Noite de humor galego no Somos a curta!

Como todos saberedes ben, o audiovisual galego non pasa polo seu mellor momento, pero iso non se debe a que o talento escasee no noso país. Creadores consolidados como Fernando Cortizo estano a deixar claro, a pesar das dificultades impostas polas grandes distribuidoras, pero tamén o comezan a facer aqueles que agora dan os seus primeiros pasos no mundo das cámaras. A gala de entrega de premios do II certame de comedia Somos a Curta!, convocado pola Comisión de Normalización Lingüística de CC. da Comunicación en colaboración coa Liga Estudantil Galega, foi boa proba disto.

O humorista e actor arousán Carlos Blanco foi o encargado de presentar o acto de onte, que comezou a iso das 20h no auditorio da Facultade de Comunicación diante duns 100 asistentes. Dun total de 16 curtas, só cinco foron as escollidas para seren finalistas do concurso por un xurado composto por Pilar Murias (CNL de Económicas), Mª Carmen Balsa (CNL de Comunicación), e Xurxo López (AGADIC). A primeira delas, 100 euros, ambientada no Hostal dos Reis Católicos, falounos das voltas que pode dar o diñeiro para pagar vellas contas e favores. A segunda, Chapeau!, narrounos unha historia con tintes de humor absurdo construída en torno a unha tenda de sombreiros. Logo, os presentes asistimos á proxección de Enfoques, a cuxos protagonistas se lles viña o tempo enriba para entregar en prazo unha curta para a clase. Despois foi o turno de Familia, unha atrevida obra con clara influencia tarantiniana sobre as peripecias dunha parella de sicarios. Por último tocoulle a Por couso!, unha orixinal curta de animación en stop-motion que adaptou un conto tradicional galego de temática mariñeira.

Todos estes traballos fóronse intercalando coas súas correspondentes presentacións e cos monólogos de Carlos Blanco, que amenizou a gala e demostrou a universalidade do humor galego, especialmente aquel referente á morte; ao mundo dos enterros e dos epitafios. Unha vez proxectadas as cinco curtas finalistas chegou o momento do voto do público, que outorgou o seu premio a Chapeau! O 2º premio do xurado, dotado con 200 €, foi para Por couso!; mentres que o primeiro, con 400 €, levouno Familia. Así remataba esta nova edición do certame Somos a curta!, que volveu destacar a importancia da comedia, máis aínda nos tempos que estamos a vivir; ademais de deixar claro que a escaseza de medios se pode contrarrestar a base de imaxinación e creatividade.