Por unha copa ó modelo inglés

-Hai esta semana Champions?
-Non, que va, hai ida dos cuartos de Copa, Mallorca-Granada.
-Pufff…
-Eu xa pensara en ir ver unha película sobre a historia de Turkmenistán que poñen no Cineuropa.
-Pois soa ata máis interesante, a verdade!

Esta podería ser a conversa de dous amigos de idade variable sobre a Copa do Rei en España e a súa repercusión. Co modelo máis atractivo da historia do fútbol, as eliminatorias, e podendo xuntar a equipos de todas as divisións, parece impensable que a Copa quedara reducida a tan pouco como esperar unha final entre Real Madrid e Barcelona ou ver como se asubía o himno español se están Barça ou Athletic na final.

O principal motivo para que a Copa siga co actual modelo é o interese que hai en favorecer a Barcelona e Real Madrid en primeiro intre e ós equipos de primeira división en xeral. En ningún país excepto España atopamos un modelo onde os 20 equipos de primeira división entren a xogar en dezaseisavos de final, cos 5 equipos superviventes de segunda e os 7 de segunda B e terceira que levan xa unhas cantas rondas enfrontándose. Máis grave é saber que os 7 equipos de segunda B e terceira xogan fronte ós 7 mellores equipos da Liga BBVA do ano anterior, e por se os modestos xa tiñan de por si poucas opcións, eliminatorias a ida e volta. Aquí vemos como é a única copa europea integramente a ida e volta e con sorteo dirixido. Deste xeito favorece a Federación Española de Fútbol o espectáculo… a verdade é que é para aplaudir todo o día sen parar. Bravo.

Cadro dos Oitavos de Final da tempada 2010/2011. Catorce dos dezaséis equipos (todos menos Córdoba e Betis) estaban en 1ª división ese ano. Un pequeno exemplo das “sorpresas” que permite este formato de Copa…

Non sei cales son os intereses da Federación e a Liga Españolas de Fútbol, só sei que cada vez se favorece máis ós grandes olvidándose dos equipos máis modestos nunha competición que antes era coñecida como “a competición de todos”. De feito, non hai tantos anos que o Toledo eliminaba ó Real Madrid nunha primeira eliminatoria de copa ou o Figueres ó Barcelona. Non hai tanto que había partidos emocionantes decididos na prórroga ou nos penaltis. E é que a un espectador pódelle chamar moito máis un Mallorca-Almería a un só partido que o mesmo partido durando 180 minutos. O partido único é moito máis interesante, como podemos ler nesta crónica dun Reading 5-7 Arsenal de hai unhas semanas. Demóstrase cada Eurocopa ou Mundial. E polo menos eu vexo claro que se o interese crecese no público os ingresos crecerían. Pero se lle chupamos a polla ós grandes a cousa vai como vai. O damnificado é o espectador, coma sempre, que vendo o funcionamento actual, espera un Real Madrid-Barcelona na final salvo que se enfronten antes xa que entón hai un pequeno interese por ver quen perde a final contra un dos dous todopoderosos.

Unha das sorpresas dos últimos anos, o Real Unión eliminando ó Real Madrid en dezaseisavos de final.

Polo tanto, teño unha proposta. Sei que non chegará a nada. Que ninguén me fará caso xa que a ninguén lle importo eu nin o resto de millóns de españois afeccionados ó fútbol e que cada ano pasan máis da Copa. Porque o fútbol para as altas institucións son os ingresos, as televisións e que Cristiano Ronaldo estea feliz. É a triste realidade do deporte. O meu ideal de Copa é o modelo inglés, onde tanto na Carling Cup como na FA Cup os campos se enchen e a xente disfruta coa Copa a un partido. Visto que a Carling Cup (Copa da Liga) nunca tivo éxito cando existiu aquí, centrareime na Copa tradicional. A Copa de España, do Rei ou como cada un lle queira chamar. Para min, a Copa dos equipos de fútbol españois. Danme igual os motivos políticos que haxa detrás. Aí vai polo tanto a miña proposta seguindo un pouco o modelo da FA Cup:

  1. Toda a Copa do Rei a partido único. Prórroga en caso de empate e senón penaltis. Redúcese o calendario polo que iso non debe perxudicar ós grandes.
  2. En caso de diferenzas de categoría, partido sempre en casa do equipo pequeno. En caso de ser da mesma categoría, sorteo puro.
  3. Primeira ronda onde entran 128 equiposDirectamente entran 80. A saber: os 20 equipos de 1ª división, os 22 de 2ª división, 20 de 2ªB (os 5 primeiros dos 4 grupos diferentes) e 18 de 3ª división (os campións dos 18 grupos do ano anterior). Por fase previa clasifícanse 48. Entran en liza 96 equipos nesta ronda previa en eliminatoria pura, os 60 de 2ªB que non entran directamente no sorteo e 36 de 3ª división (os 2ºs e 3ºs do ano anterior).
  4. Eliminatorias a sorteo puro. Podendo haber na 1ª ronda un Real Madrid-Barcelona e un Coruxo-Ourense.

Cada equipo xogaría deste xeito un máximo de 7 partidos para gañar a Copa, e cada partido sería unha final para todos os equipos sen opción a fallar. Co modelo actual un equipo de 1ª división que empeza en dezaseisavos xoga coas eliminatorias a ida e volta un total de 9 partidos no caso de chegar á final. Un modelo moito máis atractivo de cara ó espectador e mellor para os clubs que xogan competición europea. A sorpresa que deu hai uns anos o Alcorcón contra o Real Madrid podería verse tódolos anos e os grandes deberían andar con moito máis coidado. Cal é o problema? O de sempre, as televisións, o diñeiro e os intereses ocultos que hai detrás. Espero que nun futuro cambie e a Copa recupere a grandeza que tiña non hai tantos anos.

Fotos: manquepierda.com futbol91.com.