Bocinazo: “Somos unha parodia de nós mesmos”

Se actualmente en Galicia somos tan “solventes” non é porque nos guíen grandes cabezas, senón porque en tempos duros contamos co amparo do mundo rural. En pleno século XXI, despois da gran febre urbanita, volvemos á orixe. É que a hortiña e o marrán sempre nos salvaron de moitas cousas.

Seguindo esta liña, os barcaleses de Bocinazo extrapolaron dita ruralización ó mundo da música. Cun estilo que eles definen como “rural rock”, Bocinas (voz), Vieito (guitarra solista), Cobelo (batería), Pepe Noya (baixo) e Xián (guitarra); deron á luz a un grupo polo pronto prometedor. O pasado 28 de decembro, no bar Fontana de Negreira, estrearon o seu primeiro videoclip: “Hoxe ensilei“. Acollidos por un público abundante e heteroxéneo, proxectaron en primicia este proxecto, seguido dun concerto de presentación.

No mesmo local, mentres no televisor o Dépor loita pola primeira vitoria do 2013, catro dos membros comparten cunha servidora un diálogo franco e espontáneo.

Bocinazo1

Bocinazo no seu videoclip “Hoxe Ensilei

¿Como xorde Bocinazo?

Bocinas: Bocinazo naceu unha noite, nun bar, un pouco de risas.

Vieito: Todos os grandes proxectos xorden de coña.

Pepe: Estabamos oíndo o tema “Highway to hell” de ACDC e déusenos por cambiarlle a letra ó retrouso por “hoxe ensilei”. Xurdiu a idea de facer unha versión, comezamos a ensaiar e foron saíndo algúns temas.

¿Por que Bocinazo?

V: Puxémoslle Bocinazo por Bocinas, que foi a gran fichaxe do grupo. Os demais xa tiñamos algo de experiencia musical, pero o del foi un descubrimento. Nunca se lle dera por cantar, pero de repente démonos conta de que era ideal par un grupo así.

Pero ese primeiro intento non saíu adiante.

P: Quedou un pouco estancado. Tiñamos varios temas ensaiados e incluso gravamos algún, pero cada un tiña a súa vida e pouco a pouco fómolo deixando de lado.

V: Pero sempre nos quedou aí a espiña cravada.

vieito boa

Vieito (guitarra principal): “Todos os grandes proxectos nacen de coña.”
Contraluz

E rexurdistes…

B: Outra vez nunha festa. En setembro estabamos na Santa Minia en Brión e saíu o tema de gravar un videoclip.

V: Volvemos a xuntarnos con algúns cambios. Eu pasei a tocar a guitarra, que antes estaba na batería. E ademais incorporáronse Cobelo e Xián.

¿Como definides o rural rock?

Xián: O rural rock está na actitude, na imaxe. É cousa do estilo.

B: É música ambientada no noso entorno rural. Contamos as nosas historias do día a día.

P: Somos unha parodia de nós mesmos. Hai temas inspirados en anécdotas que lle pasaron a algún membro do grupo.

Como por exemplo…

P:  “Supermejafelasión”, que é unha versión de “Supermassive Black Hole” de Muse. Nace dunha experiencia un pouco heavy de un de nós, pero non imos dar nomes (risas).

Pero agora tamén tedes temas con música propia

X: Si. En principio comezamos só con versións, pero cando nos puxemos un pouco máis serios empezamos a facer temas propios, como “Ei, mosa, teño un chalé en Lojrosa” ou “Canción triste de soldador”.

cobelo

Cobelo (batería) foi o último en unirse ó grupo.

“Hoxe ensilei”, “Knock-knock-knock trinquei un collón”, “Supermejafelasión”… ¿Quen é o poeta?

V: Un pouco todos, segundo nos veña  a inspiración. Pepe é o que máis escribe.

P: Moitas letras xorden do aburrimento, de levantarse de resaca e dicir “vou escribir unha canción”. Faise unha base e logo entre todos imos dando as nosas ideas e montamos o tema.

X: Tamén as hai que nacen cando estamos de bares.  Ás veces é importante que a inspiración che pille tallándote.

O videoclip de  “Hoxe Ensilei” foi feito con moi poucos medios, ¿como resultou a experiencia?

B: Fómonos apañando co que conseguimos a través dos amigos e da familia. Un deixounos o tractor, outro puxo as vacas…

X: Só gastamos nas cervexas que saen ó principio.

¿Que credes que pensaría Brian Johnson ou algún outro membro de ACDC se vise o videoclip?

V: Espero que non o vexan, que por agora non temos os dereitos de autor (risas). Pero penso que Angus Young, por exemplo, estaría orgulloso do meu postureo inspirado nel. É a mesma esencia pero en modo rural.

En 2 días 2000 visitas en Youtube. ¿Contabades ter tanto éxito?

V: Sabiamos que o videoclip ía gustar,  pero non contabamos con tanta cousa. As redes sociais axudan moito.

X: O que máis nos sorprendeu foi o éxito da presentación. Non contabamos con tanto público nin con que os nosos temas gustasen tanto. Pensabamos que ía ser algo máis cutre, que non iamos estar á altura.

Xián: "O rural rock está na actitude, na imaxe. É cousa do estilo"Contraluz

Xián (guitarra): “O rural rock está na actitude, na imaxe. É cousa do estilo.”
Contraluz

Na presentación había público de todas as idades. ¿Como reaccionaron ante letras do estilo “namoreime do teu perrecho”?

B: A verdade é que ata lle gustou a nosos pais, que iso si que non o pensabamos.

P: Tomárono con humor, que é o que nós pretendemos.

¿Considerádesvos herdeiros dos Heredeiros da Crus?

B: Os Heredeiros son un exemplo a seguir para nós, somos moi fans deles desde sempre.

X: Tomamos exemplo deles, pero temos unha música un pouco diferente, inspirada en estilos distintos. Aínda que “Hoxe ensilei” se pareza ós Heredeiros, eles nunca versionarían a Muse ou a Red Hot Chilli Peppers.

V: Ademais, eles son máis de mar, representan ese entorno. Nós somos do rural, do monte, e as letras van máis acorde con iso.

¿Imaxinádesvos a Bocinazo soando no Xabarín Club?

B: Sería brutal, pero para empezar teriamos que adaptar as letras.

P: Se volvera a gran época do Xabarín, con rock&roll, nós encantados. Imaxínate: chegar á casa, bocadillo de Nocilla e Bocinazo.

¿Como levades o fenómeno fan?

V: Ó cantante creo que se lle subiu demasiado (risas), desde que o paran pola rúa por aí de marcha…

P: Tanto como pararnos pola rúa non. Pero en Fin de Ano, por exemplo, si que nos coñeceron algunhas persoas que viran o videoclip.

Pepe (baixo): “A esencia da nosa música é a imperfección, porque a imperfección tamén é bonita.”
Contraluz

¿Cal é a vosa arma secreta, o que fai que lle gustedes á xente?

P: a esencia da nosa música é a imperfección, porque a imperfección tamén é bonita.

X: Non buscamos tocar os temas de xeito impecable, senón facer que a xente goce deles.

V: A base de Bocinazo está no espectáculo, o humor, a complicidade co público.

B: O que buscamos coa nosa música é que a xente se ría e o pase ben.

¿Que acollida ten o rock rural no entorno máis urbano?

X: Haberá xente á que lle guste máis e xente á que lle guste menos, pero o rock rural non só se escoita no rural. Os Heredeiros tampouco lles gustan a todo o mundo, pero non só os escoita a xente mariñeira.

Bocinazo4

Bocinas (voz): “Bocinazo é coma a droga: a primeira vez ó mellor non che convence, pero engancha.”
Videoclip “Hoxe Ensilei”

Unha anécdota.

V: Xa que falas do rural rock en ambientes urbanos, un día, saíndo en Santiago,  Bocinas cantoulle unha canción nosa a unhas rapazas e empezaron a chamarlle porco.

B: Dixéronme: “Pero tú eres un puerco”. Eran unhas pijas.

Algún ritual antes de subir ó escenario.

B: A Estrella Galicia.

Proxectos de futuro

V: Por agora temos xa apalabrados algúns concertos por aquí pola zona.

P: Tamén temos pensado gravar unha maqueta en breves.

¿Para cando Bocinazo en Compostela?

V: Esperamos que pronto se nos poida escoitar nalgún local de Santiago. Algún día xa soou o “Hoxe ensilei” por aí nalgún bar, pero nada serio.

Algo que dicirlle ós lectores de Compostimes.

B: Que vexan o videoclip e intenten ir a algún concerto. Bocinazo é coma a droga: a primeira vez ó mellor non che convence, pero engancha.

Bocinazo2

Videoclip “Hoxe Ensilei

 

Bocinazo está en Facebook e en Twitter.