Levante, ese señor equipo

No momento actual que sacude ó fútbol é cada vez máis difícil atopar un equipo cun estilo propio e que sexa vistoso para o espectador. O resultadismo prima e a vitoria é o máximo obxectivo, dando igual se o espertador se dorme, come pipas ou deixa de ir ó estadio por algúns dos dantescos espectáculos que son moitos partidos na Liga BBVA. O Levante é o exemplo máis claro de que xogar vistoso e gañar é posible. Coa carteira máis pequena de toda a primeira división, os últimos dous anos do equipo levantino son dignos de enmarcar. Baixo a batuta de José Ignacio Martínez (JIM) e con xogadores da talla de Barkero, Martins, Munúa ou o incombustible Ballesteros o equipo deixou de ser a revelación para converterse nun claro aspirante ós postos de competición europea por segundo ano consecutivo.

Pero a primeira pedra do proxecto debémola poñer máis atrás. No 2008 o equipo descendía a segunda división tras unha paupérrima tempada cun montón de problemas económicos, marchando no mercado de inverno algúns dos xogadores clave ese ano como o porteiro Marco Storari, o central (e actor porno) Bruno Cirillo ou o ex-madridista Sávio Bortolini. No verán de 2008 o equipo presentábase en suspensión de pagos e entraba en lei concursal. A aparición nese momento de Quico Catalán na presidencia e Manolo Salvador na dirección deportiva volveríanse claves no futuro do Levante. Xunto a eles, fichábase a Luis García Plaza para o posto de adestrador, quen tamén sería clave no ascenso a Primeira División. Para a tempada 2008/2009 o Levante partía cun orzamento máis ca reducido e cun plantel de veteranos e noveles fichados a última hora, pero grazas a un xogo baseado na orde atrás e a pegada arriba o Levante terminaba oitavo. As altas de Javi Guerra, Juanlu, Xisco Muñoz ou Juanfran entre outros a custo cero levaría ó equipo a ascender no ano seguinte. Tras dous anos no inferno o Levante conseguía o ascenso. O estilo de xogo dos levantinistas era o básico de todos os que aprenden a xogar ó fútbol: as bandas (Juanlu e Xisco) corren, o dianteiro (Javi Guerra) remata, Rubén Suárez pon a calidade na media punta e os medios centros (Pallardó e Iborra) pelexan. Todo iso completado cunha brava defensa comandada por Ballesteros.

Sergio Ballesteros, un dos emblemas do Levante. Ó fondo, Pepe (Fonte: zimbio.com)

Sergio Ballesteros, un dos emblemas do Levante. Ó fondo, Pepe (Fonte: zimbio.com)

A chegada do Levante a Primeira División non foi sinxela. Considerado por todos os expertos o peor equipo con diferenza e incluso un “cemiterio de elefantes” para os máis críticos, debemos dicir que o inicio do Levante non foi sinxelo. Seguindo baixo o mando do home do ascenso, Luis García Plaza, as altas de veteranos como Javi Venta, Nano, Valdo, Sergio González ou Munúa non tiña éxito e o equipo atopábase na xornada 20 como o pechacancelas. 14 puntos e 8 goles recibidos en Copa fronte ó Real Madrid eran os resultados dos levantinistas. Os críticos crían acertado o seu prognóstico e xa colocaban ó equipo valenciano en segunda división. Pero o que non esperaba ninguén e que tras esas críticas o tocar fondo fose un punto de inflexión. Fiel ó seu estilo o equipo de Luis García comezaba a gañar. Cunha referencia que funcionaba e que xogaba de espaldas de marabilla (Caicedo), os veteranos como Del Horno, Juanlu ou Rubén Suárez daban un paso adiante e o equipo conseguía unha xeira triunfal de 8 vitorias en 12 partidos. O Levante estaba salvado e xogaría un ano máis en Primeira División.

A marcha de xogadores e incluso de adestrador prevía que o Levante baixaría o seu nivel o ano pasado, pero nada máis lonxe da realidade. A fichaxe de José Ignacio Martínez, un veterano adestrador e habitual de clubs modestos, sorprendía no equipo da capital valenciana. Pero pronto esa sorpresa se tornaría en ledicia cando o club se colocaba con 23 puntos na 9ª xornada, sendo o único que nese momento pelexaba co Real Madrid e o Barcelona. A esperada caída do Levante non se producía e grazas a un Koné espectacular e a un blindado Ciutat de Valencia o Levante permanecía en Champions ata a xornada 29. De aí caía a posicións de Europa League, onde se mantiña ata o final de Liga. O éxito do Levante era completo e accedía a disputar na actual tempada competicións europeas.

Obafemi Martins con Vieri e o Kily González na súa etapa no Inter de Milan (Fonte: infodeportes.com)

Obafemi Martins con Vieri e o Kily González na súa etapa no Inter de Milan (Fonte: infodeportes.com)

Pero a boa tempada do Levante non pasaba desapercibida para outros clubs e a base do equipo era desmantelada. Marchaban así Xavi Torres, Valdo, Rubén Suárez e sobre todo, o goleador Arouna Koné. O Levante actuaba rápido no mercado de xogadores libres e importantes xogadores como Lell, Míchel, Pedro Ríos ou Gekas firmaban polo equipo blaugrana. Pero a guinda estaba por chegar. Tras arduas negociacións e fóra de prazo fichaba Obafemi Martins. O outrora dianteiro do Inter e o Newcastle firmaba por unhas cantidades irrisorias se o comparamos con cando xogaba con Adriano no fútbol italiano. O Levante xa non era obxecto de mofa como anos anteriores pero as sospeitas polas tres competicións que debía disputar o equipo seguían aí. Moitos clubs na historia descenderon tras xogar competición europea pola acumulación de partidos. Pero o Levante é diferente. Ata o momento segue vivo nas tres competicións, está loitando de novo por Europa na Liga e o seu xogo cada vez namora a máis espectadores. Guiado por Barkero e Martins o EuroLevante pode loitar por todo. 11 heroes saltan cada domingo no Ciutat de Valencia nun soño que parece nunca acabar.

Aquí imos con algunhas das claves do actualmente primeiro equipo de Valencia:

1) O acerto nas fichaxes: as fichaxes de Caicedo, Koné e Martins a custo cero só se poden calificar de éxito. Os 2 primeiros deixaron máis de 15 millóns de euros nas arcas cando antes de fichar polo Levante ninguén confiaba neles. Veteranos como Juanfran, Ballesteros, Nano, David Navarro, Del Horno, Farinós, Juanlu, Valdo, Rubén Suárez, Munúa ou Javi Venta provocaban risas polo “acabados” que estaban antes de fichar polo Levante. O equipo valenciano quitoulles 10 anos de enriba a cada un. Ademais confiaron en promesas como Míchel, El-Zhar ou Xavi Torres cando dificilmente outro equipo os poría a xogar en primeira división.

2) Un estilo claro: 4-2-3-1 cunha defensa férrea e incluso dura con Ballesteros e David Navarro como eixes e uns laterais que apoian en ataque como Lell, Pedro López ou Juanfran. 2 medios centros batalladores, un deles chegador e con máis técnica (Iborra) e o outro, un pulmón como Pape Diop. As bandas son para os extremos veloces. Juanlu, Nabil El-Zhar ou actualmente o canteirán Rubén García son o exemplo. Na media punta xoga Barkero, quen pon a calidade e o 9 funciona como referencia, xogando de espaldas e correndo ó contraataque. O ex do Inter Obafemi Martins é o encargado este ano de marcar os goles.

José Ignacio Martínez, adestrador do EuroLevante (Fonte: goal.com)

José Ignacio Martínez, adestrador do EuroLevante (Fonte: goal.com)

3) O contrataque: poucos equipos teñen tan claros os movementos sen balón. Cando o Levante rouba o balón cada xogador sabe por que lado debe aparecer. Ese é o principal motivo de por que tantos goles chegan así. O labor da pizarra tamén se ve no balón parado, outra das principais fontes dos goles do Levante.

4) A canteira: en época de vacas fracas hai que mirar cara abaixo. O Levante fíxoo e de aí saíron xogadores importantes como Iborra ou algúns que chegan parece que para quedarse como Roger, Rubén García ou Héctor Rodas.

5) A dirección do equipo: a maioría de presidentes e directivas son criticadas xustamente, pero se hai unha digna de admirar esa é a do Levante. Coa dirección de Quico Catalán o Levante ascendeu de segunda división, saíu de Lei Concursal e logra o seu mellor momento histórico xogando competicións europeas con éxito. E todo cun gasto mínimo. Gran culpa disto é de Manolo Salvador e José Ignacio Martínez (sen olvidar anteriormente a Luis García Plaza), quen se están facendo especialistas en recuperar xogadores que parecían máis que acabados para o fútbol.

En definitiva, se queredes divertirvos e ver un pouco de bo fútbol, seguide ó Levante. O equipo valenciano é sen dúbida o espello no que deben mirarse os equipos modestos.