Borbalán silencia a frustración

Había moito tempo que un partido non espertaba tan pouca expectación en Vigo. Ata este xoves falouse do encontro ante o Coruña e a ida de Copa ante o Almería e dende entón xa se comezaba a comentar o sistema que se debía empregar a vindeira fin de semana en Vallecas. O paso polo Camp Nou, mero trámite. Enfrontarse ó teórico mellor equipo do mundo nunha das súas etapas récord antollábase entre os seareiros celestes coma un estorbo, coma unha desas xornadas de descanso que interrompen a competición; un amigable, un adestramento satánico retransmitido para a aleivosía de todo o mundo, e no que todo o mundo sabía de antemán que ía ocorrer. Especulábase tamén sobre futuras fichaxes, reinserción dalgúns suplentes no once titular, novas incorporacións de canteiráns… Simplemente, o do sábado, era un partido doutra liga da que por algún motivo o Celta tamén se vía na obriga de participar.

E de súpeto foi sábado e a peña BlauCel e compañía estaban nun dos anfiteatros superiores dun dos fondos do estadio do F.C. Barcelona e os xogadores xa quecían en miniatura no céspede impoluto e a prensa especulaba con cantos goles pensaba dedicar Messi ó seu descendente. O árbitro asubiaba e sete galegos, acompañados por un danés, un arxentino e dous españois plantábanse de súpeto na catedral europea do fútbol, vestindo de celeste e sen tan sequera facer ruído entre os seus seguidores, coa pura convicción de non deixar fuxir a oportunidade de reivindicar que o fútbol, en efecto, é un once contra once sobre un terreo de xogo. O seu comandante, Paco Herrera, aprendera dos erros de hai un par de semanas noutra das grandes prazas e soubo confiar nas posibilidades dos seus para, con ese silencio e discreción, levar a cabo un xogo rápido e áxil, atrevido, descarado, sen complexos. Nada de trivotazo. Nada de camións na defensa. Nada de quedar pasmados. O Celta saíu ó Camp Nou sen nada que perder e disposto a morrer matando. Iago erra un man a man. Marcan os locais. Non pasa nada: tres pases rápidos no medio do campo e marca Bermejo. Empatados. Gol outra vez do Barcelona. A seguir loitando. 2-1 no descanso e mentalidade firme, resolta, para comezar a segunda metade cun gran tiro cruzado, outra vez de Aspas. Os galegos eran conscientes da dificultade da súa empresa e os cataláns foron decatándose da necesidade de reaccionar ante un miserable recén ascendido. Once contra once.

O árbitro, Fernández Borbalán, foi o único que non coincidiu completamente coa xustiza desta paridade numérica nin da que tradicionalmente se atribúe ó mérito ó traballo, e unha acción dubidosa abondou para que a presión do estadio que non inmutou ós celestes estoupara no seu interior e lle impedira sinalar un clamoroso fóra de xogo que deixaba a Javi Varas a mercé de J. Alba. Un terceiro gol que derretía calquera posibilidade de intentar remontar. Que se non tivera sido nesa ocasión o Barcelona podería ter marcado outro gol? Posiblemente si, como posiblemente, dada a dinámica do partido, tamén o podería ter marcado o Celta, pero nin as entradas de Park, Toni ou De Lucas puideron facer xa nada por achegarse ó empate. Só Messi amosaba algo de furia derivada da frustración de non ser quen de aproveitar un claro man a man e dar máis de tres pasos seguidos co balón nos pés. Fronte a el, o máis silencioso: J. Vila, que volvía tras moito tempo a un once titular para reivindicar as calidades que o fixeran imprescindible no centro da defensa non hai tanto tempo.

Finalmente, o “Tourmalet” dos vigueses remata cun balance mediocre en canto a resultados pero esperanzador en canto a xogo. A contundente vitoria contra o Sevilla, o insulso empate contra o Coruña na casa e as visitas a Madrid e Barcelona sen encaixar demasiados goles (non deixa de antollarse lamentable que ese sexa o maior propósito co que un equipo viaxa a estes campos) e incluso chegando a disputar o último destes encontros foi un período no que un equipo novo e inexperto amosou ser quen de basearse tamén nos veteranos para superar o medo escénico e consolidar un estilo de xogo fresco e atrevido.

Como se di agora en Vigo: “agora comeza a nosa liga”.

Foto: David Ramos/Getty Images