

Schwarzenberg, en campaña

Schwarzenberg, en campaña

O seu rival, o conservador Karel Schwarzenberg, logrou convencer a dúas de cada tres persoas novas e á maioría de votantes das zonas urbanas, con Praga á cabeza. Entre os mozos da capital, Schwarzenberg causou absoluto furor. Aínda que un aristócrata de orixe austríaca coma el teña un nome tan pouco cool como Karl Johannes Nepomuk Josef Norbert Friedrich Antonius Wratislaw Menas Fürst zu Schwarzenberg, as súas paxariñas e mailo seu estilo á hora de fumar en pipa convertiron ó conservador nunha auténtica icona da irreverencia. Durante a campaña, unha chapa co rostro do príncipe Schwarzenberg cunha crista punki foi o último berro evolim-karlantre a mocidade. Fronte ó apoio que lle deu Václav Klaus ó candidato Zeman, o aristócrata gañou o corazón de persoeiros do mundo da cultura coma os directores de cine Zdeněk Svěrák (quizais non o coñezades, pero ten un Óscar) e o arquicoñecido Miloš Forman. O seu pasado como ministro de Asuntos Exteriores, o seu decidido europeísmo e un dominio do inglés que faría ruborecer a Aznar fixeron o resto, pero non foi suficiente.

Na primeira volta, Schwarzenberg e Zeman deixaron atrás a unha decea doutros candidatos, aburridísimos todos eles agás un: Vladimir Franz, a viva imaxe do cansazo que boa parte da poboación checa sinte cara ós seus políticos. Franz, amais de compositor e director de obras teatrais, tiña un atributo que ós políticos españois lles produciría urticaria: levaba  todo o corpo tatuado, dos pés á cabeza. E semella que cada milímetro de pel pintada lle valeu un voto, pois quedou próximo ó 7% na primeira volta.

A xeito de xustificación póstuma do éxito de Franz, os candidatos da segunda volta metéronse ata o pescozo na lama dunha guerra sucia. Zeman atacou a Schwarzenberg apelando ó ancestral odio dos checos cara ós alemáns, especialmente se son aristócratas. E Schwarzenberg soa moi, moi alemán. “Non quero unha sucesora que non saiba falar checo”, dixo a primeira dama saínte sobre a muller do candidato conservador. “Sabedes por que os guardias reais (tradución do apelido Zeman) somos máis fortes ca os aristócratas?Porque eles tiñan dereito de pernada coas rapazas, nós tiñamos que loitar polas nosas presas” – bromeou un Zeman imbuído de sarcasmo medieval. O claro favorito da primeira ronda, Jan Fischer, quedou apeado das eleccións trala publicación dunha fotomontaxe del co uniforme dun grupo paramilitar comunista dos tempos da ditadura. E como colofón, no día anterior á votación apareceu no tabloide máis lido do país un anuncio a páxina completa titulado “Non elixades a Schwarzenberg” As últimas pesquisas apuntan a que a propaganda foi pagada por un antigo membro da StB, a policía política do comunismo. As consecuencias de todo isto non tardaron en facerse notar: unha sondaxe do diario Právo apuntaba que menos dun 15% da poboación se sentira satisfeita coa campaña electoral.

Braveheart? Non, Vladimir Franz

Braveheart? Non, Vladimir Franz

O maior reto de Miloš Zeman non será loitar contra a crise económica, pois o presidente ten moi pouco poder executivo. Zeman ten ante si algo moito máis complicado. Ten que conseguir que o pobo checo, o máis ateo do mundo, recupere a fe nalgo terreal e moito máis palpable: o seu goberno. De momento, os mozos checos xa lle teñen prevista unha simpática benvida ó novo presidente. Hoxe ás nove da noite hai convocado en Praga un “Facepalm nacional”. Se vós tamén estades fartos dos vosos políticos de toda a vida, non deixedes de asistir. Un golpe na cara e ve-lo precioso castelo de Praga fan que o billete de avión pague a pena.

ACTUALIZACIÓN (27/1)

chequia eleccions

Fonte: idnes.cz

O que tendes arriba é un mapa da distribución do voto por concellos, aínda que ben podía ser tamén un mapa da división entre a Chequia rural e a urbana, entre a Chequia pobre e a rica. Os poucos concellos onde se impuxo Karel Schwarzenberg coinciden coa inmensa maioría das cidades do país: Brno, České Budějovice, Plzen, Liberec, Hradec Králové, mesmo a cuasecolonia rusa de Karlový Váry. Na área metropolitana de Praga, onde viven dous millóns de checos (case un quinto da poboación do país), o candidato conservador conseguiu un impactante 66% dos votos. Entre os checos da diáspora a vitoria do príncipe Schwarzenberg foi aínda maior, pois chegou ó 84,2% dos votos no exterior. Mentres, como comentaba arriba, a vitoria de Zeman sustentouse en toda a Chequia rural e mais nas cidades máis pobres: Ostrava e Olomouc. O rural envellecido vota á esquerda, a poboación urbana e nova vota á dereita… incomprensible para un galego, non é?