O deporte universitario americano, un modelo exemplar

Imaxínaste por un momento estar animando ás mellores promesas do país representando o equipo da universidade? Ou imaxínaste tamén percorrer o país animando os equipos da USC de fútbol, baloncesto, fútbol sala, balonmán, etc? E xa por último, imaxínaste como serían os derbis contra a Universidade da Coruña ou a de Vigo?

Todo isto podería ser un soño para moitos. Tamén podería ser posible se vivísemos en Estados Unidos ou simplemente se en España existise un programa deportivo universitario similar á NCAA americana.

A National Collegiate Athletic Asociation é o programa deportivo universitario polo que se rexen case a totalidade das universidades norteamericanas. Segundo o seu tamaño e o número de alumnos que teñan divídense dentro das tres divisións existentes. Tamén se dividen en conferencias segundo a súa situación xeográfica.

A este lado do Atlántico moitos temos a idea de que a NCAA é só unha competición de baloncesto desde a cal seleccionan despois os equipos da NBA as súas promesas no draft. Pero isto non é así de todo. Existe unha liga da NCAA para a maioría dos deportes, que se disputan nas diferentes épocas do ano segundo se xoguen baixo teito ou ao aire libre para intentar verse o menos afectados polas diferentes condicións climatolóxicas existentes en EUA. Os deportes máis seguidos da NCAA son o fútbol americano, o baloncesto e o béisbol, aínda que tamén teñen competicións de tenis, atletismo, campo a través, golf, ximnasia rítmica, remo, voleibol, hockey sobre xeo e outros deportes a penas coñecidos aquí como son o lacrosse, o sóftbol (béisbol feminino), bolos, loita libre deportiva, squash ou saltos de trampolín.

A cultura norteamericana provoca que na maioría dos casos son máis seguidos os deportes universitarios que os deportes profesionais. Toda familia e todo cidadán americano ten unha universidade preferida pola que soe animar, estudase en ela ou non. A raíz disto, sóense decorar casas e coches coas cores da universidade.

O campionato de baloncesto é quizais o único coñecido aquí. Os equipos loitan durante os meses de inverno por entrar entre os 64 mellores, e durante o mes de marzo dispútanse as eliminatorias a partido único no denominado “March madness” onde pode pasar de todo e soen aparecer grandes sorpresas cada ano, xa que é típico ver a pequenas universidades gañándolle a grandes universidades. Os xogadores cada ano poden elixir presentarse ou non ao “draft” da NBA, onde son escollidos os 60 mellores baloncestistas. Aínda así, non acaban aquí as carreiras profesionais dos deportistas, que poden ser igualmente contratados por calquera equipo da NBA, das súas ligas menores ou tamén por equipos europeos e de outras partes do mundo.

Este sistema do “draft” é similar practicamente en cada un dos deportes de equipo da NCAA para acceder aos conxuntos profesionais.

Aínda que aquí non sexa tan coñecido o fútbol americano máis aló da famosa “superbowl”, é o deporte da NCAA máis seguido. O partido de cada equipo é case unha relixión para os seareiros. De feito diferéncianse os días nos que xogan as distintas categorías para así non coincidir o partido de un equipo profesional cos dos equipos universitarios. Os venres xóganse as competicións dos institutos (antesalas das competicións universitarias), os sábados as ligas universitarias e o domingo a NFL (National Football League).

Os estadios de fútbol americano máis grandes son os das universidades. Como exemplo o da Universidade de Michigan, un dos máis grandes do mundo, no que collen ata 110.000 espectadores e para o que a espera para poder conseguir unha entrada é de varios meses.

Estadio da Universidade de Michigan, “The Big House”

A diferencia que hai entre o baloncesto español e o norteamericano non se producen fichaxes millonarias entre equipos xa que o que busca cada universidade é formar a mellor canteira, coa que gañar prestixio e tamén os campionatos universitarios. A forma alí de convencer ás futuras promesas é rastrexando todas as competicións dos institutos e ofrecéndolles becas deportivas, xa que os xogadores non poden recibir un soldo por xogar.

Moitos se preguntarán de que forma é viable unha estrutura que xunta a máis de mil universidades nas diferentes divisións. Si ben, o acceso á universidade americana non é barato, pero tamén contan co gran apoio das televisións que pagan centos de millóns de dólares polos dereitos televisivos. Por exemplo, a CBS chegou a un acordo coa NCAA de 14 anos a 771 millóns cada ano só por emitir o torneo de baloncesto. Outra cousa aquí habituada nada máis ás grandes ligas profesionais é que contan con videoxogos das competicións da NCAA que soen ser grandes éxitos de ventas.

Blake Griffin, na súa etapa na Universidade de Oklahoma, no videoxogo da NCAA

Sería isto posible en España? Quizais si, pero levaría moito tempo e moita vontade implantalo. Produciría un deporte máis limpo e un gran apoio á canteira. Polo de agora sería un soño de futuro para os moitos que nos gustaría defender as cores da USC ou animar á xente que estuda con nós. Quizais tamén é esta a explicación de por que os USA sempre son os mellores na maioría das competicións deportivas.