Isaac Díaz Pardo, memoria viva do país

O pasado sábado 5 de xaneiro cumpriuse un ano da morte de Isaac. No cemiterio de Boisaca, amigos, familiares e admiradores realizaron unha homenaxe a unha figura sen a que é complicado entender a cultura galega contemporánea. Por outra banda, nos días previos a este primeiro cabodano, Sargadelos iniciaba un ERE temporal que dá mostras de que este grupo empresarial non está a pasar polo seu mellor momento. O propio Díaz Pardo foi apartado da dirección da súa empresa vital nos seus últimos anos, poñendo un triste epílogo á que el definiu como “unha vida de fracasos”.

Isaac era así. A súa humildade obrigábao a considerarse un ninguén, un sopragaitas, como el mesmo se definía; a pesar de todo. A pesar dos numerosos recoñecementos que recibiu. A pesar de que en 2008 máis dun cento de persoeiros de todos os sectores do ámbito político e cultural asinasen un manifesto esixindo á Xunta a protección do seu legado. É que Isaac Díaz Pardo foi un galego ilustre, membro dunha destacada xeración que viviu toda a historia recente do país e rematou de esmorecer nos últimos tempos, tras producírense os falecementos de Fernández del Riego, en 2010, e Illa Couto e Pousa Antelo, en 2012. Díaz Pardo foi ilustre porque sobresaíu extraordinariamente non só nunha actividade, senón en moitas e moi diversas; e foi galego con maiúsculas porque encamiñou todo o traballo da súa vida a recuperar a memoria histórica e a conservar a idea de Galiza. Toda a súa actividade garda un denominador común: o compromiso co país e co pobo. Foi un auténtico servidor público que non precisou ocupar ningún posto nin cargo político para realizar o seu labor. Pintor, empresario, ceramista, escritor (tocando o ensaio, a poesía e o teatro), inventor, editor, deseñador, arquitecto… Estas son só algunhas das pólas desta frondosa árbore que foi Isaac, un home totalmente polifacético, ao estilo renacentista. Un Da Vinci á galega en pleno século XX.

Isaac, un mozo inconformista

Isaac co seu pai en 1925

Isaac co seu pai en 1925

Era o verán de 1920, e na Casa da Tumbona, situada na compostelá rúa das Hortas, viña ao mundo Isaac Díaz Pardo. Seu pai, Camilo Díaz Baliño, era un polifacético artista plástico relacionado co movemento galeguista e republicano da época. Pintor, escenógrafo, ilustrador e muralista, o seu activismo político e cultural influiu fortemente no seu fillo durante a súa infancia e adolescencia. Isaac medrou nun ambiente de destacada intelectualidade. Castelao, Cabanillas, Otero Pedrayo, Ánxel Casal, Carlos Maside, os irmáns Vilar Ponte… Estes eran só algúns dos nomes que, debido á relación que mantiñan con seu pai, pasaban con frecuencia pola casa familiar.

Cartel para a empresa Castromil obra de Díaz Baliño, pai de Isaac

Cartel da empresa Castromil obra de Díaz Baliño, pai de Isaac

Desde novo, Isaac mostrouse un rapaz inquedo e inconformista, moi ligado ás vangardas creativas que se estaban a desenvolver e cun destacado activismo político. “Queríamos cambiar Galiza e cambiar o mundo”, explicaría el mesmo moitos anos despois. En plena República militou nas Xuventudes Socialistas Unificadas, tomando contacto coa Fronte Popular. Ademais, ao tempo que estudaba o bacharelato, botaba unha man no taller de seu pai, que por aquel entón, ademais de traballar como delineante no Concello, se dedicaba especialmente á cartelería política. O mesmo Castelao lle encargara a Camilo Díaz Baliño, membro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, a realización da propaganda gráfica en defensa do Estatuto de Autonomía. Así, o propio Isaac tamén participou activamente na loita polo Estatuto, encargándose da realización de algúns carteis e incluso “facendo falar as pedras”, como dixo Manuel Rivas, cunha grande pintada na praza do Obradoiro que el mesmo inmortalizou coa súa cámara. “Si ao Estatuto de Autonomía”, rezaba aquel inmenso graffiti.

Os desastres da guerra

Nada máis estalar a Guerra Civil, o pai de Isaac foi apresado. Contan que na cadea, Camilo Díaz Baliño tivo o humor suficiente para realizar uns espléndidos retratos a carbón dos seus compañeiros de cela. Días máis tarde, e como tantos outros, o destacado pintor foi paseado. O seu corpo apareceu nunha cuneta da parroquia de Meixide, en Palas de Rei. Era un triste 14 de agosto.

Así, en plena adolescencia, Díaz Pardo quedou orfo de pai; e ademais, con súa irmá Mercedes e súa nai Antonia, que acababa de perder o sentido, ao seu cargo. Esta última falecería en 1938 sen conseguir nunca recuperarse. A pesar da súa xuventude, o nome de Isaac figuraba nas escuras listas dos golpistas, polo que tivo que pasar ao redor de seis meses agachado na casa do seu tío Indalecio, na praza de Pontevedra da Coruña. Logo, xa en 1937, comezou a traballar como rotulista nunha empresa de pintura industrial. Paralelamente, iniciou tamén o seu hábito a gardar polas noites un oco para cultivar a súa paixón: a pintura.

O rexurdimento

Grazas a unha bolsa concedida pola Deputación da Coruña, en 1940 trasladouse a Madrid para estudar Belas Artes. Sempre quixera ser arquitecto, pero nin sequera con axuda da súa familia puido afrontar os custos da carreira. Alí participou no primeiro proxecto de deseño industrial levado a cabo en España. Ao finalizar os estudos outorgáronlle a Medalla de Ouro do Conde de Cartagena polo seu brillante expediente. Así, por medio doutra bolsa, en 1943 conseguiu unha praza de profesor na Escola de Belas Artes de Sant Jordi, en Barcelona.

Isaac, pintor de éxito

En 1940, Díaz Pardo inaugurou, na Asociación de Artistas da Coruña, a súa primeira exposición pictórica. Repetiría na cidade herculina tres anos máis tarde, xa cun estilo máis traballado, pouco antes de casar con Carmen Arias de Castro, unha muller coruñesa de boa familia coa que tería tres fillos: Camilo, Rosendo e Xosé. As súas obras levaríano a expoñer en diversas ocasións en cidades como Vigo, Madrid ou Londres. Na Sala Da Vinci da capital británica, aló por 1947, foi unha auténtica sensación. Chegoulle unha hora para vender todos os cadros que presentaba.

O concerto de zanfona (1946)

O concerto de zanfona (1946)

Durante aquela primeira época, e con influencia de autores clásicos e renacentistas, realizou sobre todo retratos, bodegóns e obras de temática mitolóxica. Mais a finais dos 40 decidiu deixalo. “Axiña me decatei de que iso de andar pintando e vendendo cadros, ou pintando aos señores e señoras enriquecidos daquela época (…); por aí non ía a miña vocación”, afirmaría Isaac moitos anos despois.

Os afogados (1946)

Os afogados (1946)

Nos 40 tamén comezou a realizar algunhas obras de temática social, coma Os afogados (1946), onde quixo -e soubo- amosar a dureza do oficio do mariñeiro. Así adiantou as liñas que guiarían a súa pintura nos seguintes décadas, xa dedicado a outras tarefas de xeito profesional. Porque aínda que decidise non vivir dos seus cadros, Díaz Pardo nunca deixou de pintar. Pouco a pouco, o seu estilo foi adquirindo novos trazos, con sinais de identidade máis modernos e persoais.

Recollendo mortos (1955)

Recollendo mortos (1955)

Xente alporizada (1961)

Xente alporizada (1961)

Xentes que van combater a zorroseira (1973)

Xentes que van combater a zorroseira (1973)

As imaxes foron sacadas deste apartado da web de cultura da Xunta, onde se poden atopar outras das súas obras pictóricas máis destacadas.

Moldeando Sargadelos

En 1949, e abandonada a etapa de dedicación plena á pintura, Díaz Pardo comezou a traballar coa cerámica, fundando, xunto con outros socios, a fábrica de Cerámicas do Castro, no Castro de Samoedo (Sada). En 1955, invitado polo Centro Galego con motivo dunha exposición, viaxou por primeira vez a Bos Aires, onde pasaría 13 anos. Alí atopouse co máis destacado da cultura do país (Dieste, Lorenzo Varela, Neira Vilas…) e forxou unha grande amizade con Luís Seoane.

Díaz Pardo foi un pseudoemigrante e un pseudoexiliado. Nin foi alén do mar buscar grandes fortuna nin foi fuxindo desesperadamente. Porén, en Arxentina puido gañar diñeiro e ser máis libre. No seu vaivén atlántico, puido importar o bo de alá e exportar o bo de aquí. De alá trouxo a inspiración e os medios, de aquí difundiu a cultura, os resultados. É que tampouco se pode dicir que Díaz Pardo “fixese as Américas”, ou cando menos, os beneficios non foron só para el. Grande parte do diñeiro que alí gañou inverteuno na cultura e a sociedade galega. Así é como naceu, por exemplo, Edicións do Castro (1963), que desde a publicación de El toro público, álbum de gravados de Luís Seoane, e pasando polo best seller Memorias dun neno Labrego, de Xosé Neira Vilas; deu a luz a moitas das grandes obras literarias que hoxe conservamos no noso país.

As Memorias dun neno labrego, publicadas por Ediciós do Castro, levaron ilustracións de Isaac

As Memorias dun neno labrego, publicadas por Ediciós do Castro, levaron ilustracións de Isaac

Nada máis chegar a Arxentina, e en colaboración co seu amigo Seoane, Isaac puxo en marcha a fábrica de Cerámicas A Magdalena, e oito anos máis tarde, coa incorporación do arquitecto Andrés Fernández-Albalat, o Laboratorio de Formas. Este último proxecto sería o responsábel do deseño e da investigación creativa do Grupo Sargadelos, un conglomerado de empresas dirixidas por Díaz Pardo que sempre tiveron, como o resto da súa actividade, a Galiza como tarefa. Neste grupo empresarial fóronse integrando, ademais do Laboratorio de Formas e de Cerámicas e Ediciós do Castro; o complexo de cerámica situado en Sargadelos (Cervo) que Díaz Pardo recuperou a comezos dos 70; o novo Seminario de Estudos Galegos co que buscaron redimir o traballo perdido como consecuencia do estalido da guerra e da vitoria franquista, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información

Clásica máscara de entroido de Sargadelos, mostra da perfección estética e do compromiso cultural da empresa

Clásica máscara de entroido de Sargadelos, mostra da perfección estética e do compromiso cultural da empresa

O escritor

Durante a súa estancia en Arxentina, creou, xunto con Luís Seoane, a revista Galicia emigrante, na que participaba co pseudónimo Ollarnovo. Nesta época publicou Midas. O ángulo de pedra (Bos Aires, 1956). En 1960 escribiu Discusión sobre organización de industrias manufacturadas, obra vetada pola censura española, e en colaboración con Seoane publicou o ensaio Galicia hoy (1965), tamén con pseudónimos, na editorial Ruedo Ibérico. Seguindo coa labor ensaística, en 1976 publicou a súa Contribución de urgencia al entendimiento de los problemas arte/industria, e en 1987, Galicia hoy y el resto del mundo. Ademais de obras de poesía e teatro, tamén escribiu unha grande cantidade de artigos xornalísticos, destacando o seu “Lucubrar sobre o futuro para entender algo do presente”, co que gañou o XLI Premio Fernández Latorre.

Unha vida de entrega

Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Universidade da Coruña, Arquitecto de Honor polo Colexio de Arquitectos de Galicia, Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego, Medalla de Ouro de Galicia por parte da Xunta… Estes son só algúns dos recoñecementos que este home de pequena estatura e ollos atentos e intelixentes recibiu nas dúas últimas décadas pola súa dedicación á cultura do país en tan diversas actividades. Estes últimos anos, por desgraza, tamén os pasou entre preitos co novo Consello de Administración do Grupo Sargadelos, do que quedou apartado. Mais Isaac, que se dicía “acostumado a perder”, soubo sacar adiante todos os seus proxectos e nunca deixou de ser unha persoa inqueda e loitadora. Este conservador libertario, como el mesmo se definía na súa última etapa, pasou toda unha vida sementando co obxectivo de sacar a nosa cultura da súa longa noite de pedra, de facela florecer en todo o seu esplendor. E con homes que sementen coma Isaac, ben cedo tocará recoller os froitos.

© Vítor Mejuto

© Vítor Mejuto

Este artigo foi redactado por David Fontán e Olalla Liñares