O diaño viste de Zara

O ingreso de 20 millóns de euros nas contas de calquera ONG sería unha noticia ben acollida pola opinión pública en case calquera circunstancia, pero se a persoa que os doa é Amancio Ortega temos servida unha lea monumental. Como se fose Al Pacino en Pactar co demo, algúns parece que queren dar unha imaxe do empresario como unha especie de encarnación de Lucifer que vive á marxe da lei para acabar dándolle unhas poucas migallas aos pobres mortais aos que somete e escraviza e, de propina, a outra xente coa que non ten nada que ver.

Deixando de lado xuizos sobre a súa persoa, á que non coñezo nin creo que estea cerca de facelo, podemos observar como se manifesta unha vez máis que o autoodio é un trazo moi salientable da sociedade galega. Temos entre nós un empresario de éxito (a terceira persoa con máis diñeiro do mundo) e convertemos en deporte nacional atizarlle publicamente. Políticos, xornalistas e todo aquel que teña boca e/ou conta en Twitter se pode sumar ao linchamento con mellores ou peores razóns: que se “evade impostos”, que se “explota nenos”, que se “porcentualmente é menos ca se ti lle das 5 euros de esmola a alguén” que se “só o fai para desgravar”… Pois ben, debo dicir que as críticas ao señor Ortega me parecen un exercicio grave de hipocrisía. A todos os niveis, pero o que máis me preocupa agora mesmo é a hipocrisía política.

O dono de Inditex doa unha suma máis ca respetable do diñeiro que el gañou derivado do seu traballo, a súa actividade empresarial e as inversións que asume pola súa conta e risco a unha institución que fai unha labor social importante e amplamente contrastada. Toda conducta que poida ser susceptible de tacharse como “moralmente reprobable” do empresario (deslocalización empresarial, redución de pagamentos de impostos, etc) non é máis ca o aproveitamento pola súa parte das ferramentas que o Estado (ou os diferentes estados) e o sistema político poñen á súa disposición porque lles convén dun ou doutro xeito que este señor gañe moito diñeiro dentro das súas fronteiras. Son estes mesmos elementos do sistema os que critican a súa conduta por non pagar os impostos “que lle corresponden” cando son eles os que os establecen, así coma os subterfuxios para evitalos.

Neste caso, o presunto delito de Ortega é saltar a mediación do Estado na xestión deses 20 millóns de euros, e o que escribe entende á perfección que prefira darllos directamente a Cáritas antes có goberno Rajoy, que xa demostrou en numerosas ocasións que os chanzos máis baixos da pirámide da sociedade lle importan ben pouco. Se estes millóns fosen recadados polas arcas públicas son capaz de apostar con quen sexa que serían destinados moito antes a pagar os soldos dos máis de 600 asesores do Presidente ou do sinfín de políticos que sobran na estrutura estatal ca a “fins sociais”. Por non falar xa dos cartos empregados en socializar as perdas dos bancos e caixas salvadas da case quebra á que conduciron a mala praxe dos políticos que as controlaban. Iso si, sona moito máis bonito dicir “redistribución da riqueza” ca “caridade”, sobre todo para os nosos representantes, porque lles presta moito máis facer e desfacer con cartos que non son seus ao mesmo tempo que quedan mellor có seu lexítimo dono.

Algúns dirán que son un iluso, outros que estou sendo cómplice de postulados de “capitalismo feroz”, pero tamén escollo iso antes ca selo dun goberno mentireiro e dun sistema político corrupto. Cadaquén é moi libre de posicionarse onde queira.