Ebenezer Scrooge, ese home

Un ruxido que chegaba dende esa televisión que pagamos todos fíxome espertar do meu aletargado sesteo: ”La noche temática analiza el consumo desmedido durante estas fiestas“. “Consumo desmedido”? Se onte mesmo estaban dicindo que facía falla expandi-lo consumo para saírmos da crise… tanto ten. “Durante estas festas”? Por que precisamente hai que consumir menos durante estas festas? Vale que o turrón e a comida da avoa engordan, pero a operación bikini aínda non se albisca no horizonte…

Invadido pola curiosidade, decidinme a ve-lo documental que nos ofrecía “La noche temática”. Era unha destas cintas norteamericanas que ben podía ter firmado un Michael Moore en pleno fervor relixioso tras ver á virxe María. O filme, co elocuente título “What would Jesus buy?” escrito coa tipografía de Walt Disney, segue as peripecias do reverendo Billy, sumo sacerdote da igrexa Abonda de Compras, congregación adicada a peregrinar por Norteamérica combatindo o gasto nas datas do Nadal. Entrañable, non é? O documental é bastante recomendable, o tal reverendo é un auténtico fenómeno de masas e o coro da igrexa canta un gospel que nin en “Sister act”. Non obstante, contradicindo a McLuhan, aquí o importante é a mensaxe. A voz en off que persiste ó longo do documental critica dúas cousas por igual: o consumismo (keynesianismo?) que nos leva a gastar máis do que temos e a perda dos valores relixiosos da sociedade americana, que adica “menos dunha hora semanal ós servizos relixiosos e espirituais e máis de cinco a consumir”. 

what would jesus buy

© RTVE

Aínda que non sexamos relixiosos, moitos podemos considerar que o chin-ching das caixas rexistradoras se multiplica demasiado durante estas festas. Nesta sociedade na que os valores escasean máis ca os percebes en decembro, convén recorrer ós libros para atopar un modelo a seguir. E neste caso en concreto, quizais hai que volverlle a cara a un dos personaxes máis denostados da literatura universal: Ebenezer Scrooge.

Para os que non teñades o pracer, Ebenezer Scrooge é o protagonista do arquicoñecido Conto de Nadal de Charles Dickens, aquel banqueiro agrio e sen corazón ó que se lle aparecen os espectros do Nadal pasado, presente e futuro para convertelo nunha persoa alegre e solidaria. E non sufriu a visita espectral unha soa vez, senón en varios millóns de ocasións na historia: en cada adaptación teatral, curta animada ou mesmo refrito literario que se fixo da súa obra, que non foron poucas. Cada unha das veces que Conto de Nadal foi visitada e revisitada, milleiros de nenos e adultos odiaron, vilipendiaron, apuparon ou compadeceron ó pobre Ebenezer Scrooge por ser avaro e non “ama-lo Nadal”. A figura de Scrooge marcou o inicio da tradición literaria e cinematográfica do “millonario cabrón”, continuada con moita honra por figuras coma o inefable Gordon Gecko ou o mesmísimo tío Gilito (na versión orixinal, casualmente, Scrooge McDuck). Nestas datas tan sinaladas, síntome na obriga moral de rescatar dos infernos a Scrooge. Non hai que axudar ó desfavorecido? Non abonda con que todo Londres odiase xa ó pobre Ebenezer, como para que tamén o teñan que odiar tódalas xeracións posteriores do mundo mundial?

O primeiro paso para rehabilita-la maltratada figura do banqueiro de orixe xudea é “desdickensizala”. O vello Charles Dickens é, ó meu humilde entender, a máxima expresión da simpleza á hora de deseña-las personaxes. Del provén a moi obxectiva imaxe que nos forxamos do século XIX. Nesta centuria, como todos sabemos, o 99% dos nenos pasaban o día emporcados de cinza e traballaban en fábricas ou nas minas mentres que os seus ricos e descorazonados patróns nadaban entre libras esterlinas. Conto de Nadal non é unha excepción: Scrooge é rico e, por ende, un usureiro sen sentimentos, mentres que o mundo que o rodea está composto por dependentes, amas de casa, limpadores de chimeneas e (of course) nenos mineiros, todos eles sen un peso pero moi moi felices. Dickens faino moi bonito, con moitos adxectivos e ata falando co lector nalgúns momentos da novela, pero… algún de vós ve isto crible? Hai ricos felices e ricos amargados como hai pobres satisfeitos coa vida e pobres con ganas de morir o matar, que diría Nacho Vegas. Se algún destes últimos gañasen, por fortuna, 200 euros máis ó mes, volveríanse ó instante insoportablemente resentidos? As imaxes que dá a tele o día do Gordo de Nadal parecen apuntar en sentido oposto.

Ebenezer Scrooge visto por Walt Disney. Adorable, non si?

Ebenezer Scrooge visto por Walt Disney. Adorable, non si?

Unha vez extirpado este tumor cabronazo e insolidario que Dickens lle inoculou ó indefenso Ebenezer Scrooge, pasemos a analizar friamente os efectos dos espectros. O banqueiro era un home cabal, austero, estrito, que aforrou cartos ó longo dos anos para logo prestarllos ás clases populares londinenses e que estas puidesen calzarse as Kelifinder e buscar un ennegrecido estudio de 30 m2 dende onde dirixirse á súa fábrica ou mina habitual. Que fixeron del o luminoso espectro do Nadal Pasado, o exultante espectro do Nadal Presente e o solemne espectro do Nadal Futuro? Convertir a Scrooge nun derrochador, nun manirroto que mercou o pavo máis grande de toda a tenda para logo enviarllo á familia do seu empregado (que días antes estaba contentísima coa frugal comida da que disfrutaba), que anda tirando os cartos pola rúa à la Gallardón en Madrid, nun libertino que se une á bacanal (carente por completo de valores) que cada ano celebraba o seu sobriño cunhas raparigas de corta idade. Aínda que Dickens non o conta así, Scrooge pasou de morrer de frío na súa austera cama de rico a morrer farto, gordo como un bocoi e moi probablemente doente de sífilis.

Así que, cando sexades pais e nais e comades ovos e lle contedes á vosa prole Conto de Nadal, recordade a moralexa que lles estades a transmitir: que aforrar non mola, que hai que darse opíparas comidas e gozar de libidinosas compañías, que la vida son dos días. Estaredes producindo aqueles seres que o reverendo Billy combatía sen descanso no Wal-Mart e invitaba a confess their shopping sins. Un neno que odia a Scrooge hoxe será un consumidor compulsivo de Toys’r'us mañá, non o esquezades. Nestas festas, rexeitade o consumismo. Adicade o cuarto brindis da Noitevella ó vello Ebenezer Scrooge.