Didier Drogba, o futbolista que detivo unha guerra

Era o 8 de Outubro de 2005, preto das sete da tarde e o árbitro sinalaba o final. A selección de Costa de Marfil acababa de vencer en Sudán por 1 a 3. O equipo capitaneado por Didier Drogba tan só necesitaba que Camerún non gañara o seu partido contra Exipto para lograr meterse na que sería a súa primeira Copa do Mundo. Os xogadores de Costa de Marfil permanecían no centro do campo ó redor dunha radio pola que oían os últimos minutos do partido entre cameruneses e exipcios. Pero pasou o que ninguén esperaba. Minuto 95 e penalti a prol de Camerún. Vai Womé ó lanzamento ante a negativa de Eto’o para lanzalo. Ó pau e fóra! A selección marfileña salta de alegría! Drogba pon a calma. Di que o partido non está acabado. 2 minutos despois o árbitro sinala o final. Costa de Marfil está no seu primeiro Mundial. O xúbilo invade o país… (MINUTO 1:41:12 a 1:42:50).

Pero no medio das celebracións emerxe a figura de Didier Drogba. O astro marfileño colle o micrófono e rodeado dos seus compañeiros pónse de xeonllos para pronunciar unhas palabras que xa están na historia do país africano. Unhas verbas que marcaron o devir de Costa de Marfil. Foron estas:

“Cidadáns de Costa de Marfil, do norte, sur, este e oeste, pedímosvos de xeonllos que vos perdoedes os uns ós outros. Un gran país como o noso no pode renderse ó caos. Deixade as vosas armas e organizade unhas eleccións libres”. “Perdoade, perdoade, perdoade” (MINUTO 1:44:43 a 1:45:18).

Costa de Marfil levaba xa máis de 3 anos sumido nunha cruenta guerra civil. Desde o comezo da guerra no ano 2002 a situación no país marfileño fora cada vez a peor e estaba claramente dividido en dous; o sur, comandado polo goberno, e o norte, comandado polos insurxentes. Nese momento a acción levada a cabo pola selección marfileña foi clave para frear a guerra e deter os ataques entre os dous bandos. Drogba e o resto de compañeiros (Kolo Touré, Zokora, Yaya Touré, Eboué…) eran a unión dun país partido. O ex-dianteiro do Chelsea loitou con tódalas ganas para pór fin á situación do seu país. Así, despois de clasificar a Costa de Marfil para o seu primeiro Mundial neste outubro do 2005, no 2006 recibiu o premio ó mellor xogador africano, sendo a súa maneira de celebralo a de viaxar a Bouaké, principal sede dos insurxentes, para volver pedir a paz. Foi o previo ó seu plan máis ambicioso na loita pola unidade do seu país, a disputa dun partido clasificatorio para a Copa de África na cidade de Bouaké o ano seguinte. En 2007 reuníanse na cidade dese xeito os ministros do goberno e os líderes da revolta, cantando xuntos o himno de costamarfileño antes do partido que enfrontaría á selección de Costa de Marfil fronte a Madagascar. 5 a 0 foi o resultado final a prol dos marfileños, cinco goles que remataban así con cinco anos de guerra. En 2007 os dous bandos uníanse para formar un novo goberno. Esta é a historia de como o fútbol pode ser algo máis que espectáculo movido polo diñeiro, a corrupción e a tensión entre afeccionados. Drogba, pola súa parte, conseguiu os seus dous soños: levar á súa selección a un Mundial e axudar a acabar coa violencia no seu país.

Pero o idilio de Drogba nunca foi completo coa selección. A pesar de ser o ídolo absoluto a súa historia é máis ben de amor e odio. Tralo debut no ano 2002 foi a partir do ano 2005 cando se converteu na referencia absoluta da selección marfileña. Tras ser vital na fase de clasificación para o Mundial, o seguinte obxectivo de Costa de Marfil estaba na Copa África do 2006. Drogba completara un gran torneo, anotando o penalti decisivo na tanda dos cuartos de final contra Camerún e o único gol das semifinais contra Nixeria. Costa de Marfil atopábase na súa segunda final africana da historia. O partido da final contra Exipto foi moi igualado e acabou outra vez nos penaltis. Desta vez a sorte non ía estar con Drogba, e o disparo que detiña El-Hadary permitía o triunfo dos faraóns. Posteriormente Drogba seguiría tirando do carro dos elefantes, levándoos ás fases finais das Copas África de 2008 e 2010 e logrando a clasificación para o Mundial 2010, pero á hora da verdade a selección marfileña decepcionaría. A derradeira ocasión para levar á súa selección a vencer tívoa Drogba neste xaneiro de 2012. Costa de Marfil enfrontábase á débil Zambia na final da Copa África e Drogba tiña a última oportunidade de vencer para o seu país no minuto 69. Penalti a favor que lanza…e arriba. Partido á prórroga e posteriormente ós penaltis. A pesar de que si que anotaba o seu penalti na tanda, o que erraba Gervinho permitía que Zambia se levase a súa primeira Copa África. Destruído polo momento, Drogba choraba desconsoladamente no campo, descontento por non poder cumprir a misión do heroe marfileño, a misión de levar ó país dos elefantes a vencer no continente africano.

Didier Drogba coa súa fundación

E é que Didier Drogba (Abiyán, Costa de Marfil, 1978) é moito máis que un futbolista. Considerado pola revista Time un dos 100 homes máis influíntes do planeta (único marfileño con esta consideración), é un dos principais loitadores xunto co maliano Fréderic Kanouté polo desenvolvemento africano. A súa fundación, que opera desde 2007 levando material e donativos para favorecer o desenvolvemento dos países africanos, é a imaxe do que é o dianteiro marfileño. Declaraba isto en 2009: “Cando visitei un hospital en Abiyán neste ano (2009), eu estaba sorprendido polas terribles condicións. Oímos falar de todas as enfermidades incurables, pero estes nenos teñen as mesmas probabilidades de morrer de diabetes, xa que non hai insulina dispoñible. Foi entón cando decidín que o primeiro proxecto da fundación debía ser construir e financiar un hospital dando ás persoas a atención sanitaria básica e unha oportunidade para manterse con vida”. Tras isto, Drogba destinaba os 4 millóns do seu contrato anual con Pepsi para construir un hospital-orfanato para os nenos de guerra. Un xornalista, que soubo por casualidade do que Drogba estaba a facer, preguntoulle por que non lle dixera nada diso á prensa. Drogba respondeu así: “Non sinto necesidade de dicir nada a ninguén do que son en África. Sei polo que estou loitando, e iso é todo o que importa”.

Nacido nun país asoballado pola violencia, sen futuro e rodeado de desastre, marchou ós 5 anos a Francia acompañando ó seu tío Michele Goba, daquelas xogador profesional de equipos modestos, pero regresou a Abiyán tres anos despois tras non adaptarse á vida francesa. Os problemas económicos fixeron a seus pais marchar e con eles foi o pequeno Didier, quen ós 12 anos se establecía coa súa familia na localidade francesa de Antony. Na canteira do modesto Levallois Drogba permaneceu ata os 18 anos, tendo que cambiar de equipo a esa idade tras non convencer ó técnico Jacques Loncar. Aproveitando o cambio de cidade para empezar contabilidade na universidade, Drogba fichou polo filial do Le Mans, pero as lesións e a universidade marcárono e ata 1999, ós 21 anos, Drogba non lograba debutar co primeiro equipo do Le Mans. Espremendo as súas últimas oportunidades de dedicarse ó fútbol profesional, Drogba disputou unha primeira boa tempada no equipo francés, anotando 7 goles en 30 partidos. Pero a progresión non foi a esperada e a tempada 2000-2001 remataba con 0 goles en 11 partidos xogados. Drogba, co seu caracterizador espírito de loita seguiu buscando triunfar no fútbol, e tras esta aciaga campaña, pediu unha última oportunidade. O Le Mans concedeulla e a metade de tempada atopábase con 5 goles e sendo unha das referencias do equipo. O Guingamp fixouse nel e contratouno por algo menos de 100.000 euros. Debutaba deste xeito na primeira división francesa ós 24 anos anotando 3 goles en media tempada. A súa explosión tería lugar o ano seguinte. 17 goles e unha sociedade magnífica con Florent Malouda levaban ó Guingamp a quedar 7º en Liga. Podía parecer un caso Javi Moreno, Mista ou Dani Güiza, pero os grandes comezaron a fixarse nel.

Malouda e Drogba, cando xogaban no Guingamp

Drogba conseguía ós 25 anos a base de loita, corazón e tesón o éxito no fútbol. Era traspasado ó Olympique de Marsella por máis de 3 millóns de euros, onde marcaría 19 goles na liga e sería o Xogador do Ano na liga francesa. O todopoderoso Chelsea fixábase no dianteiro marfileño e por algo menos de 25 millóns de euros facíase cos seus servizos. Desde aí xa sabemos a historia de Drogba. Un dos mellores dianteiros do século XXI, dos mellores xogadores africanos na historia, unha das referencias do Chelsea nos últimos anos e en definitiva, un xogador diferente. Axudou a vencer ó Chelsea na Premier League, e o ano pasado, a súa espectacular Champions League levaba ó conxunto dirixido por Di Matteo á vitoria. O marfileño conseguía o cetro europeo e o seu penalti, o quinto e decisivo, elevaba ó Chelsea ó primeiro nivel de clubs europeos. Drogba vencía á fin en Europa.

A última etapa de Didier Drogba está a ter lugar no Shanghai Shenhua chinés, mais os últimos rumores informan que o espírito competitivo do marfileño está descontento e que quere volver á busca de retos maiores. Pode regresar ó Chelsea. Regrese ou non, xa ten un sitio na historia do fútbol e no corazón dos afeccionados. Un xogador especial e único, que deu unha Champions ó seu equipo e puxo ó seu país no mapa futbolístico, pero que quedará no recordo do continente africano por ser un deportista modelo. E para nós, a imaxe exemplar dun xogador que sempre o deu todo no campo, e fóra del.

Fotos: hombrerevenido.blogspot.com.es, ouest-france.fr.