Muiñadas de outono

A memoria é débil pero de vez en cando asáltanos con sensacións que nos transportan a outros momentos. Fai un par de semanas achegueime ata un muíño tradicional e recordei unha excursión no meu colexio cando era ben pequena. Non gardo dela moitas imaxes pero sei que era outono, polas cores. Levárannos a un muíño aínda en funcionamento para ensinarnos as súas partes e a súa funcionalidade. A auga batía con moita forza nas pás do rodicio. Lembro o son.

Muíño abandonado

En Galicia existen á beira dos ríos numerosos muíños que antigamente se empregaban para surtir de fariña ás familias de cada lugar. Hoxe en día, a maioría destas construcións de pedra atópanse en desuso, abandonadas ou en ruínas. Algunhas delas foron restauradas coa finalidade de ensinarlle ós posibles visitantes o método tradicional para moer os grans de millo, trigo e centeo. Seguramente a excursión que fixen cando era cativa tivo como destino un destes muíños museo, recuperados e coidados para desempeñar unha utilidade didáctica.

Muíño de Porlá

Se non tivestes a oportunidade de entrar nunha destas construcións agradeceríavos que me acompañásedes neste percorrido fotográfico polo de Porlá. Situado na parroquia de Santa María de Recemel (As Somozas), este muíño rexentado por Alicia e Vicente continúa activo. Non tiveron a mesma sorte outras edificacións pensadas tamén para obter fariña. O mesmo afluente do río Xubia do que bebe o muíño de Porlá, movía no seu tempo dous rodicios máis que agora están abandonados. A propiedade destas edificacións podía estar atribuída a unha familia ou a un colectivo de veciños dunha aldea (muíños de parceiros). Neste último caso, os diferentes propietarios establecían un horario para que todos puidesen triturar os seus cereais. Se as quendas coincidían pola noite, o medo á escuridade e ós animais salvaxes obrigaba a moitos veciños a moer acompañados por amigos. Nestas xuntanzas acostumábase a cantar, contar contos ou dar renda solta ó amor. Non só había un tipo de fricción dentro dos muíños.Historias, lendas, refráns e cancións – pezas fundamentais do folclore galego – son hoxe mostra das cousas que sucedían naqueles momentos nos que se xuntaba o traballo co lecer. A muiñeira como danza, señoras e señores, non é complicado deducir que naceu nestas construcións. Cando mozos e mozas dunha parroquia se reunían en torno ós muíños – agardando a vez para moer –  a festividade denominábase muiñada.

A hedra cubre a pedra

Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa si é muiñada.

O muíño do meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
cando está baixo, erguelo.

Fun esta noite ó muíño
nin moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo
iso foi o que gañei.

Hoxe, cubertas moitas destas construcións por hedras e silvas, fálannos dun pasado que se vai e da utilización de novos medios técnicos para moer. As plantas gueban pola pedra como ancladas nunha perpetua escena de Jumanji.

Sacos de gran co nome do cliente

Pero o método tradicional dos muíños de auga permanece inda vivo en casas como a de Porlá. Se vos place, acompañádeme neste percorrido polo seu funcionamento. Unha vez cribado o cereal que previamente foi colectado, almacénase en sacos para facilitar o transporte ata as construcións situadas á beira do río. Os muíños de auga utilizábanse para moer millo, trigo e centeo, de forma que, en función de cada cereal, construíanse moas diferentes para triturar o gran (o millo, que é máis duro, precisa dunha pedra máis grosa).

Moega para a fariña dos animais

Unha vez dentro da parte superior do muíño, os sacos de cereal son baleirados nun recipiente chamado moega. Alicia e Vicente teñen na súa propiedade tres recipientes diferentes: nun estaban a moer trigo e noutro millo para os animais, o último atopábase en desuso. A muiñeira controlaba a caída do gran cara ás pedras por medio dunha caneta (onde se almacenaba) e dun rolo de ferro chamado traque (isto é porque ó xirar emite un son similar a “traque, traque, traque”. Orixinalidade ante todo). Axítase así o recipiente e o cereal precipítase no centro ou ollo da moa.

Hai dúas pedras de moer, unha está fixa e a segunda é móbil para rodar sobre a outra. A separación que existe entre as dúas pode ser maior ou menor en función do grosor que se lle queira dar á fariña. Esta vai caendo polo lado exterior da pedra e pasa a unha posterior criba da que se obtén o po para consumo humano. O sobrante vai destinado ós animais. Co obxectivo da cámara branco, saímos para fóra. A roupa, as mans e a cara estaban cubertos de partículas da foula da moa, así que un pouco de aire estivo ben. Da fariña obtida, Alicia cobra unha maquía, é dicir, retira aproximadamente o 10 por cento do produto para ela. Non hai cartos de por medio. É un trato familiar onde a muiñeira coñece os gustos dos seus clientes. Cunha pequena manivela controla a distancia entre as moas e o grosor da fariña. Os habituais de Recemel saben que Alicia prepara mellor o produto que o seu home. Cando llo din sorrí. Ó erguer as faccións, a fariña que cubría a súa cara cae ó chan.

Rodicios no Inferno

Unha vez fóra, ensináronnos a parte inferior do muíño, coñecida como inferno. A forza do chorro – que co impacto parece néboa – e os grandes ferros que unen a moa co rodicio fanlle xustiza ó nome. A canle que sae do río almacena a auga ata que entra por un rego que se atopa a menor altura. Se o torna augas – que permite que pase ou non –  está aberto, a auga precipítase ata o inferno. A gran presión á que sae fai que se movan as penlas ou pás do rodicio (roda do muíño). Ó estar conectado a través da vara de ferro coa moa, esta xira triscando o cereal. Para que todo isto suceda o fundamental é o caudal do regato polo que nos meses de verán a actividade diminúe. Básicos son tamén todos os elementos que forman parte do proceso, sempre e cando se atopen en bo estado. Pezas como a moa ou o rodicio son complicadas de arranxar ou cambiar pois cada vez hai menos xente que se dedique á súa reparación. Toda unha rede de oficios en perigo de extinción. 

O eucalipto seca o carballo

A labor dun muiñeiro é cautelosa para que a fariña que se obtén sexa do gusto do consumidor. Nos muíños modernos o traballo é rápido e mecánico. Buscan unha máxima: maior rendemento co menor esforzo. Hoxe – sorte das lavadoras – non limpamos a roupa nunha pedra plana á beira dos ríos (lavadoiro). Forma parte da evolución á que nos sometemos os seres humanos. Pequenas mortes suceden a ese noso escalar. Rubimos polos cascallos como a hedra que envolve no esquezo os muíños.

Fotografías e texto: Sara Yáñez.