Un Polbo Paul á americana

É un tópico amplamente aceptado que calquera cidadán do mundo ha seguir as eleccións estadounidenses, pois nela xógase máis do seu propio futuro do que podería imaxinar. Deixando de lado que en breve teremos que manifestarnos para que nos deixen votar nas eleccións alemás e que así nos deixen escoller o que é o noso goberno de facto, esta mañá intentei informarme un pouco sobre as últimas horas da campaña americana e as novidades que puideran desequilibrar a balanza cara a un dos bandos.

Mentres apuraba o derradeiro grolo do primeiro café do día lin un titular que captou a miña atención: La Ley Redskins da como ganador a Romney. Servidor, que ademais de non ser experto na materia ás veces é un pouco inxenuo, continuou a lectura da peza agardando atopar unha explicación que contivese algo de cálculo electoral, tendencias de voto nos denominados “estados bisagra” ou, simplemente, algo cun mínimo de fundamento político racional debido principalmente ao tamaño que o xornal lle daba á nova. A sorpresa do titular tornou maiúscula cando coñecín o enunciado de tal “lei”, que pode rezar algo así:

“Desde que os Redskins, franquicia da NFL (liga de fútbol americano estadounidense), se afincaron en Washington alá por 1937 sempre predeciron o resultado dos comicios, de xeito que se gañan o encontro da xornada anterior a que se celebren a Casa Branca quedará ocupada polo partido que se encontra no poder. Pola contra, se perden, hai cambio de cor política na vivenda presidencial.”

Sobra dicir entón que esta semana perdeu o equipo da capital. A noticia tamén explicaba que, como boa lei, ten a súa excepción: aquela vez que os Redskins perderon en 2004 contra os Packers e Bush revalidou victoria. Por un momento imaxinei a políticos e directores de campaña vendo nerviosos o partido, brindando con champaña ao remate ou chorando a derrota irremediable. Noutro momento pensei en profesores de Comunicación Política explicándolle aos alumnos que non hai forma de loitar contra a “Ley Redskins”, que todo depende dese partido. Logo de facer un anaco o parvo acordei, revisei algún medio máis e atopei en varios alusións ás predicións do devandito equipo, e non como mera curiosidade senón co estatuto de noticia per se.

O polbo Paul, estrela mediática

Quizá ese é o xornalismo que nos queda por facer, fixarnos no detalle máis ridículo dun asunto e facer unha peza sobre el sen interesarnos do realmente importante. Quizá se haxa que acostumar ao arrepío que sufrimos algúns ao ver abrir telexornais coa elección do Polbo Paul. Quizá só queden uns poucos tolos que pensan que ao común dos mortais lles interesan os contidos de calidade.Quizá tamén fixen mal en escribir este artigo baseándome nun enfado dunha mañá que me levantei con máis sono do normal. Polo menos aprendín que se quero saber máis das eleccións americanas chégame con consultarlle a Simón Caaveiro.