A enerxía Calaf

Rosa María Calaf (Barcelona, 1945) é unha das figuras españolas máis relevantes no xornalismo internacional. Durante 37 anos traballou de correspondente para TVE, pasando por Moscova, Viena, Bos Aires, Nova York, Canadá, Roma e a rexión Asia-Pacífico (ata a súa retirada en 2009). Esta xornalista catalá, premiada e recoñecida en numerosas ocasións, dedicoulle máis de catro décadas a tal oficio, percorrendo ata sesenta países na procura de novas. Sen dúbida, o trazo que a distingue é seu peculiar cabelo, que a converte na xornalista “con máis color” de Televisión Española. 

Este artigo podería titularse “Gran acollida dos salmantinos a Rosa María Calaf”, ou “Rosa María Calaf visita Salamanca para falar de xornalismo libre”. E, efectivamente, é unha información que pode resultarvos útil ós lectores, mais só para poñervos en contexto. O interesante non reside en que houbese unha conferencia de Rosa María Calaf, senón naquilo que frutificou desta xornalista en dita conferencia. ¿Ou é que cando unha relata unha saída nocturna o importante é o feito de saír en vez de as peripecias xurdidas desa noite? Pois iso, se queredes saber que asistiu o alcalde, a quen se lle fixo propaganda e esas cousas, tedes información “formal” de sobra nos principais xornais casteláns. Eu, desde Compostimes, arríscome a transgredir os convencionalismos xornalísticos para transmitirvos esa enerxía Calaf que a min me avivou e que me gustaría agora compartir convosco.

No seu discurso, esta veterana informadora soubo modelar a nosa prezada materia prima, a palabra, dunha forma sublime. Con ela exerceu o activismo xornalístico, que neste pasivo rabaño social se bota moitas veces en falta. Vai para os que xa non credes no xornalismo porque quen nunca o apreciou conseguiu porén desprestixialo. Vai tamén para os que o venerades e o practicades con vocación, aínda que o futuro ameace con degradarvos de xornalistas a xornaleiros. Bebede todos vós desta enerxía Calaf, da que emanan inspiradores pensamentos sobre unha profesión tan fermosa como corrompida. Da reflexión nace o impulso e do impulso as alternativas.

Sobre o oficio xornalístico

“Aínda que o glamour o levamos os xornalistas internacionais, o xornalismo máis difícil é o local, o que está a pé de rúa, coas presións na porta da casa”.

“Hoxe en día hai máis xornalistas xestionando a información en gabinetes de comunicación que buscando información no lugar dos feitos. Isto é como se houbese máis médicos xestionando enfermidades que curándoas”.

Sobre o xornalismo “comercial”

“O xornalismo é algo que nunca debería ter entrado no sistema capitalista de mercado. Desde que isto ocorreu, a noticia pasou a ser mercadoría. Quen manexa todo isto prefire mellor unha sociedade de consumidores que unha sociedade de cidadáns, porque é mellor que a xente compre que que pense”.

Sobre o xornalismo (non) preventivo

“Somos moi eficaces. Cando hai unha crise aparecemos inmediatamente alí para cubrila. O problema é que deste xeito caemos no erro de falar tan só de crises, e aínda así só falamos de determinadas crises. Pero antes dunha crise hai unha pre-crise, e se se cubrisen as pre-crises ó mellor evitaríanse moitas crises. Dun venres a un luns, por exemplo, aparecemos nunha profunda crise económica. Todos os medios informaron, claro, pero ninguén informou cando se estaban incubando os causantes desta crise; porque non interesaba”.

Sobre o xornalismo actual

“Parece que agora o que importa é a estética cinematográfica da información, o feito de saír aí e dicir algo en vez de que ese algo pague a pena. Parece que consiste máis en estar presente que en traballar, investigar e contar o que pasa. O xornalista fai o papel de reporteiro intrépido, como se fose ir a El Corte Inglés e pedirlle ó dependente un traxe de reporteiro intrépido. É como cando chegas a un sitio e che din que en 5 minutos entras en directo. Non tiveches tempo de ver nada, de preguntar. É absurdo que esteas alí porque o que tes que contar poderíalo contar igual antes de subir no avión”.

“A información converteuse en espectáculo. Pero a información non ten porque ser divertida, ten que ser importante. Outra cousa é que se presente de forma máis atractiva, accesible, pero nunca en detrimento do contido. Non se pode poñer a forma por enriba do fondo.”

Sobre a des-información

“Á hora de informar, era máis fácil superar as barreiras da censura ditatorial, onde o informador e o informado compartían un código para descodificar a realidade. Neste sistema de presións camufladas a xente accede sen ningún tipo de precaución a unha información aparentemente libre, pero que non o é. Houbo un momento no que aqueles que querían impoñer as súas ideas se deron conta de que é máis sinxelo penetrar nas almas e nas mentes que dar golpes de Estado. Todo o que nos fan crer que é máis información, en realidade é des-información. Distráennos cun exceso de información indixerible. Fannos crer que estamos moi informados, pero en realidade o que estamos é moi entretidos”

Sobre o xornalismo (non) libre

“Aínda que no mundo Occidental non se nos elimine físicamente, hai outras formas de eliminar a un xornalista, como por exemplo mediante presións. Aquí o xornalismo tampouco é libre, e hai que loitar para que o sexa. Os gregos dicían que hai que elixir entre descansar ou a liberdade, porque pola liberdade vai haber sempre que loitar, a liberdade non a regalan”.

Sobre o mundo

“Poñemos por diante o que nos separa do que nos une, primamos as diferenzas sobre as semellanzas. En vez de compartir coñecemento, compartimos enfrontamento.”

“É verdade que hai moitos mundos dentro desde mundo, pero todos somos responsables de todo o que acontece en cada un deles”.