As diferenzas de categoría na liga universitaria

 Son as tres da tarde dun día calquera en Santiago. Chove e vai frío. A maioría dos estudantes refúxianse na casa desfrutando da sobremesa. Pero no Campus Sur vinte e dous rapaces pegan patadas a un balón e corren sobre un campo de “terra” para intentar facer deporte, pasar un bo rato e sobre todo para acadar unha vitoria que os achegue a tan ansiada primeira categoría de fútbol once universitario.

Eu son un deses tantos rapaces. Hai dous anos, o meu equipo (Praza de Pastos) comezaba a súa andaina por terceira división. Tras moitos partidos, vitorias, derrotas e un ascenso nos despachos (por prazas que quedaron libres en segunda) e outro sobre o campo por fin poidemos debutar esta mesma semana na tan “soñada” primeira división. Non foi ben a cousa, perdemos 3-2 e aínda por riba marcando nós mesmos o gol definitivo en propia porta, pero iso ao final é anecdótico. Todo isto, simplemente serve de achegamento para contarvos a miña experiencia tras pasar polas tres categorías e comentar as grandes ou pequenas diferenzas que poden existir entre terceira e primeira, esa categoría na que soñan con xogar moitos estudantes incluso antes de aprobar algunha asignatura.

TERREO DE XOGO

 Variable. Sempre depende do día. Se chove toca lamazal con algúns pequenos charcos para darlle máis emoción ao partido, sobre todo cando alguén se atreve a tirar do toque combinativo. Se fai sol toca xogar sobre o deserto do Sáhara con polvo en cantidades industriais para todos. O mellor, xogar xusto despois dunha chaparrada. En primeira as condicións son exactamente as mesmas, a non ser que teñas sorte e che cadre xogar o único partido do calendario en Santa Isabel. Quizais ese sexa o premio do ascenso.

VESTIARIOS

 Marabillosos. Serven para fomentar o ambiente do equipo xa que normalmente tes que esperar un pouquiño a que se baleiren as escasas duchas. Polo demais correctos. En primeira, máis do mesmo a non ser que che toque o partido en Santa Isabel onde podes sentirte como un auténtico profesional.

ARBITRAXES

 Cento por cento profesionais. Os árbitros non teñen demasiado problema en desenvolver o seu labor apoiados polos seus asistentes imaxinarios. O mellor, os seus coñecementos de fútbol. Todo isto independetemente da categoría xa que son os mesmos, en primeira ou en terceira. Coñecen o regramento de cabo a rabo, aínda que as veces se lle esqueza, e o lateral do teu equipo lle teña que explicar que é unha cesión ao cal o árbitro responde moi agradecido. Son pouco flexibles á hora de esperar se falta algún xogador. Nese sentido teñen o regramento claro, ou as ganas de folgar.

ESTILO DE XOGO

 Directo pero sobre todo vistoso. Todos os equipos da liga universitaria son grandes amantes da Premier League e o seu xogo rápido. Por iso, sempre intentan buscar a portería contraria sendo moi verticais dende o primeiro pase. Patadóns? Os xustos. En realidade é todo unha estratexia para adaptarse as condicións do campo.

Todos os capitáns dos equipos fan especial fincapé nas xogadas de estratexia. Alí por virtude e sobre todo por defecto das defensas pódense producir, aproximadamente, o oitenta por cento dos goles universitarios.

O estilo de xogo de primeira, tralo observado nas primeiras xornadas, non difire demasiado de todo o anterior. Quizais o toque vertical sexa incluso con máis sentido. A miña pregunta é: que farán os equipos en Santa Isabel? Xogar ao estilo “Barça” seguro que non.

HORARIOS

 Os horarios universitarios veñen sendo algo así como “amáñate como poidas”. Porén, é entendible tendo en conta a cantidade de tolos que decidimos xogar a este deporte.

En primeira, quizais sexan algo mellores por seren todos pola tarde. Por desgraza, esquécense de que moitos xogadores sofren o turno de tarde na súa benquerida facultade.

AFECCIÓN

 Fiel e sincera. De terceira a primeira sempre se reúnen os típicos catro colegas para ver bo fútbol e desfrutar do espectáculo. Por suposto os curiosos viandantes que pasan polo Campus Sur sempre se quedan abraiados do que alí se ve. Ademais, nunca teñen problema en devolver o balón. Iso si, con moita parsimonia.

ESPÍRITO DE EQUIPO

 Sen dúbida a cúspide de calquera equipo universitario. Dende terceira ata primeira supón unha marabillosa ocasión de coñecer compañeiros e de pasar un bo rato onde te esqueces do día a día e por momentos tamén do propio partido, simplemente sabendo que estás pasando unha gran tarde.

Todo isto vese culminado coas lexendarias ceas de equipo na zona vella para celebrar vitorias, aniversarios ou para facer a táctica do seguinte partido. Por todo iso, e pola xente coa que comparto barro, maniotas, malos horarios, auténticos despropósitos arbitriais e, por suposto, futbolísticos; é polo que merece a pena xogar ao fútbol once en Santiago. O resto, son meras excusas para facelo.

Fotos cortesía de Nélida Rojo