Neotradutor para neofalantes

Noel Gallagher

Noel Gallagher

Conseguírono. A idea era escribir sobre o concerto de Oasis na Metro de Chicago, en Outubro de 1994, especular sobre as caras de felicidade que os dous irmáns Gallagher tiñan cantando “Cigarettes & Alcohol” xustamente un ano antes de sacar á venda o “(What´s the Story) Morning Glory” e tentar crer que o disco que daquela presentaban, “Definitely Maybe”, agromara do máis puro amor fraternal, da adorable colaboración entre dous individuos que compartiran a súa infancia, a mesma roupa, os mesmos xoguetes, as mesmas drogas… que compartiran algo máis, en definitiva, que a reciprocidade do odio que amosaban as declaracións da súa época de “The Importance of Being Idle”, “Wonderwall” ou “Lyla”. O propósito deste artigo era falar sobre como o goce das súas facianas semellou ir mudando cara o noxo dende a súa presenza anecdótica no Glastonbury do 1994 ata os estadios cheos de 1995 en diante. Quizais nas que Liam se apartaba para tocar a pandeireta e deixaba a Noel só, como ocorre en “The Masterplan”, puido seguir apreciándose un mínimo de amor á arte, pero en fin, a cuestión é que o conseguiron. Cando a especulación sobre como a fama adulterara tan fermosa relación de irmáns músicos chegaba ó punto clave atopeime co problema de que non existían case palabras en galego para continuar a historia e un arrebato de indignación fixo que tivera que cambiar de tema para clamar contra este pequeno inconveniente.

Chegado á etapa de cando o seu nivel de fama lles permitía esnifar cocaína no aseo exclusivo da raíña no número 4 de Downing Street din con que este termo (“esnifar”) non existe en galego, co que, como bo cidadán, coñecedor de tódalas ferramentas que o goberno autonómico, fiel promotor do emprego da nosa lingua, pon á nosa disposición, acudín ó avanzadísimo tradutor da Xunta de Galicia, que ofrece a posibilidade de traducir termos ó galego dende o inglés e o castelán (e viceversa) e ata ten estroboscópicas versións de proba co catalán e o francés. !!!!!. Todo un avance tecnolóxico para complementar as leis de cara a acadar unha igualdade no ensino de castelán, inglés e galego (todos por igual, si, pero nesa orde). Con este tipo de propostas, dende a súa páxina oficial, a Xunta/Junta/Together dá un paso definitivo de cara á normalización lingüística, complementando o impagable labor dos outros dispositivos dixitais como os fantásticos correctores de procesadores de texto.

Liam Gallagher

Liam Gallagher

E é que en efecto, o propio nome desta aplicación, Tradutor Xunta, xa se antolla un anticipo da súa eficiencia e mesmo unha extensión da tarefa normalizadora do organismo capitaneado por Feijóo cara a unha España máis unida. Tanto é así que, por exemplo, se introducimos “esnifar” en castelán, non só non nos propón unha alternativa, senón que tampouco nos indica que esa palabra non existe en galego, limitándose a copiala de novo coma se de feito tivese validez. Pouco a pouco, vano conseguindo: incluso nos textos escritos en galego vanse coando palabras en castellano (non vedes?) sen que nos decatemos, e esa arela por “igualar” xa non as tres, senón as dúas linguas oficiais vaise implantando subrepticiamente entre todos aqueles que non sucumbimos á coherencia, democratización e xustiza lingüística de insignes asociacións, mártires da igualdade, como Galicia Bilingüe. Quizais sexa buscar onde non hai, pero o Tradutor da Xunta antóllase outra estratexia encuberta para ensinar castelán á masa analfabeta que impón o galego. Ese é o motivo de termos quedado a medias coa historia dos irmáns Gallagher.

Así pois, conseguírono. Semella que á fin e ó cabo, galego e castelán son como Noel e Liam Gallagher (respectivamente?): nados dunha mesma nai e criados nunha mesma casa, están forzados a convivir, pero… cantos discos máis sacarán xuntos?