O combate da década: Pacquiao vs. Márquez IV

Quen é actualmente o mellor xogador de fútbol do mundo? Seguramente a maioría das respostas dividiríanse entre Lionel Messi e Cristiano Ronaldo e as discusións ó respecto non terían fin nin rematarían en consenso. Non cabe dúbida de que ambos son estrelas, lendas vivas do deporte, polo tanto colocar a un por riba do outro resulta artificial ou mesmo imposible, incluso tendo en conta as evidentes diferenzas que existen entre eles. Porén, imaxinade agora que, máis aló das estatísticas e do reconto de goles, puideran enfrontarse cara a cara nun duelo no que o vencedor alcanzase a gloria e se alzase campión mentres o perdedor tería que asumir a súa derrota ante os ollos dos afeccionados e da historia . Sería marabilloso, verdade? Pois os seareiros da nobre arte do boxeo vimos de experimentar sensación tal o pasado día 8, grazas a dous dos púxiles que marcarán unha era: Juan Manuel “Dinamita” Márquez e Emmanuel Dapidran “Pac-man” Pacquiao.

Ambos púxiles nun acto promocional, á dereita o mexicano (de chandal), á esquerda, con camisa azul e chaqueta branca, o deputado-boxeador de orixe filipina. (Foto: soloboxeo.com).

Poñámonos en situación. Para aqueles non seguidores da traxectoria dos combatentes ou da disciplina en xeral, débese sinalar que as “sagas” de combates son mercadoría corrente, sendo este último combate o cuarto no que se enfrontaron ambos loitadores. Os tres anteriores decantáranse tras trinta e seis asaltos non exentos de polémica e tras cuestionables decisións arbitrais polo lado do tagalo máis coñecido coma Pac-man. Este é precisamente un dos factores que lle engadía ese “plus” de interese ó acontecemento, xa que malia empatar o primeiro encontro e vencer nos dous seguintes “Manny” Pacquiao non foi quen de facelo pola vía do cloroformo, dando pé a dúbidas acerca das súas vitorias e tendo que soportar certas declaracións do seu rival mexicano subliñando as dificultades que lle propuxo no ring. É de feito Márquez o opoñente que lle causou máis (sanguentas) complicacións ó púxil asiático. Cabe destacar ademais o impresionante palmarés de cada deportista, comezando polos seus case impecables rexistros. Por unha banda temos as 54 vitorias (39 por K.O.) , 6 derrotas e 1 empate do de Ciudad de México; e pola outra as 54 vitorias (38 por K.O.), 4 derrotas e 2 empates colleitados polo púxil filipino, amén de acadar cada un deles diversos cintos de campión mundial en diferentes categorías e divisións. Do mesmo modo que os  dous deixan no seu camiño un regueiro de grandes vitorias contra rivais de alta categoría. Por parte de Pacquiao vitorias ante Marco Antonio Barrera, o británico Ricky Hatton, Miguel Cotto e incluso Óscar de La Hoya (outra lenda do boxeo), mentres que polo lado de Márquez caeron homes coma Orlando Salido, Marco Antonio Barrera ou Juan Díaz.

A tensión non podía ser maior entre dous rivais que compartiron un total de cento oito minutos intercambiando golpes no cuadrilátero. Por outra banda estaba en xogo non só o cinto de Campión da Década, senón tamén a resolución dun enfrontamento que de seguro ambos homes consideraban xa persoal. Atopabamonos perante un enfrontamento histórico que se decidría, finalmente e tras longos meses de adestramento, no cuadrilátero habilitado polo MGM Grand Casino da cidade de Las Vegas no estado norteamericano de Nevada ante dezáseis mil asistentes en directo e varios millóns máis pegados ás pantallas.

Xa en situación, aquí atoparedes a narración do combate, mais se cadra resulta axeitado dar a posibilidade de ve-lo enfrontamento (gratis, por certo) e xulgar por un mesmo.

Repica a campaíña e comeza o primeiro asalto. O combate discorría segundo o previsto posto que, en primeiro lugar, Márquez sabía (e así o manifestara con anterioridade) que debía vencer por K.O. para evitar chegar ás “tarxetas” dos xuíces, de onde xa saíra mal parado anteriormente. O mexicano preparárase a conciencia lucindo ós 39 anos un dos mellores físicos da súa dilatada carreira. Porén, e para decepción de moitos seareiros, non se amosou agresivo, senón que mantivo o seu estilo defensivo con moitas precaucións e sacando as mans case exclusivamente para contraatacar. Pacquiao, que semellaba mesmo sorprendido de que o mexicano non mudase o guion adoitado nos trinta e seis asaltos anteriores, foille imprimindo pouco a pouco intensidade e ritmo ás súas accións, conseguindo de tal forma anotarse os dos primeiros rounds.

Cun Pacquiao máis activo e acorde co seu estilo agresivo veríase xustificada a estratexia de Márquez no momento en que consegue conectar unha potente dereita de longuísima traxectoria que deitou ó tagalo por vez primeira nos seus enfrontamentos. Pac-man, a pesar de lucir un lixeiro sorriso tralo sorprendente  golpe, estaba máis danado do que aparentaba. Para asombro de todos o mexicano non pasou ó ataque senón que mantivo a súa postura defensiva, deixando o cuarto e quinto round para a recuperación de Pacquiao, quen retomou o seu ritmo ofensivo. Márquez anotábase o cuarto round nos puntos, pero encaixaría no quinto unha terrible esquerda do filipino que faríao planear perigosamente por riba da lona, rematando o round danado e con certas dificultades.

No sexto round Pacquiao amosouse moi agresivo, producíndose varios corpo a corpo perigosos para ambos boxeadores que, para ilustrar ós leigos do boxeo, repartíronse o que describiremos coma unha “ensalada de ostias”. O filipino parecía disposto a acabar pola vía rápida, pero Márquez non é o tipo de contendente que se encolle ante as dificultades. Continuaban os intercambios de golpes cun Márquez centrado en mante-las distancias dando pasos cara atrás en resposta ós avances do filipino.  O asalto descontaba os últimos segundos cando acaeceu o inesperado final. Pacquiao lanzábase a un novo corpo a corpo pero desta vez sairíalle moi caro. Márquez aproveitou o precipitado do embate para conectar como mellor sabe, ó contragolpe, unha dereita perfecta, histórica, épica. A dereita que o converte nun mito. Un deses golpes que o rival non verá máis ca nos vídeos.

 

Márquez conectando o golpe final na face do seu rival. (Foto: extradeportes.com)

E aí acabou todo, cun Pacquiao que tardou máis dun minuto en recupera-la consciencia. Para os que tras ler o acontecido queiran saber máis sobre o combate ou se viran atrapados pola maxia do boxeo, aquí vai a primeira das catro partes da previa realizada pola canle HBO.