O banqueiro anarquista

Portada do exemplar publicado no 1983Contan as enciclopedias que alá polo ano 1888 na cidade de Lisboa, sen que ninguén se decatase, unha muller e un home enxendraron a un xenio. De nome puxéronlle Fernando Pessoa. Cento e pico anos despois, medio mundo aínda non recoñece este nome dentro do panteón da literatura universal. Gran parte da culpa tena o propio escritor, quen almacenou nun baúl durante máis de vinte anos centos de manuscritos confeccionados durante as súas noites solitarias de pluma e licor. Tras a súa pronta morte no 1935, os que non puideron entran na súa cabeza entraron na súa casa para rescatar do esquezo a meirande parte da súa obra.

Pessoa non era Pessoa. Tan complexo é o universo deste home que se gañaba a vida de comerciante e tradutor, que para tentar entendelo houbo que inventar unha palabra: “heterónimo”. Na ebria soidade, Fernando Pessoa despregábase en ducias de personalidades con perspectivas e filosofías propias para crear a outros autores: Alberto Caeiro, Ricardo Reis e Álvaro de Campos son os máis coñecidos dos setenta e sete heterónimos.

Rematado no 1922 nunha Lisboa parcialmente illada dos movementos vangardistas deses tempos, O banqueiro anarquista ten de curioso algo máis que o título; non cadra dentro de ningún subxénero narrativo convencional. Formalmente é un relato curto en forma de diálogos, moi coidados ao estilo maiéutico de Platón, a través dos que expón e desenvolve claramente o tema tal e como se faría nun ensaio. Baixo esta estética comeza unha conversa dun interlocutor -e narrador- descoñecido cun banqueiro que di ser anarquista. É posible selo?Fernando Pessoa (Lisboa, 1888 - 1935)

Como bo anarquista, o banqueiro quere acabar coas ficcións sociais e xerarquías que oprimen a condición natural da liberdade humana. Para iso, decide atacar o elemento que maior opresión provoca: o diñeiro. Quen empezou por ser un sindicalista máis, foise desencantando coa humanidade ao decatarse do egoísmo intrínseco das persoas e a incapacidade de practicar a anarquía en conxunto, polo que decidiu sobrepoñerse aos cartos conseguindo tantos como para que non lle importase. Rexeita vivir afastado e de maneira autónoma porque iso sería fuxir, así que decide enfrontarse ao sistema combaténdoo dende dentro.

Pero o que realmente chama a atención de este libro é o uso de argumentacións e retórica, para demostrar que a vida non é lóxica. Tras continuos razoamentos dedutivos, Fernando Pessoa consegue facer un xogo entre a razón e o absurdo, ridiculizando as metodoloxías do raciocinio. Estamos ante unha constante na literatura deste autor: as paradoxos. Neste caso, a de que un anarquista pode ser un ultraliberal.

As argumentacións teñen uns fundamentos estables, e dicir, seguen unhas deducións constantes e simples, pero ao rematar a lectura podemos reflexionar un pouco e atoparlle un par de buratos polos que bota augas.