Coñecendo ao avó de Halloween

A noite do 31 de outubro é noite de meigas, de lendas, de demos… Todos coñecemos, polas típicas películas americanas, a grande importancia que cobra esta festa nos Estados Unidos de América. Estamos a falar de Halloween. Nenos disfrazados de personaxes de terror que percorren de noite as rúas das súas cidades pedindo caramelos nas casas alleas. Moitos rapaces celebran esta festa, pero moi poucos saben de onde vén.

Nos últimos anos, moitas culturas e pobos de Europa recuperaron esta malchamada “americanada” e comezaron a celebrar Halloween (todos sabemos que o que provén de América sempré é mellor co propio…). Tamén en España, as celebracións e eventos vencellados a Halloween enchen os carteis de bares e lugares de reunión, incitando á xente a disfrazarse e deixarse envolver pola maxia desta noite. Nos colexios, moitos profesores (sobre todo os de inglés) adican parte da semana a realizar decoracións típicas como cabazas, debuxos de meigas, gatos negros… e en moitos centros os nenos van disfrazados (coma se se tratase do mesmo Entroido) na víspera da ponte. “Menuda trapallada… Isto é unha copia barata dos americanos… A min deixádeme destas cousas que me quedo co magosto de toda a vida…” Comentarios tipo que se oen todos os anos (cada vez menos, iso si) de persoas que descoñecen que o halloween galego poderiase considerar o tatara tatara avó da popular festa americana.

O Samaín é unha festa pagana e milenaria de orixe celta que se celebraba na nosa terra para darlle a benvida á metade escura do ano, que comezaba coa última colleita do verán. Segundo a tradición, esa noite os espíritos tiñan o permiso para vagar entre os vivos e reencontrarse cos seus seres queridos. Non é de estrañar que esta celebración se festexase nunha terra moi vencellada ás lendas, ás meigas e á Santa Compaña, como tampouco o é o feito de que se substituíse polo Día de Todos os Santos, de carácter relixioso. Ese día que tradicionalmente se celebraba o 13 de maio foi mudado polo Papa Gregorio III para evitar que unha festa pagana se celebrase máis ca unha católica. Queimadas, magostos… o beber e o comer insertado nun contedor que se chamou Samaín cando os celtas, Todos os Santos cando os curas e que en pleno século XXI se volve a chamar Samaín, nun intento de recuperar unha tradición mal vista pola Igrexa Católica. Se o Halloween o ven vello por ter algúns séculos, o Samaín ten uns cuantos miles de anos máis.

Porén, as vellas tradicións (por vellas que sexan) nunca morren e as novas xeracións, menos relacionadas coa cristiandade que tamén caracteriza Galiza, están a recuperar a noite do Samaín. Unha terra celta, de bruxas e lendas merece unha festa que celebraban os seus antepasados, moito antes de que o feto do Halloween fora concebido. Os galegos amamos o noso, por iso non copiamos festas de fóra. Samaín é Galiza, porque a famosa frase de Meigas, habelas hailas, non puido ser inventada.