El tiempo entre costuras

El tiempo entre costuras. Ed. Temas de Hoy, 2009

O que escribe isto ten como principio rexeitar de primeiras calquera novela que apareza na primeira liña dos escaparates das librerías, pero está claro que se nestes últimos anos houbo entre o público algunha novela de sona, esa debeu de ser El tiempo entre costuras. Coa súa opera prima, María Dueñas acadou case un millón de exemplares vendidos e uns cantos recoñecementos por parte dalgunhas institucións especializadas, feito que lle serviu para gañarse un nome no eido da narrativa española actual. Tanto, que hoxe hai quen di que tal libro vai camiño de converterse nun clásico da literatura universal. A verdade é que a min iso non me di moita cousa.

Nas case setecentas páxinas repartidas en tres partes e un epílogo, a protagonista Sira Quiroga, conta en primeira persoa a historia dunha modista en principio ubicada nun Madrid moi próximo á Guerra Civil. A tranquilidade na vida de Sira vaise ver perturbada para sempre o día no que coñece ao pai que vinte anos atrás non quixo saber nada dela, e que agora, arrepentido, decide concederlle en herdanza gran parte da súa fortuna sabedor do perigo que corre ante o inminente alzamento militar do Bando Nacional en Marrocos.

María Dueñas (Puertollano, 1964)

Entre Madrid, Tetuán e Lisboa transcorre a trama desta novela case “sentimental” con trasfondo histórico, mentres orbita arredor de temas como o abandono, o amor e a amizade. Xentes ben coñecidas como os ministros franquistas Juan Luís Beigbeder, o “cuñadísimo” Serrano Suñer ou o oficial do SOE en Madrid, Alan Hillgarth, son personaxes secundarios nesta historia na que asumen papeis ben interesantes. Axudándose de personaxes coma estes, tamén resulta curioso ver como a autora consegue extrapolar a situación bélica dos anos 30 e 40 para involucrar directamente no conflito á que debería ser a pobre vida social dunha simple e humilde costureira. Así, dun xeito un tanto esaxerado, parece querer amosar a ensinanza de que unha guerra sempre afecta a todos os sectores da poboación.

No que ás razón técnicas corresponde, El tiempo entre costuras está ateigada de diálogos fluídos e precisos, dos que María Dueñas fai moi hábil uso para contextualizar e implicar a novela na Guerra Civil Española e na Segunda Guerra Mundial. A narración en si é tan serena como fácil de seguir, algo que axuda bastante a camuflar as soporíferas descricións, que por sorte non son tantas.

Todo isto sempre pode ser máis ou menos subxectivo, pero aqueles que a leron espero que coincidan en que esta novela peca de previsible. Agora, polo ben das letras espero que esta obra non pase á historia da literatura cun adxectivo que vaia máis alá de “entretida” ou “amena”. O pasado setembro, a autora publicou a súa segunda novela: Misión olvido; se chego a lela, creo que será dentro de moito tempo.