O cartelismo (tamén) en Galicia: Federico Ribas

Tal e como o seu propio apelido revela, Federico Ribas (do latín ad ripam: “á beira”) estivo ó lado de moitos dos grandes: Castelao, Luis Seoane, Rubén Darío, José María Cao… De feito, na súa época foi un deses grandes, pero ó igual que pasou con outras moitas loables figuras, a memoria colectiva relegouno ás páxinas máis desapercibidas da nosa historia.

Cando oímos cartelismo publicitario, a nosa mente adoita trasladarse instantaneamente a Toulouse-Lautrec e os seus famosos anuncios do cabaré parisiense Moulin Rouge. Pensamos en Francia, Alemaña, Inglaterra ou, como moito, Cataluña. Pero en Galicia tamén houbo importantes cartelistas –recordemos a Camilo Díaz Baliño, pai do recentemente finado Isaac Díaz Pardo–, como é o caso de Federico Ribas Montenegro. Este virtuoso debuxante tivo o privilexio de asistir a unha das épocas creativas máis excepcionais, na que o multiperspectivismo da arte e a concisión propagandística se fusionaron inconcibiblemente nun só concepto: o cartel publicitario.

Federico Ribas é o creador da imaxe publicitaria da marca Heno de Pravia.

Natural de Bouzas (1890), ó carón de Vigo, emigrou a Bos Aires cando era mozo. Logo dun tempo traballando como decorador e pintor (pero de “brocha gorda”), comezou a publicar debuxos en diversas revistas bonaerenses, como a famosa Caras y Caretas. Nesa época labrou unha estreita relación co tamén galego José María Cao, pioneiro do humor gráfico na prensa arxentina e pai da caricatura política nese país.

Trasladouse a París, onde seguiu desenvolvendo o seu labor como ilustrador en prensa. Na capital gala chegou a ser director artístico de diversas revistas, como Mondial –dirixida entón polo poeta modernista Rubén Darío.

Para as bodegas xerezanas Marqués del Real Tesoro realizou un dos máis fermosos carteis que se conservan desta marca.

Chegou a Gran Guerra, así que Ribas abandonou Francia para instalarse en Madrid. Alí viviría o seu período de máxima produción artística (1916-1936). Colaborou con diarios como ABC e con numerosas publicacións ilustradas da época: Blanco y Negro, La Esfera, Nuevo Mundo, Buen Humor, Vida Gallega, etcétera. Tamén podemos atopar viñetas súas nos xornais galegos Faro de Vigo e El pueblo gallego. Ademais, converteuse en ilustrador de portadas de varias editoriais madrileñas e chegou incluso a dedicarse á cartelería turística.

As ilustracións que Ribas realizaba para a Perfumería Gal publicábanse en diversas revistas ilustradas da época.

Porén, o que máis destaca desta etapa –e de toda a súa obra– son os carteis realizados para as campañas publicitarias da Perfumería Gal anunciando os xabóns Heno de Pravia.

Nun principio traballou en solitario, pero en 1928 o recoñecido publicista Prat Gaballí fundou a axencia Veritas, que pasou a traballar para Gal. Ámbolos dous pasaron a formar unha excepcional parella: Gaballí encargábase da parte técnica e Ribas da artística. Creaba 1 ou 2 debuxos ó día, uns 500 no ano, e entorno a uns 4.000 en total. Desde unha arte modernista, elegante, sensual e afrancesada; representaba unha vida  graciosa e amable a través do humor e o enxeño. Tiña un trazo sinxelo, fluído e refinado, considerándose como herdeiro do ilustrador austríaco Raphael Kirchner. A inmensa produción pertencente a esta época evidencia o seu enorme potencial.

As sensuais e atrevidas mulleres debuxadas por Ribas chegaron a converterse nunha icona feminina da época.

Pero, unha vez máis, un conflito bélico irrompeu no seu desenvolvemento artístico. Tras o estalido da Guerra Civil, a súa ideoloxía republicana levouno ó exilio. De novo en Bos Aires, relacionouse con outros intelectuais galegos que exercían a oposición antifranquista desde o outro lado do Atlántico, como Castelao ou Luís Seoane. Os seus debuxos continuaron na liña do humor gráfico, pero cun matiz cada vez máis satírico e decadente.

Logrou regresar a Madrid en 1949, onde morrería repentinamente tres anos máis tarde. Desde entón,  esvaeceuse pouco a pouco o recordo deste prolífico artista que, máis que pintor, foi ilustrador.

 

Federico Ribas tratou sempre de mostrar unha vida graciosa, amábel, a través dun lene humor até hai uns vinte anos, en 1936, cando os mortos o torturaron, igual que a Goya, que a Castelao, e na intimidade do seu taller debuxaba a crueldade e a morte tal como un dia a vira na nosa costa do seu mar de Vigo”

Luís Seoane.