Guor Marial: O maratón da súa vida

Doce de agosto de 2012. Chega o último día dos Xogos Olímpicos de Londres. A competición despídese co maratón masculino, como marca a tradición. Na proba máis mítica do programa de atletismo, Stephen Kiprotich racha todas as quinielas e derrota ós dous grandes favoritos á vitoria final, os keniatas Wilson Kiprotich e Abel Kirui. O ugandés reina na chegada tras un ataque nos últimos 5 quilómetros e inscribe o seu nome na historia dos xogos da cidade británica, xunto o doutras grandes estrelas como Bolt, Rudisha, Mo Farah ou Phelps. Minutos máis tarde, chega á meta Guor Marial, finalizando na cuadraxésima sétima posición. Vestido completamente de negro e sen ningunha bandeira identificativa, aparece nas cámaras un atleta que prometeu non volver correr na súa vida, despois de correr por salvala cando era simplemente un neno. Porén, os focos afástanse del, obviando quizais a historia olímpica que máis paga a pena contar de todas as que sucederon este verán.

Guor Marial no maratón dos Xogos Olímpicos de Londres. Foto: José Amado García

Sudán do Sur é un pequeno país descoñecido do continente africano. Este pequeno territorio conseguiu a súa independencia en 2011, despois de medio século de guerra practicamente ininterrompida.  Aquí tivo a desgraza de nacer Guor Marial cando corría o ano 85.  Esta guerra étnica e relixiosa acabou coa vida de ata vinte e oito familiares do noso protagonista e obrigouno a correr para conseguir a súa supervivencia cando era un neno. Guor foi secuestrado por unha milicia armada cando tiña nove anos. Enganado, dixéronlle que ía recibir unha vaca e unha cabra para axudar así á economía familiar, pero rematou nun campo de traballo onde viviu como un escravo máis. Unha mañá, xunto con outro de tantos nenos que alí traballaban, conseguiu fuxir do campo. Marial e o seu compañeiro correron como nunca, co sol como única referencia para non dar voltas sobre si mesmos. Foi unha escapada cargada de perigos, pero era mellor que sufrir as duras consecuencias de ser un escravo. Guor sempre terá presente ese recordo, como o daquel día no que os soldados invadiron a casa do seu tío para romperlle a mandíbula coa culata dunha pistola. A infancia de Guor e a de tantos nenos sudaneses foi destrozada por unha guerra tan inexplicable como cruel.

Tras unha dura fuxida, a historia de Guor Marial tivo un final feliz cando atopou refuxio en Exipto, e dende alí conseguiu chegar a Estados Unidos. O noso protagonista tiña simplemente 16 anos cando aterrou en Flagstaff (Arizona), pero tiña unha cousa clara: as carreiras remataran para el. Porén, noutra desas inesperadas sorpresas que nos depara a vida, correr convertiríase en sinónimo de prosperidade e futuro. Aínda que non o coñecía, moi pronto o atletismo chamaría á porta da súa vida. Foi a súa profesora de ximnasia a que o conveceu, despois de ver que nas súas clases non había nada que o asfixiara ou o deixara sen folgos. Ela probablemente non sabía que correr como deporte non é nada comparado como correr para salvar a vida.

Guor Marial adestrando en Arizona – Foto: BBC

Guor comezou facendo “cross”, e pronto chegaron as medallas e os trofeos que se culminarían cunha beca deportiva para o equipo de atletismo de Lowa State. Co paso do tempo as súas marcas comezaron a mellorar, quizais grazas ós numerosos adestramentos realizados nunha estrada que queda preto da súa casa. Guor Marial conseguiu a marca mínima para participar nuns xogos olímpicos no primeiro maratón no que participou. Corría o ano 2001 e o máis difícil para calquera atleta do planeta estaba conseguido, pero o problema é que Marial non tiña unha nación á que representar. Cando se achegaban os Xogos Olímpicos de Londres Sudán do Sur logrou a independencia, pero non tiña aínda un comité olímpico recoñecido. A un mes de que comezara a competición, o atleta non tiña o visto e prace do COI para poder correr e moitos daban a batalla por perdida. Porén, esquecían que a súa habitación en Arizona está presidida por un póster de Muhamed Alí co lema “Impossible is nothing” (Nada é imposible). Esquecían que ese é o lema do día a día na vida do atleta africano.

Guor Marial rexeitou unha invitación de Sudán para defender as súas cores na cita olímpica, xa que hai ben tempo que se deixou de considerar habitante dese país tendo en conta que o converteu nun refuxiado. Ademais, sería unha traizón ós máis de dous millóns de persoas que se deixaron a vida para que Sudán do Sur puidese ser libre. Só quedaba unha posibilidade e resumíase en correr baixo as cores da bandeira olímpica. Niso existían certos precedentes favorables: En Barcelona 92, os deportistas da antiga Iugoslavia xa participaran deste xeito e, en Sidney 2000, o fixeron atletas do Timor Oriental. A poucos días da cerimonia de apertura, Guor Marial recibiu o permiso do COI para competir como atleta independente. Foi grazas a Michel Gadauban, presidente dos Refuxiados Internacionais, que escribiu a Jacques Rogge para falarlle do caso do atleta africano. Xunto a el, competiron outros tres atletas procedentes das antigas Antillas holandesas, pero a súa historia non faría tanta xustiza ó espírito olímpico como a que estamos contando.

Por problemas co visado, Marial non puido desfrutar da cerimonia de apertura no estadio e tívose que conformar con seguila dende a casa cunhas pizzas acompañado dos seus amigos. Días despois viaxou a Londres, viviu na vila olímpica como un máis e correu a maratón finalizando no posto corenta e sete. Un posto meritorio, conseguido cunha vestimenta de cor negra, pero que representaba o sentimento de tódolos habitantes de Sudán do Sur. Para eles, Guor Marial é un referente para proclamar ó mundo a súa liberación.

Marial en pleno adestramento – Foto: Athletes Live Here

Guor detestaba correr, pero acabou amando o seu oficio por ser a mellor forma de que se fale do seu país. Ese é o motivo polo que tódolos días se pon as zapatillas deportivas e comeza adestrar. Leva vinte anos sen ver ós seus pais, e preto de dous sen falar con eles, pero el mesmo se encargou de que viaxaran a unha cidade con electricidade no seu país para ver ó seu fillo nuns Xogos Olímpicos. A de Guor é unha historia de superación que encarna absolutamente todos os valores do olimpismo. O doce de agosto estiveron representados no uniforme de Marial todos os refuxiados dunha guerra anónima que acabou con demasiadas vidas. Ese día, tamén se viron representados nel todas as persoas que acolleron a Guor e loitaron pola súa liberdade e o seu dereito a ter oportunidades.

 O doce de agosto foi un dos días de maior ledicia na vida de Guor Marial. O máis feliz, chegará cando poida regresar a Sudán do Sur e reunirse co que queda da súa familia destrozada pola guerra.  Ese día, será un día para recordar, como toda a historia do maratón da vida de Guor Marial. Unha historia que nos recorda que nada é imposible.

*Foto de portada: Global from home

Este artigo non sería posible sen a colaboración de Noel Lago na ideación e na documentación.