Francisco Rodríguez: “Se a Xustiza é xusta demostrarase que comigo cometeron un erro tremendo”

Ás 15.30 horas do venres 19 de outubro abandonaba Compostela rumbo a cidade das Burgas. O ex rexedor ourensán, Francisco Rodríguez (Ourense, 1954) aceptara unha entrevista con nós logo da súa detención polo Caso Pokemon. Alcalde da cidade desde 2007, representa o bastión dos socialistas nun campo de batalla que en 2011 se tinguira de azul en todo o territorio. 16 meses logo da súa reelección polo pobo de Ourense encontrámonos con el, xa non como alcalde, senón coma cidadán. Quedaramos ás 17.30 nunha cafetería do barrio de A Ponte, desde a cal tiñamos vistas privilexiadas ao río Miño. Ao chegar pedín un café con leite, coloquei o preciso para a conversa e esperei un anaco ata que chegou Paco Rodríguez. Pasaran dúas semanas desde a saída á luz do Caso Pokémon e ao anterior rexedor ourensán notábaselle doído, aínda que tamén máis tranquilo que nas ocasións anteriores ante os medios de comunicación.

Como se sinte agora que xa pasaron un par de semanas desde que o detiveron e puxeron en liberdade?

En primeiro lugar, síntome nunha situación onde me segue costando entender e asimilar o que pasou. Creo que foi una medida desproporcionada, sobre todo porque do que se me acusa síntome total e absolutamente inocente. Danse unhas acusacións que tratan de implicarme cunha empresa que curiosamente nos últimos  concursos aos que se presentou non conseguiu ningún e incluso perdeu algún que tiñan desde hai tempo. O que se fixo conmigo é una inxustiza. Síntome total e absolutamente inocente do que se me acusa, aínda que se me obrigou a tomar a decisión de abandonar a alcaldía Isto contravén o que foi unha decisión democrática do pobo de Ourense para situarme na responsabilidade do gobernó municipal. O que estou facendo agora  é recuperar  a miña vida profesional de antes asistindo desde hai dúas semanas ao meu traballo como docente de Educación Secundaria en O Carballiño. Volvín á miña profesión á que sempre pensei que podía volver, pero nunca baixo estas circunstancias.

Logo de que se vira obrigado polo partido a abandonar a Alcaldía, cal é a súa situación co PSOE?

Neste momento hai unha suspensión cautelar de militancia que recurrín. Estou á espera de que se me comunique por parte dos Órganos correspondentes a decisión que tomen en canto a ese recurso.

“Sempre que hai un proceso
electoral xorden este tipo de cousas”

Cando estalou o caso Pokemon que foi o primeiro que lle transmitiron desde o PSOE?

Como non pode ser doutra maneira hai una presunción de inocencia.  A partir de aí, unha parte da xente do partido deu mostras de solidariedade e de confianza na miña inocencia. No ámbito persoal, de ánimos para facerlle frente a esta situación e que non me afectara máis co necesario.

A operación Pokemon saltou en precampaña electoral e sen filtracións previas. Pode ter algo que ver cunha estratexia política?

Eu quero ser moi cauto nestas cousas porque son una persoa que respeta e cre firmemente na Xustiza. Tamén é certo que se un bota a vista atrás, sempre que hai un proceso electoral xorden estas cousas e por iso a veces un ten certas sospeitas. Máis alá diso, a min causóuseme un daño que non se vai a poder reparar. Aínda sí, sigo confiando na Xustiza e desexo honestamente que se demostre canto antes que non teño nada que ver co que se me acusa. Lamentablemente nestes casos soe pasar moitísimo tempo ata que hai xuízo e mentres tanto un síntese fondamente preocupado e danado por una situación na que eu considero houbo un trato inxusto comigo.

Levárano detido para Pontevedra e estivo incomunicado varios días ata que declarou en Lugo. Explicáronlle a que se debeu o trato recibido?

Non. Creo que o trato que recibín foi ben diferente a que opera nestes casos. Preséntase na túa casa un día os axentes de inspección aduaneira da Axencia Tributaria e non se me dice nada que hai un auto de detención contra min que parte do Xulgado número 1 de Lugo. Eu entérome de que vai o asunto e do que se me acusa cando me empeza a interrogar a xuíza.

Pareceulle parcial e inxusto o trato dos medios de comunicación?

A verdade é que si, porque se atendemos ao que se considera un dereito lexítimo, constitucional e democrático á presunción de inocencia, non é xusto que a unha persoa se lle acuse mentres non hai una demostración de que esas acusacións son verdadeiras. Creo que se fixo demasiada novela con todo isto. Os medios non se centraron so no que me preguntou a xuiza senón noutros aspectos que me fixeron moito dano, un dano irreparable. Cando se me acusa de que teño non sei que cousas, pero non existe ningún indicio de nada, como se demostrará, estáseme a causar a min e a miña familia un dano innecesario. Antes de sacar ninguna información habería que demostrar que iso é verdade. Obviamente se o fose, os medios de comunicación terían todo o dereito do mundo, pero mentres tanto non son cuestións que se deban sacar.

Moitos dos vecinos de Ourense din que “ninguén esperaría de vostede una cousa así”. Que lles diría a todos aqueles que confían na súa inocencia?

A reacción dos cidadáns de Ourense desbordoume gratamente porque o que recibín ao saír á rúa foron mostras de ánimo, de cariño e de afecto. A inmensa maioría non se creen nada do que se me acusa. Quería mostrar o meu agradecemento a todas esas mostras de cariño e de afecto e trasladarlles a todos que se a Xustiza é xusta, demostrarase que conmigo cometeron un erro tremendo.

E aos que non o fan?

Teñen todo o dereito do mundo a non confiar, por cómo se levou este proceso. Entendo que poida facerlles dubidar porque foi desmedido e excesivo. Porén, non teño ninguna dúbida de que ao final de todo isto se poderá demostrar que as acusacións que se me fan son mentira.

Fai referencia a como se levou o proceso, no cal se afirmara a existencia dun paquete da empresa VENDEX e cuxo presunto destinatario era vostede. Chegou a recibir dito paquete?

A xuíza fala de que hai catro anos eu recibira un paquete. Logo, no mesmo proceso, díxose que fora un alguacil, despois un xardiñeiro… Dixéronse cousas con pouco sentido, como que eu recibira una serie de regalos. Teño que negalo porque non é certo.

“Os servizos á esa empresa foron
adxudicados polo goberno anterior”

Outro dos imputados, o rexedor de Boqueixón, Adolfo Gacio, foi posto en liberdade cunha fianza máis alta ca súa, neste caso 10.000 euros. Porén, nos medios non saiu practicamente nada reseñable, ata o punto de asociar Caso Pokemon con Paco Rodríguez. É isto xusto?

Non sei se neste caso é polo feito de que  eu era alcalde dunha cidade importante coma esta, con todo o respeto a Boqueixón. Iso xerou una focalización moi concreta en min, nunha trama coma esta, o que fixo que os medios de comunicación lle desen moita máis dimensión. Pese a todo hai outros acusados que puxeron máis o acento que eu, pero mediáticamente eu daba máis xogo.

Por Boqueixón estase a comentar que Adolfo Gacio cobraba por “enchufar” xente na administración. Deberíase investigar?

Eu creo que se imos a investigar como se enchufou xente, e máis nesta cidade, daría para procesos longuísimos. Na vida política o labor dun alcalde é complicado. Cando a min se me acusa de que chamaba á empresa para pedir un favor e enchufar a unha persoa, que neste caso era unha persoa que estaba nunha situación moi difícil desde o punto de vista humanitario, eu dicía que a veces por esa proximidade co cidadán, temos a obriga de axudar aos nosos veciños. Nos Concellos a veces fanse estas cousas. Cando o fas para alguén que non é familiar, nin é amigo, senón porque tes coñecemento dunha situación moi difícil dunha persoa é unha labor social. O que hai que buscar é que se exerza desde a administración unha política con transparencia, con equidade. Levantar a sospeita así porque así non conduciría a nada.

Adolfo Gacio tamén declarou que en todo este asunto tiña que caer algún Concello do PP. Pode ser esta trama artellada en certo modo polo Partido Popular para danar intencionadamente a certas persoas?

Se pensara niso tería que deixar de crer na Xustiza. Creo que nunha sociedade democrática e nun Estado de dereito como o que gozamos neste país temos que crer que se se iniciou este proceso non foi como consecuencia do momento político no que estamos a vivir. A min non me deixa de sorprender o feito de que se tratae de implicarme alegando que eu recibín regalos por adxudicar concursos a esta empresa cando sucede o contrario. Esta empresa prestou servizos neste Concello que veñen de antes da miña época, coma os da grúa e os da ORA. Esta empresa presentouse a un servizo moi importante, de 8 millóns de euros durante tres anos que poden chegar a ser 16, pero perdeu o concurso. No pasado mes de maio perdeu tamén o servizo de limpeza de colexios que viña prestando desde hai algún tempo. Como se explica entón isto? Nesta sociedade pódese entender que os regalos se dan cambio de algo, pero neste caso foi todo ao revés, por tanto non ten xustificación. Quero pensar que non ten que ver coa política nin con certos intereses, aínda que hai indicios que te fan sospeitar. De tódolos xeitos se penso así parecería que estou vivindo nun país diferente no que vivo, no que quero vivir e no que creo.

Foi baixo o seu mandato cando esta empresa perdeu os concursos, co cal foi o goberno de Manuel Cabezas o que acordou estes contratos?

Si, si. Estes servizos, tanto as limpezas nos colexios, coma a ORA, como a grúa  foron adxudicados polo goberno anterior.

Entón debería abrirse unha liña de investigación nese sentido.

Iso teno que decidir a xuíza, pero se hai algunha dúbida deberíase, como se está a facer noutros Concellos. O outro día estábase investigando en A Coruña e pediuse documentación con respecto a unha adxudicación da grúa e da ORA do ano 2005, co cal parece que sería bastante lóxico que se intentara levar a cabo a investigación cuns criterios para todo o mundo.

Recentemente tamén saiu publicado que o actual rexedor de Ourense, Agustín Fernández, pasara unha serie de facturas persoais nun restaurante a cargo do Concello. Que está a pasar na Alcaldía da cidade?

Iso foi unha metedura de pata por parte do responsable da oposición do Partido Popular. Creo que iso é totalmente legal tal e como o interpretei eu desde fóra. Neste caso hai unha empresa, concretamente un restaurante que tiña unha débeda co Concello. Houbo unha comida oficial, non persoal como se dixera, e o Concello o que fai é descontar da débeda a contía desa factura, algo que se leva a cabo con calquera tipo de empresa que presta servizos para o Concello.

En relación ao peso que pode ter a política no caso, pode ser imparcial e xusta unha xuíza casada cun alto cargo do PP?

Eu sempre digo que na vida pública, o feito de que profesionais que exercen altas responsabilidades estén desposados, como é neste caso, cun responsable político do Partido Popular pode suscitar certas dúbidas. O máis lóxico sería que non se tivese ese tipo de vinculación, polo menos para evitar esa dúbida.

A xente pode chegar a pensar que comparten información…

Obviamente.

O que lle aconteceu a vostede sorprendeu porque todo o mundo do que tiña coñecemento era dos “chanchullos” que se levan a cabo na Deputación. Hai uns meses houbo unha denuncia contra o ex presidente da Deputación, José Luis Baltar, da que case non se falou nos medios e que foi arquivada pola Fiscalía Anticorrupción. Isto, en cambio, non vai adiante.

É verdade, tampouco me sorprendeu. Nesta institución hai unha política de contratación que todo o mundo coñecía e hai nomes e apelidos moi vencellados, tanto ao partido como ao goberno provincial. Era unha práctica que se viña desenvolvendo durante moito tempo. Pola contra no Concello, con respecto ás oposicións tentamos facer as cousas dun xeito totalmente diferente. Cando falamos de temas de contratación de persoal eu creo que se fixo con moito rigor e con trasparencia e iso pódeno responder os policías ou bombeiros que tiveron acceso a entrar no Concello.  Nese sentido creo que fixen unha política ben diferente.

As enquisas reflexan que os políticos son o 3º problema para os cidadáns, logo da crise económica e do paro. E estas operacións xudiciais non axudan a limpar esa imaxe…

 Non, porque vivimos nun momento no que existe unha desafección entre a cidadanía con respecto á clase política. Creo que habería que facer unha reflexión profunda por parte dos partidos políticos porque hai certos aspectos que hai que corrixir, pero tampouco podemos situar aos políticos como mal de todo o que está a suceder. Eu pregúntome, se denostamos á política e denostamos aos políticos, que nos queda? cal é o seguinte paso? O que si está claro é que se está deteriorando o servizo público na política. Nese sentido entendo que os partidos políticos deben saber que non todo vale en política. Cómpre facer este exercicio con transparencia e honestidade para que o pobo vexa que esta xente está a traballar para mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns, pero que non vexan un foco de corrupción e de diversos males que perxudican ao sistema.

Pode afectar esta desafección da que fala ao resultado das vindeiras eleccións?

 Si, pode afectar no sentido (e ogallá me equivoque) de que haxa moita xente que non vaia votar ou xente que se pronuncie por outras políticas que non aportan nada. Veremos o nivel de abstención do domingo, aínda que eu espero que non sexa tanto como se prevé. Independentemente diso creo que hai unha desmotivación e unha desmobilización na cidadanía, unha falta de ilusión. Antes, cando había unha campaña había unha tensión na rúa, unha ilusión por cambiar. Agora mesmo hai unha sensación de letargo e hastío na cidadanía que vai ter o reflexo o domingo.

Agora que falamos das eleccións, hai xa tempo se comentara que unha sección do partido o postulara como candidato á Xunta de Galicia, pero vostede afirmara que prefería quedarse en Ourense cos cidadáns que confiaran en vostede co seu voto. Arrepíntese desta postulación?

Non. Eu creo que todos temos que ser conscientes das nosas limitacións. Eu tiven a fortuna  e o orgullo de poder ser alcalde da miña cidade, que é o máis bonito dentro dos obxectivos dun político aínda que tamén o máis duro. Nese sentido síntome moi orgulloso e honrado de haber aportado o meu traballo e dedicación durante estes anos para mellorar a vida dos ourensáns. Aí estaba o meu límite, nunca se me pasou pola cabeza ter outras ambicións. Ademais tiven a sorte de que nas eleccións de hai 16 meses, o partido ao que eu representaba obtivese un aumento de votos dun 30 %, cando en case todos os lugares de España se producira un baixón moi importante como consecuencia desta crise. Foi a única cidade de España onde houbo un comportamento de voto socialista totalmente distinto e iso significa que a cidadanía de Ourense tiña confianza no goberno que eu representaba, que había sintonía e complicidade. Isto prodúceme unha gran satisfacción que me axuda a transitar por este momento tan complicado que estou a vivir.

Que é o que máis bota de menos de ser alcalde?

Cando estás nunha responsabilidade coma a de ser alcalde que implica unha dedicación total e absoluta, esa actividade frenética que supón non a teño agora sobre todo no meu caso que dou clase nun instituto. Tamén o contacto permanente coa xente e a posibilidade de servir ao cidadán. Sendo alcalde é cando podes resolver problemas que lle afectan á cidadanía,  que para min é unha satisfacción, pero tamén unha preocupacción cando un non o pode facer. O que eu levaba con máis dificultade nos últimos meses era cando nun escenario tan difícil como o que temos viña xente desesperada dicíndoche “tesme que axudar porque non teño que lle dar de comer aos meus fillos”. Iso levábalo á casa, de noite acordábaste e pensabas “qué complicada é a situación desta xente, que mal o está pasando”. Iso xeraba insomnio e unha fonda preocupación en min.

Sendo un dos poucos que, pola súa persoa, conseguiu que o PSOE non perdera o Concello de Ourense, plantéxase nun futuro voltar á política?

Nunca se pode dicir nada e a xente que tivemos un tempo adicado á vida pública máis. Eu sempre tiven claro que a vida pública non é unha profesión. Eu son enseñante desde hai moitos anos, estiven no Parlamento, volvín ao instituto, logo á vida pública e agora volvo estar no instituto. No que non creo é que teña que permanecer sempre na actividade pública, pero nunca sabes o que che pode deparar o futuro. En calquera caso, si é verdade que o máximo que eu podía conseguir en política está conseguido, chegar a ser alcalde da túa cidade, do lugar onde naciches, no que vives e no que queres morrer.  Nunca lle cerro as portas a nada, pero agora mesmo estou máis na liña de intentar entrar en sintonía coa vida profesional. Levaba 9 anos na esfera pública e agora que volvo ao insitituto estou moi satisfeito co ambiente de alí, que é moi agradable e moi motivador. Convivir con xente nova dache moita enerxía e moita vitalidade. O ambiente do instituto encántame.

Que lle dixeron os alumnos e compañeiros?

Teño a sensanción de que fun recibido con moitísimo cariño e cos brazos abertos. Tivera unha vinculación moi importante co instituto, levaba alí moitos anos e fora director durante 10. Tanto o persoal docente coma o non docente recibíronme moi ben, o cal eu agradecín e tiven a sorte de atoparme moi a gusto con todos eles.

 

Moitas grazas a Andrea Valencia por ter feito as fotografías para a entrevista.