Concerto de outono

“Ler un libro de poesía é a meirande aventura do espirito”. Así comeza Eduardo Moreira o prólogo do libro Concerto de outono. Aínda que para os amantes dos versos isto é unha obviedade, a lectura desta obra confírmao.

A súa autora, Luz Pozo Garza fai un exercicio de madurez no que combina o intimismo propio da totalidade da súa obra con novos matices adquiridos pola experiencia como o culturalismo ou o vitalismo. Esta poetisa é un pesonaxe moi salientable na historia da literatura galega. Pertence á promoción de enlace entre a xeración do 36 (na que se inscriben persoeiros do peso de Celso Emilio Ferreiro) e a Xeración das Festas Minervais (da que podemos salientar a Méndez Ferrín ou a Manuel María). Así, pode que o seu nome non sexa o máis soado na historia da nosa poesía, pero non será pola calidade dos seus versos.

luz pozo garza

O seu estilo é moi persoal. A pesares do sentimento implícito nos seus poemas, da pofundidade do que nos ten que contar, os versos parecen escaparnos das mans. As súas composicións non son longas, de feito, este libro é ideal para ler nunha tarde desas nas que non sabemos que facer. Cada palabra parece escollida para a ocasión con moito tino, a precisión nas descricións chega a ser abrumadora e dota a cada verso dunha delicadeza infinita.

“Unha fita de seda soio un fío

lene ferido polo insomnio”

Luz Pozo Garza trata temas moi diversos, pero as liñas principais son dúas: o amor e a morte. O amor como a forza que move o mundo e que alimenta o espírito. Tal e como nolo presenta parece imposible fuxir á súa influencia, aínda cando manca.

“unha fogueira intacta do tempo doutras vidas

que chamamos amor.”

A outra protagonista, a morte, está presente como unha compañeira silenciosa, da que en ocasións nos esquecemos pero que está sempre presente. Pozo Garza non dramatiza co tema, trata á morte como parte da vida, como ese inevitable destino cara ao que todos camiñamos. Incluso se atreve a facer un poema sobre a súa propia morte, ao que lle dou un título tan significativo como Cecáis mañá

“Conocerei o intre

nas rúas tebregosas

nos muros xordos onde alguén

escribíu un nome

soio.”

Tamén se tratan outos temas como a liberdade, a liberdade da terra, que nalgúns casos se mestura en poemas homenaxe a outros poetas como Blas de Otero ou Luis Seoane. Pero é innegable a especial relevancia dos que falan de Rosalía, aínda que máis ben parece que falan con ela. Á gran poetisa dedícalle un epígrafe completo do libro, Verbas a Rosalía, no que expresa a súa admiración pola autora e a tristeza pola súa ausencia. En canto á liberdade individual é moi salientable unha composición que titulou O prisioneiro:

“A soeda dun home a rabuñar no odio.

(…)

a razón de ser home

a sinrazón de selo.”

Esta obra conquista pola leve sutileza coa que está escrita sen renunciar a expresar as emocións máis profundas. Quizais sexa por iso que escapa, voa mentres se pasan as páxinas ata chegar a un final tras o que quixéramos pedir máis. A brevidade é unha constante, polo que neste mundo de 140 caracteres, parece unha obra que encaixa á perfección. Se decides ler este libro, non che quitará moito tempo, pero vaiche dar para moita reflexión. Nada mellor para despedirse que coa voz da propia autora:

“Adeus compre decilo

Mentres vou nomeando palabras sen sentido.”