Que cara teñen!

Neste empacho 2.0 que nos enche o bandullo de cidadáns do século XXI, ás veces esquecemos que ás veces as pequenas delicatessen da vida aínda están na galaxia analóxica. Paseando por Compostela hoxe fixei a miña vista nos clásicos (e cáseque anacrónicos) carteis electorais que forran a cidade, como queréndoa protexer da que nos vai caer. E francamente, estes carteis que sobreviven no medio do vendaval de viralidade, campañas vía Facebook e encontros dixitais din bastante máis dun partido e da imaxe que quere dar que moitas destas campañas modernísimas.

Trouxen aquí unha pequena selección. Aviso, en plan espóiler, que son caras de políticos. Se estades xa fartos de velas, sentimento moi comprensible, detede aquí a vosa lectura. Os carteis irán en estrita orde alfabética seguindo o nome do partido, que somos moito de sospeitar…

 

Alternativa Galega de Esquerda

A coalición entre Anova e Esquerda Unida optou por un cartel non demasiado frecuente no noso país, onde aparecen unha decea de candidatos no canto de saír só o líder do partido. Por que optaron por isto? Unha hipótese pode ser para solucionar tensións internas e evitar dar só a imaxe de Xosé Manuel Beiras por riba do partido comunista que o apoia: “un cartel só con Beiras? un cartel con Beiras e Yolanda? mellor un cartel con todos!”, pode ter pensado o cartelista de AGE. Outra opción é tentar transmitir unha imaxe de equipo, de unidade que sempre vén ben a toda coalición. O eslógan, “hai que paralos”, incide un pouco nun dos eixos da campaña da esquerda que xa comentou onte Darío Domínguez: a política do medo ó PP.

 

Bloque Nacionalista Galego

Respecto á imaxe, nada que declarar: non se pode ser máis clásico. Na imaxe Francisco Jorquera parece que sae argumentando algo, o cal adoita da-la impresión de que realmente ten argumentos que dar. O que me sorprende moito é o eslógan: “Para facerlles frente”. Por que usaron “frente”, unha forma que a Real Academia Galega recolle residualmente, en lugar do canónico “fronte”? Misterio ou fallo do corrector lingüístico? En todo caso, unha patadiña á lingua bastante curiosa vindo dun partido que a di defender contra vento e marea. Unha última pregunta: no “gobernemos nós a nosa terra”… a quen se está referindo co nós? A min non me queda demasiado claro.

 

Compromiso por Galicia

Pareceume unha campaña bastante coherente (aínda que non demasiado difundida, seguramente por problemas pecuniarios) en torno a unha cor verde bastante neutral e a unha idea de comunicación, de diálogo, de “queremos ser a túa voz” que casa moi ben cun dos eixos programáticos do partido (e de case todos, alomenos de boquilla): o achegamento da política ós cidadáns. Cidadáns que, por certo, aparecen tamén paseando dun xeito moi casual detrás da cara do candidato. É a cara de Bascuas, precisamente, o único que me arrepía do cartel. Ese sorriso como de Mono Liso non parece ter a alguén tramando nada bo detrás. Noutra orde de cousas, pareceume moi orixinal aquela serie de carteis na que aparecían os catro candidatos provinciais falando por un primitivo “teléfono” feitos de vasos de plástico verde. Xa sabemos que tipo de tecnoloxías usarían para a comunicación cos medios se chegasen á Xunta.

 

Converxencia XXI

“O partido de Padín” opta por un cartel sen Padín, máis de ideas que de persoas, bastante reciclable amais para futuras campañas. A chorima que escolleron como símbolo do partido e un disuasorio “stop impostos”. Básico, demasiado quizais, pero funcional. A sombra que aparece no cartel non a puxeron eles, non é ningunha metáfora da opresión silenciosa do estado, son eu sacando a foto.

 

Partido Popular de Feijóo

“Partido Popular? Que é o Partido Popular? Señora, estase vostede equivocando”. Un Feijóo enorme, inmenso, cuxa cara cobre a metade do cartel centra toda a atención nel, desviándoa así dun logo e unhas siglas demasiado vinculadas ó barbado e denostado (es)conde da Moncloa. O “Galicia primeiro” do eslógan podíano ter usado tamén cinco dos outros sete partidos que se presentan ás eleccións. Cada un daríalle un aire diferente, a min vindo do PP lémbrame profundamente a aquel “soy gallego, que es mi forma de ser español” de Manuel Fraga.

 

PSOE

“El candidato del PSOE en esa foto parece Fraga”. Isto me comentou, cheo de candidez e de sinceridade, un amigo valenciano ó ve-lo cartel. E se unha fonte tan obxectiva, por estar fóra dos quefaceres diarios da política galega, o ve así… A mirada ó tendido de Manuel Vázquez e ese fondo escuro danlle un aire de estadista, quizais como xusto contrapeso ó “Pachi” que aparece no cartel. É tamén bastante salientable a trascendencia dese “É o momento. Galicia decide”, tentanto transmitirlle ó votante a idea de estar ante un momento decisivo. Unha estratexia de mobilización do electorado que veremos se lles funciona.

 

UPyD

Os de UPyD non se complicaron a vida e fixeron o mesmo deseño de cartel aquí e en Euscadi. A imaxe semella bastante fresca con ese fondo así como de bosque, así como de feliz parella que ve a vida de cor de rosa, así como de álbum de vodas de prata. A que si me impacta é a visión da cónxuxe: é positivo para UPyD que Rosa Díez, non demasiado querida polo recuncho noroeste, apareza xunto a José Canedo? Non soa algo raro ese “Somos libres” se parece que Canedo ten ó lado a Darth Vader controlando os seus movementos para que non saia demasiado centrífugo? É casualidade que o eslógan sexa igual en galego e en castelán?