Vituco Neira, entre toxos, cardos e silveiras

Vituco Neira é unha das caras mais recoñecibles do rock galego. O seu papel como líder e compositor dentro do grupo Ruxe-Ruxe deulle a posibilidade de colocarse na primeira línea do rock do pais e compartir escenario con bandas tan míticas no noso territorio coma Diplomáticos do Monte Alto, Zënzar ou Rastreros. Ademais, podemos oír a súa voz de luns a venres no “Planeta Furancho”, programa emitido dentro da Radio Galega, onde da voz as novas xeracións musicais galegas. Camiñando polos escenarios dende a metade dos 90 e bebendo os brebaxes do rock bravú, Vituco leva dedicada media vida a música en tódalas súas formas.

O día en Compostela non era habitual. Un sol perpetuo invadía as rúas convertendo o asfalto nun irradiador de calor. Porta Faxeira atestada de xente que camiña dun lado para o outro, no medio, ao outro lado da rúa debuxo a figura de Vituco, coa gorra e a longa barba que luce actualmente. Recordo que o vin por primeira vez nun concerto dos Ruxe en Pontevedra xa fai ben anos. Tardaría outros tantos en compartir algunhas conversas con el, curiosamente, sempre rodeados de música en festivais ou salas. Hoxe o ruído non o fan as guitarras ou a batería, hoxe o ruido faino a xente e os coches que pasan o noso redor. “-¿Quedamos nunha terraza que está aquí o lado? –Onde mandes”. Ao sol compostelán charlamos.

Catro anos mais de Feijóo na Xunta

Estamos afeitos xa, ¿non? Foi o que se escolleu segundo o sistema. Foi o que saíu e haberá que esixirlle a el e a quen goberne que se acorden de todos; das minorías, das maiorías e gobernen para todos. Tamén que se acorden que temos todo o dereito do mundo a protestar cando non estamos de acordo. Sempre foi así, sempre houbo uns mandando e outros debaixo.

¿Falla o sistema que temos e polo que votamos?

A estas alturas non fai falta ser un entendido en política, eu non son un estudoso da política,  para darse de conta que o sistema falla, está claro. Vendo a que está caendo non fai falta ser demasiado experto para ver que algo se fixo mal, ou se está facendo mal ou algunha previsión non se tomou no seu momento.

Vendo puramente os resultados, parece que habería que replantexarse se a comunidade galega e nacionalista, se aínda hai orgullo de ser galegos. As eleccións que aquí se viviron pouco teñen que ver coas vistas en Euskalerría ou Catalunya.

Ser galego é un orgullo. Somos un pais cunha cultura espectacular, cunha identidade única, somos un pais con maiúsculas. Temos que encariñarnos co pais, todos; encariñar a xente coa terra, co idioma, aos galegos con nós mesmos, valorar o noso… É un traballo complicado por que sempre fomos un pouco malos con nós mesmos.

E que se comparamos o sentimento político das comunidades que che citei antes, parece que poderíamos ser os últimos da clase en certos temas

O que pasa e que tampouco creo que haxa que valorar a un país só polo que pase  nunhas urnas ¿sabes? A xente cando vai as urnas móvese por “x” cuestións, hai xente que reflexiona mais, xente que reflexiona menos; xente que valora mais as cousas, xente que valora menos… Renegar do país non é como renegar do teu equipo cando perde. Temos unha terra que independentemente de quen goberne, debemos estar orgullosa dela, defendela, coidala e estar sempre coa idea de que ser galego é un orgullo. Se comezamos co autoodio a estas alturas, que parece que é algo que leva aí metido toda a vida, eu dende logo que me nego a telo. Non podo valorar as cousas de maneira negativa.

¿Estamos preto dunha revolución política nos próximos anos ou está adormecida a sociedade?

Creo que o mundo cambiou moitísimo, que os ciclos son cada vez mais curtos. O mundo vai a tal velocidade que todo o que está pasando, coa economía, co sistema capitalista; podía preverse que ía haber momentos mellores, momentos peores; pero o que está claro e que agora o problema devora, coma un monstruo que vai botando bocados e non sabes moi ben como paralo. ¿A xente está durmida? Eu supoño que a xente bastante ten con chegar a fin de mes, con erguerse pola mañá, mirar que pasa cos fillos, coa súa vida… Non podemos pasarnos a vida botándolle a culpa a xente. A xente ten que intentar vivir e intentar saír adiante. O que hai que facer e buscar solucións e para iso suponse que están os representantes políticos que deberían coller o coitelo e sacarnos adiante, son os que cobran por iso. O pobo ten que currar moito e, por suposto, protestar moito cando as cousas non van por onde teñen que ir, non podemos ser ovellas.

Pequenos contra xigantes

Foi así toda a vida. Ao final ¿Quen goberna o mundo? ¿Catro persoas? ¿Catro multinacionais? Agora mesmo creo que nin os gobernos teñen o poder, son bonecos de fío aos que moven e a verdade, non sei ata que punto terán marxe de manobra real en moitas cousas… Foi toda a vida así, a historia está chea de exemplos. Os que estamos abaixo, que temos que loitar por comer tódolos días, que temos que respirar, facer o traballo de sacar a vida arriba… Todo recae sobre nós ao final. Sempre foi así e sempre será así. O que nos queda é cando a xente que nos representa politicamente, sexa o goberno que sexa, e da cor que sexa, cando non esteamos de acordo con eles, hai que protestar, esixir e montar os cristos que haxa que montar.

¿Que é Ruxe-Ruxe?

Ruxe-Ruxe é un grupo que naceu da amizade dunhas persoas. Nos comezos eramos tres e a verdade tampouco foi algo no que pensaramos demasiado. Xuntábamos para tocar en festas universitarias, en garitos da zona vella e nunca pensamos nin en gravar discos, nin en facer grandes concertos… Foi algo que naceu dunha maneira totalmente casual e que pouco a pouco foi medrando, e non me refiro a medrar de maneira comercial, por así decilo, se non a medrar dentro de nós, dos seus compoñentes, a converterse nunha parte fundamental da nosa vida, a ocuparnos cada vez mais tempo, mais horas… A cousa, coma sempre, vaise enredando e ao final converteuse nun modo de vida. Hai tres persoas no grupo que levamos dende o 97. O grupo empezou a tocar no 95, pero o primeiro concerto co nome do grupo foi no ano 96…

¿Que nomes tivo anteriormente o proxecto?

Tivemos varios nomes, nin me acordo agora (risas) Non eramos nin un grupo, eramos xente que nós xuntabamos para tocar e punto. Tocábamos en bares ou onde nos chamaran e realmente, non era nada serio… Ruxe deu o seu primeiro concerto, no que eramos un trío, no 96. Daquel trío continuamos dous, o Xan mais eu… Xaquín entrou no 97 e despois fóronse unindo persoas. Chegamos a ser dez persoas sobre o escenario. Iso era un cristo pa pornos de acordo (risas)… E agora mesmo somos seis, houbo xente que marchou, outra que veu…

Nunha entrevista no xornal “El Pais” etiquetaron a Ruxe como unha banda de “Rock Bravú”… Agora visto dende o tempo, e o grupo actual que é Ruxe, parece que a música vosa vai mais aló que esa etiqueta, incluso temporalmente, o bravú, pillouvos un pouco tarde…

Si, a ver… O rock bravú foi fundamental para o grupo. O bravú deunos tódolos argumentos que necesitabamos. Os grupos que seguíamos eran grupos que cantaban en inglés ou en castelán, entón coas bandas do bravú foi…

¿A chispa?

Si, a chispa. O dicir: “Como mola, nós teríamos que facer isto ¿non?”. Foi algo que nos pareceu fascinante toda aquela historia e, aínda hoxe, moitos daqueles grupos son os nosos grupos de cabeceira… Tivemos a sorte de compartir escenarios con moitos deles, foron un pouco os nosos padriños. Diplomáticos, Zënzar, Escornabois, Korosi Dansas, Os Papaqueixos, Os Tuzaros aquí en Compostela, Os Rastreros en Chantada joder…. Era xente que por aquel entonces admirábamos, e que carallo, aínda hoxe admiramos. Aprendemos deles e considerámonos un grupo bravú nese sentido. Somos un grupo de aldea, polo menos o grupo medrou alí, onde ensaiou (e segue ensaiando), onde vivimos varios do grupo… Entón as nosas temáticas seguramente estean preto das temáticas que se empregaban por entonces. E certo, nos últimos golpes do bravú moita xente nos incluíu dentro daquel estilo, nunca nos pareceu mal, todo o contrario, pareceunos xenial que nos meteran no mesmo saco de grupos que admirábamos tanto.

Debes estar orgulloso, moito, do conseguido ata o de agora. Nas novas xeracións galegas Ruxe-Ruxe e un nome moito mais coñecido co dos extintos Diplomáticos…

Ao mellor tamén e por iso, por que deixaron de tocar. Tamén dependerá onde preguntes, imaxino. Son grupos dunha calidade, para min, sobresaínte, que levaron a música en galego a xente e que nos ensinaron; todas esas bandas que mencionei son mestres. Claro que foi un orgullo poder cadrar con eles, compartir un escenario con eles… Eramos fans deles… Foi a hostia, si.

Xente ao paso do Ruxe ¿Botas a alguén en falta?

De todos os que pasaron polo grupo boto cousas en falta. Todos lle aportaron ao grupo cousas moi boas e a banda está en débeda con eles, por que o primeiro que fixeron foron ensinarnos cousas, de todos aprendemos mogollón, iso é indiscutible. A vida é como é, entón… O primeiro palo que levamos foi cando o primeiro batería tivo que marchar, por cuestións meramente laborais tivo que emigrar e era unha das persoas que mais sentía o grupo, que mais tiraba da banda, dos que mais nós comeu o coco a hora de ter que ensaiar mais para méllorar certos aspectos do grupo… Era un dos que mais ilusión tiña e foi o que primeiro tivo que marchar… A vida é asi…

¿Como se chamaba?

Miguel.

Despois foi Tonecho e posteriormente, Sevilla…

Si, Tonecho e actualmente Sevilla… Eu gárdolle moi bo recordo, no musical e no persoal, a todos. Como en tódalas boas familias houbo discrepancias, houbo de todo.

Como a vida en xeral…

Si, exactamente, nin mais nin menos… A todos lle temos agradecemento e respeto, por suposto.

¿Pensastes algunha vez en parar o tren no que vai Ruxe-Ruxe? Polo motivo que sexa: cansancio, flaqueza, falta de inspiración, de ganas…

Nunca o pensamos, ao revés. Para nós, polo menos para min, o grupo son os cartos que aforro en psiquiatras ¿sabes? (risas)… É unha actividade que nos carga as pilas, que nos carga de enerxía. Cando imos a ensaiar, cando nos metemos naquel zulo todo o resto queda fora. Tódolos problema que alí pode haber redúcense a discutir se agora vai un acorde maior ou un acorde menor… Iso é fascinante, que tódolos problemas que teñas na vida durante un rato, sexan que palabra empregar nun estribillo. É unha maneira xenial de buscarlle saídas e por dicir cousas, matar horas. É un xoguete, algo que nos da moita felicidade e se nunca paramos foi por que sempre lle esprememos todo o anterior… oxalá dure moitos anos mais, non temos pensado parar.

¿Cal foi, para ti, o peor momento do grupo?

Os mais tristes solápanse sempre coa saída dalgún membro do grupo. Son momento que sempre che deixan, sexa cal sexa a causa desa saída, un regusto amargo. Logo tamén cando tocas mal, cando fas malos concertos, que a veces, é inevitable… Tamén recordo un mal trago cando Jimmi caeu polo medio do escenario… Un escenario desos da hostia. Alto, ancho, con mogollón de ferralla… Puxo a guitarra nas 12 en punto e non fallou nin o acorde mentras caía… O público nin se percatou de que caera por mor do fume e das luces. Deu a volta por debaixo, subeu pola rampa e continuo tocando (risas) Aínda hoxe me dura o susto.

O que dis acerca dos malos concertos… ¿Por culpa vosa ou refireste a ausencia de xente nos bolos?

Por nós, por nós…O número de xente dun concerto non marca para nada o éxito ou o fracaso. Temos feito concertos cojonudos para tres persoas, e concertos malísimos para 3 mil… Non creo que o éxito dun concerto se mida, nin dun grupo, nin dunha canción; na cantidade de xente que os vai escoitar, paréceme unha maneira moi negativa de velo. O éxito é chegar a casa e poder dicir: “hoxe fixemos un bo concerto”.

Se falamos doutras facetas ao marxe dos Ruxe…  ¿Que podes dicir do Planeta Furancho? ¿como xorde?

Eu propúxenlle o programa, e xa o propuxera anos antes, e outros anos antes, e incluso fixeramos varios intentos deste formato de programa, con outros nomes ao mellor pero o proxecto e a idea estaba aí e un bo día, os de arriba, dixeron que si. Non hai mais. Antes desto eu estiven colaborando en “Aberto por reformas” un programa de moito éxito na Radio Galega con Xurxo Souto que foi, imaxínate, un luxo tremendo compartir horas de radio cunha persoa coma el. Planeta Furancho é un programa para difundir a música en galego fundamentalmente.

¿É un bo momento para a música galega?

Eu creo que si. Remítome a calidade dos grupos, a calidade das cancións que chega, a calidad dos discos… Paréceme que dentro de toda a historia da crise, ao mellor por que a necesidade agudiza o inxenio, o que vexo e que siguen saíndo grupos, que os rapaces cada vez tocan mellor… Iso é algo realmente fascinante, ver como a calidade dos músicos mellora… hai grupos de chavales que soan que alucinas. So falta que a xente saiba que están ahí, o jodido é chegarlle a sociedade, que a xente consuma a música que se fai aquí.

¿Que falla?

O que falla é a o promo, non hai que darlle mais voltas. Hai moita xente que seguro lle gustaría a música galega, de tódolos estilos, e simplemente non a coñece.

¿Citarías algúns grupos que na túa opinión están infravalorados no noso territorio?

Hai demasiados, para non mollarme demasiado vou tirar de clásicos: Zënzar, unha banda que leva 25 anos de rocanrol, marcando actitude, marcando calidade nos directos e facendo moi bos discos… Nun pais normal Zënzar sería unha gran banda… É unha gran banda, pero debería ser unha banda cun respaldo social recoñecido. Skacha, eu creo que está fora de dubida… No hardcore ou no punk son unha das mellores bandas que escoitei na miña vida.

Medomedá, Malandrómeda, Terbutalina, Familia Caamagno…

Todas eles… Se nos poñemos a dar nomes corremos o risco de non dar outros (risas) … Safari Orquestra que é unha cousa de primeira división… Con todas estas bandas falamos de xente que está marcando a vangarda, que están nunha liga de primeira.

Piratería, crowfunding, streaming… ¿É a fin do CD?

E que eu son da época de comprar vinilos (risas) Eu aínda creo no formato físico coma o CD. Creo no disco. Préstame moito a idea de colección de cancións… pero igual é unha idea demasiado romántica e efectivamente estamos no século XXI e a xente escoita a música de outra maneira, a move doutras formas… Ao mellor si, temos que ser conscientes de que o formato que nos gusta a xente coma nós, que simplemente compramos CDs ou discos por cuestións  case fetichistas (risas) xa non é valido. Eu sempre defenderei o formato físico. Creo nel, gústame, préstame tocalo…. O CD é un mal menor, o vinilo é moitísimo mais atractivo, non hai color pero… Hai que ter en conta onde, e sobre todo, cando estamos.

Antón Reixa

Cantante dos Resentidos, unha persoa que moitas veces dixo que lle pesaron moito, durante aquela época, non haber feito mais pola escena musical galega, non habela convertido nunha escena realmente importante… A ver que fai agora sendo presidente da SGAE, a ver se realmente ten agora esa sensibilidade. Ser presidente da SGAE a día de hoxe case é como levar os cornos, o rabo e o tridente do demo pero… dende logo que ten boa situación pa botarlle unha man a escena, a ver se o fai.

Gayoso (do Luar)

Home, un clásico… Algo fai ben cando ten a tanta xente detrás véndoo na tele. A miña avoa non lle toques a Gayoso (risas)

Beiras

Un político con maiúsculas. Unha persoa cuns coñecementos sobre política colosais. Dos grandes políticos que deu e dará esta terra probablemente. Un vello rockeiro.

Wert (Ministro de educación)

Un tipo que igual está algo xordo e igual non está neste mundo como ten que esta.

¿Aínda ves algo os bares de Compostela? ¿Saes algo de noite pola cidade? Mira que van cerrando os locais…

Teño estado nos locais que cerraron nos últimos meses e que pinchaban rocanrol… O certo e que apenas salgo de Aríns, francamente xa non son un bo cliente da noite compostelana. Salgo a cousiñas puntuais coma hoxe e estou feito algo ermitaño, aldeán, paso a vida alí metido (risas)

¿Non botas de menos a noite compostelán?

Non a boto nada de menos. A día de hoxe xa prefiro falar mais de día que pola noite… Boto de menos atoparme con xente que fai anos que non vexo e prestaríame vela… E o que ten a noite, atoparte coa xente que teño perdida pero non boto de menos saír por saír de noite.

O fútbol ¿gústache?

Non son demasiado futboleiro aínda que si recoñezo que é un deporte que se mo poñen na tele e quen de deixarme practicamente en branco diante dela. Creo que na vida celebrei un gol pero si que ten ese poder soporífero, hoxe chamado o novo opio do pobo, algo de verdade si que ten. Son moito mais de basket, moito mais.

¿Do obradoiro?

Do obradoiro, por suposto

¿E se non foras do Obradoiro?

Teño ido a ver partidos do Breogán, teño ido a ver ao Ourense, teño ido a Malata… O basket préstame moito. Ademais o fútbol paréceme todo unha carallada cos favores fiscais, eses movementos de millóns de euros e que falan deles cunha lixeireza brutal coa que está caendo… É un pouco insultante nese tema o fútbol. Así a todo se a xente faille sentir ben o fútbol, respetarei iso. Cantas mais cousas nós fagan sentir ben, mellor ¿non?

¿Outros proxectos futuros en mente a parte dos actuais?

Non, non… Mira, sempre tiven propostas de facer cousas a maiores pero eu estou comodísimo con Ruxe-Ruxe e o tempo que lle adico e bastante e chégame dabondo. De entrada as miñas necesidades están cubertas coa banda e coa radio.

Facendo cancións… ¿Nunca pensaches en escribir poesía ou algún outro xénero literario?

Teño cousas escritas pero so llas deixei ler a xente moi próxima. Dame un pouco de reparo. Podo ser todo o caradura que queiras a hora de facer unha canción e non preocuparme demasiado polo que ensino nela; pero a hora de escribir outras cousas vólvome moi pudoroso. Algún día pode que faga algo con todo iso, pero de entrada está gardado e así seguirá. Escribir é unha cousa moi seria. Para escribir hai que saber escribir moi ben. Hai que traballar moito, ter moito talento e a verdad, non creo posuir ningunha desas virtudes (risa) Para min é un pasatempo co que paso o rato e aí queda.

¿Gibson Les Paul ou Fender Telecaster?

Sen dubida a Fender, vamos… Eu son un namorado da telecaster.

Pero… (Na formación actual de Ruxe é habitual ver  a Vituco cunha Gibson Les Paul negra ao lombo)

Pero por necesidades de son, fundamentalmente, no grupo, agora uso mais a Les Paul. Fumos tirando cara outro tipo de sons onde a Gibson é mais sólida e gorda e danos un empaque que coa telecaster e mais dificil.

¿Nunca pensastes recuperar a un terceiro guitarra en Ruxe trala marcha de Jimmy?

Si, realmente a idea era buscar un guitarrista, e mentres non o buscabamos asumir eu as funcións de guitarra rítmica. Cousa que ao primeiro que non lle parecía boa idea era a min (risas) Pero pasaron un par de meses nos ensaios, eu sentinme moi cómodo facendo ese traballo, ao grupo pareceulle xenial, o son do grupo ía mellorando pouco a pouco e quedou así a cousa. A idea en principio si que era buscar outro guitarra para eu estar mais libre… Ao final, co tempo, paréceme un acerto quedar como quedamos agora o grupo. Os concertos parécenme mais divertidos, pásanme mais rápido, teño que estar mais atento é certo, teño unha responsabilidade no son da banda importante que antes non tiña…

Beber ao mellor unha copa menos…

(risas) Si, iso seguro… Sobre todo estar mais concentrado e traballar mais. A ver, ía dicir que eu son un guitarrista moi malo, moi xusto, non son para nada un virtuoso da guitarra, entón para defender o directo tiven que traballar, poñerme serio coa guitarra. A verdade e que de entrada pensei que me ía dar moita pereza pero finalmente foi algo moi divertido que collín con moito cariño.

Curiosamente a banda soa mais dura con dúas, que con tres.

Si… Pode ser tamén a idea que buscas… Con Duarte o certo e que me entendo moi ben. Duarte é un guitarrista excelente. Entre nós creo que temos unha comunicación importante a hora de facer as cancións, que meter, que non meter… Prestámoslle moita mais atención as guitarras, ou esa é a miña impresión. Intentamos entre os dous que estean curradiñas, crear cousas que funcionan ben. Moitas veces para que unha guitarra funcione ben non ten que ver con tocar moito, se non con escoller ben. É un traballo que creo que estamos facendo moi ben.

¿Onte tocarías antes? ¿No Gatos ou na Capitol?

Posme nunha encrucillada (risas) Gústame moito tocar na Capitol por que gardamos moi bos recordos deses concertos xa que soen ser datas moi especiais para a banda pois é xuntar a toda a tropa que lle gusta o grupo, que andan esparexidos polo país adiante e ese día faise nha festa que é emotiva e ten mais diso que de concerto realmente… Se me falas dese tipo de concertos, gárdolle moito cariño a sala pero… Se falamos do Gatos, que é a capela do rock galego. De Nani, que é unha persoa que coñezo dende fai moitos anos e coa que teño moi boa amizade, podería dicir que é un dos grandes mecenas do rock galego, sen dubida. É un tipo que no seu local, que é un sitio moi pequeno, deberon pasar se non todos, case todos os grupos de rocanrol do pais pasaron por alí. A todos os tratou con dignidade, a todos… En fin, e que… é O Gatos.

É incrible a verdade a cantidade de grupos galegos, nacionais, internacionais que deixaron os seus versos naquel local pequeno anclado tamén nun lugar coma é Melide, tamén de poucos habitantes…

Si… e que… Con Nani teño unha amizade que nace no rocanrol e xa trascende todo iso… É unha desas persoas que é un luxo atoparte na vida, e mais, dentro do universo da música.

Oín rumores, podería confirmalos, de que foi a Lugo (neste San Froilán) a ver as Nancys Rubias…

Eu creo que todo o mundo ten dereito a equivocarse (risas)

¿Faltan sitios coma O Gatos?

Faltan sitios coma O Gatos aínda que… hai sitios eh. Hai moitos garitos de rocanrol polo pais adiante espallados que apostan pola música en directo e que arriscan por que non sempre é un negocio, ou é rentable economicamente… Aínda que si sexa doutras formas. Sempre fan falta os escenarios.

¿Hai moitas trabas na música galega a hora de tocar por aí diante?

Unha cousa que me chama a atención e saber por que os concertos non se fan as 9 da tarde ou antes… é unha costume que se meteu nos últimos tempos e non comprendo moi ben. Eu recordo ir a concertos ao TNT as sete da tarde e funcionar perfectamente. Está claro que hai que adaptarse un pouco, que vivimos con mais xente e un bar non poida meter unha banda de rocanrol as dúas da mañán cun veciño enriba que o día seguinte se ten que levantar. Debemos buscar unha liña de entendemento… É complicado. O rocanrol é ruidoso, e debe ser ruidoso, por outra parte (risas)

Jabon Blue dicía o de “non facemos ruído, tocamos con distorsión…”

A min préstame o ruído, non teño problema con iso (risas) Os concertos onde non hai volume alto, non me gustan.

Nos tempos de crise parece que reviven os partidos extremistas de dereitas e demais ideoloxías radicais… Podemos velo en Grecia, por exemplo.

É probable… Cando as cousas se torcen é puro caldo de cultivo. A historia esta chea deste tipo de cousas. É perigoso. Todo o que atente contra as liberdades persoais, contra a liberdade de pensamento, contra os dereitos fundamentais dun ser humán… a estas alturas o planeta debería telo controlado pero… o humano é como é.

Medomedá

Moi bos amigos dende fai anos. Moi divertidos encima e debaixo do escenario. Son un fan declarado deles (risas)

Nao

É un dos grupos que mais me fascinan as súas letras, entre outra cousas. Teñen moi boas cancións, moi moi boas.

O Trasgo

Ese sitio ao que íamos  tomar un chupito e comerlle un feixazo de pipas e a falar con Toño. Eu non era un gran asiduo nos últimos anos, pero nin de Compostela en xeral como xa dixen, pero era un local entrañable. Era un centro de reunión para moitos dos rockeiros de Compostela. Daba volume a bandas coma Ruxe, que non é habitual. Unha mágoa o seu peche. Oxalá algún día atopemos un Trasgo 2.0.

Rajoy

É ese tipo que está aí no Goberno Central… Creo que podes poñer Rajoy = Angela Merkel… ¿Quen esta detrás de Merkel? ¿Quen é o que move o último fío? Pois non sei (risas)

Maestro Reverendo

Pois o Maestro Reverendo foi unha persoa que coñecín, coa que trabei boa amizade e coa que de cando en vez tiñamos unha charla. Aprendemos moitas cousas del. Independentemente do trato que puideramos ter con el, eu creo que foi unha desas personaxes para o rock estatal, fundamental… Meteu pianos en discos, en….

Así a voz de pronto recordo: Extremoduro, Platero y Tú, Enemigos….

Rosendo, Heredeiros… Moita xente. Nós coñecémolo gravando un disco en “Casa de Tolos” (estudio de gravación preto de Gondomar) no ano 2002. Nós non lle pedimos que colaborara no traballo, se non que foi el quen dixo: “oie, se queredes…” E meteu uns pianos e uns teclados espectaculares. Chegou a tocar con nós en varios directos, incluíndo as presentacións de dous discos… Tocamos xuntos tamén nun concerto de Nunca Mais aquí en Sar. Era un tipo cun sentido musical para o rocanrol moi importante. Entendía moi ben a música, levaba toda a vida no rocanrol. Foi unha nova jodida. Eu falara con el uns meses antes de tal, foi unha sorpresa… El nunca contaba nada, sempre estaba de coña…

¿Cando se compón mellor? ¿Eufórico ou cun ánimo tristón?

Cada un farao a súa maneira… A min o que me pasa e que veñen mais elas a min, que eu a elas. Eu non traballo nada as cancións, non son capaz de botarlle horas. Son mais de impulsos, dunha idea, de algo que escoitas, que ves… Cando me veñen fágoas. Tampouco son grandes cancións (risas) Son cousas sinxelas, non me como nada o coco. As veces quedan mellor e as veces… quedan peor (risas) Xa sabes.

¿Como definirías os medios de comunicación de masas de hoxe?

Pois que se esquecen moitas veces de que hai mais xente que a masa, que non todo o mundo é igual, nin quere saber o mesmo. Eu creo que hai horas e horas para programar, e horas e horas para dar contidos atractivos para todo o mundo. O mundo está cheo de xente, e xente diferente, se falamos de medios públicos habería que estar un pouco con todos ¿non? Non hai un pensamento único, para unha maioría. Non pode.

¿Algún saludo para a familia, Malta, Chipre…?

Eu creo que un saúdo para toda esa xente que estades traballando no xornal, e facendo isto posible e a todos os que o len, por suposto. Aos que chegaron aquí, ata o final, agradecer que tiveran interés en coñecer e saber cousas de nós. A todos eles, unha aperta.

Vituco durante un ensaio no cortello dos Ruxe

Texto e fotos: Charlie Peartree