Micah P. Hinson, de peras e olmos

Elvis Presley ou Johnny Cash pasaron gran parte da súa fecunda vida en Memphis. Nesta cidade de Tennesse tamén naceu Micah P Hinson hai 31 anos. Das cinzas de artistas finados neste condado parecen reverberar novos talentos cuxos concertos vale a pena relatar.

O pasado domingo 18 de novembro, o cantautor e guitarrista Micah P Hinson aterraba en Santiago de Compostela. O concerto da Sala Capitol foi unha das paradas dentro da súa actual xira por España agora que ten un novo proxecto: Micah P. Hinson & The Junior Arts Collective. As letras proxectadas por unha fonte de luz no chan da entrada e nunha parede da sala avisábannos de que o ciclo Compostela Rock era parte responsable do concerto.

As agullas do reloxo achegábanse ás nove en punto cando Timber Timbre comezaron a tocar. Durante media hora o escenario tinguiuse dunha tenue cor vermella que envolvía ós músicos. O son procedente do blues roto e o folk alternativo deste grupo de Canadá parecía querer quentar o ambiente. Os catro membros conseguírono ofrecendo un produto musical elegante. A fría actitude dos canadenses non influía na calidade do son. Violíns e teclado dependían da única muller do escenario, Mika Posen, que permaneceu co rostro inmutable ó longo da noite.

Uns poucos temas despois, Timber Timbre converteríanse en The Juniors Arts Collective, encargados de acompañar a Micah P Hinson na súa xira por España. Cunha camisa de cadros e as súas Nike, o músico de Memphis subía ó escenario mentres remataba de comer unha pera. A primeira dunhas cantas que almacenaba no peto traseiro (e máxico) do seu pantalón.

Con paso torpe e mirada perdida camiñou ata a súa guitarra branca para colocarse logo diante dun micrófono clásico. Esta elemento icónico personifica o carácter eterno e atractivo dos concertos dos anos 50 e 60. A voz grave e sentida de Micah – enraizada na tradición folk norteamericana – uniuse así a The Juniors Arts Collective para presentar o seu novo CD. Trátase dunha colección de descartes doutros discos, tomas alternativas e rarezas que recentemente publicou a revista musical Rockdelux.

Este último traballo forma parte da curta pero prolífica carreira do artista. O primeiro disco gravouno alá polo 2004 con algúns compoñentes do grupo The Earlies entre os que se atopaba un amigo seu, John Mark Lapham. Tiña por entonces 23 anos e a produción de Micah P Hinson and The Gospel of Progress embarcouno nunha xira polo Reino Unido (lugar da gravación). Máis tarde viaxaría a Estados Unidos para presentalo xunto co grupo Calexico. Unha lesión lumbar que o levou ó quirófano e que aínda lle sigue causando molestias na espalda, obrigouno a gravar Micah P Hinson and The Opera Circuit na súa casa.

Dous álbums de estudio máis (2008 e 2010), un EP con oito cancións, un disco de versións e este último de rarezas, completan unha traxectoria salpicada de historias que Micah relatou ó público da Sala Capitol durante o seu concerto. Este de Santiago de Compostela foi un dos máis  numerosos da súa xira española, como recoñeceu el mesmo ó comezo da actuación. A presentación dos músicos – Micah considérase fan de Timber Timbre – e a súa propia deron paso a un recital de talento e bo facer. Coa súa voz e os seus instrumentos ofreceron sincronía ós alí presentes.

En determinados momentos sacaba do seu peto unha pequena caixa da que collía unha pastilla que se colocaba na enxiva. Se xa era complicado entendelo coa boca baleira, o tabaco de mascar imposibilitábao. Leva dende os dez anos fumando. Ós seus pés, un par de latas de Coca-cola e un botello de auga axudábanlle a tragar as peras que devoraba entre tema e tema. Intres nos que tamén aproveitaba para referir anécdotas que tiñan ou non que ver coa lírica das cancións.

Houbo un tempo no que o cantante se viu na rúa despois de pasar unha tempada no cárcere por falsificar receitas médicas. Tiña dezanove anos e durmía en moteis cando conseguía algún diñeiro. Confesou nunha das súas charlas do concerto que lle encantaba fumar nas habitacións, sobre todo nas bañeiras. Terminou por mudarse a un motel cando conseguiu un traballo. Alí compuxo cancións con instrumentos prestados que máis tarde serían incluídas nos seus discos. Todas elas interpretadas con esa característica voz raspada e cavernosa que emocionaba ó público da Capitol.

Micah P Hinson é un contador de historias que tamén escribe novelas. Na primeira delas, No voy a salir de aquí (colección Heroes Modernos de Alpha Decay, 2010), o protagonista da nouvelette quéixase do déficit de atención e da conformidade. Di que marcan a tendencia dun mal futuro. No concerto do pasado 18 de novembro, a impaciencia do público desexoso de escoitar boa música provocou berros e murmurios inoportunos mentres o cantante falaba. Non pola indiferenza se non pola incomprensión. Claramente o pechado inglés americano non é o noso e manter a concentración sobre algo que non entendes require dun silencioso respecto. Tarefa complicada dentro dunha sala na que se vende alcohol.

Os minutos transcorrían e a noite convertíase en algo completamente insensato e desnortado. Os improperios non tardaron en facerse escoitar. Había algo amargo no ambiente, unha especie de ferocidade. Micah apartou a mirada do foso mentres se poñía de costas ó público durante uns minutos. Pero non calou ante os berros. Non entendía o porqué das interrupcións da xente. O enfado traduciuse en reto: guitarra en man sinalou á persoa que vociferaba e propúxolle tocar. O home que se achegou ata o escenario era corpulento e barbudo, camiñaba atropeladamente causa da embriaguez. Farfallaba que el o único que quería era gozar dun concerto tocado, non falado. P Hinson mirábao como quen mira a un insolente. Reclamaba o respecto ós artistas, grandes ou pequenos. O espectador logrou calmarse e o transcurso do concerto foi pacífico, só interrompido por algunhas risas a destempo. O reto quedou en nada, baleiro.

Ese modo no que se lle retorcían os labios e apertaba os puños. Micah estaba cabreado. Como se estivese a punto de dobregarse na impotencia. Pero estallou en berros na seguinte canción. Estallou a sala Capitol. Os detonantes foron os cinco músicos que se atopaban en trance no escenario. E ó rematar da actuación mereceron – como así o facía James Brown – a capa coa que se cubría ós gañadores despois dunha pelexa de boxeo. Neste caso o que recibiron foi un longo aplauso. O xesto repetiuse en todos os temas ata a fin do concerto, que durou máis de dúas horas.

Xa preto do final, os catro membros de Timber Timbre abandonaron o escenario para deixar só a P Hinson. Despois de interpretar temas como “God is good” ou “This land is your land” de Woody Guthrie, o músico soltou a guitarra. Rematou a actuación cunha ovación merecida e a man no peito, disipando así a previa tensión do ambiente. Unha vez fóra Micah seguiu a falar prolongadamente con quen buscaba a súa firma. Agradecíanos ter estado alí e nós agradecémoslle o vivido dentro da sala.

Os efervescentes discos e os auténticos concertos, sobre os seus soños durmimos aquela noite.

 

Texto e fotografía: Sara Yáñez.