Por que non entrevistamos a ninguén do PP?

Os que estivestes seguindo a páxina durante os dez días que cubrímo-la xornada de reflexión quedariades probablemente sorprendidos vendo como entrevistabamos a partidos coma Converxencia XXI, UPyD ou Sociedad Civil y Democracia, ós que as sondaxes non otorgan ningún deputado no Hórreo, e non publicabamos ningunha entrevista cun membro do Partido Popular, aínda que fose un suplente primeiro. Por que?

Como director de Compostimes, hei dicir que fixemos todo o posible por conseguir esta entrevista polos cauces “oficiais”. Primeiro de todo, tentei enviar un correo á páxina do PPdeG. Nin se me ocurriu envialo a unha dirección da Xunta de Galicia, pois todos sabemos que os partidos que están no poder non usan este poder de xeito partidista, verdade? Na páxina do partido había unha fermosa icona cun sobre, que delimitaba onde podía contactar eu con eles. Comecei a escribi-lo meu correo no correo habilitado a tal efecto e… horror! Decateime de que só lle podía explicar ó Partido Popular quen era e que quería en 255 caracteres. 255! Menos ca dous tuits. De tódolos xeitos, empreguei ó máximo as miñas habilidades de condensación e enviei o correo. Aínda sigo esperando pola resposta.

© Iván Cernadas

Pasamos logo ó plan B. Mandei unha mensaxe en Facebook a Partido Popular de Galicia, a conta oficial dos aludidos. Supuxen que os seus 3.428 “gústames” delataban que tiñan as redes sociais “niqueladas”.

Así que, a día 24 de setembro, enviei o seguinte correo:

Boa noite.

Son Jorge Pan, director de Compostimes ( http://compostimes.com/ ), un xornal dixital escrito e xestionado integramente por estudantes da Universidade de Santiago que sairá á luz o vindeiro 10 de outubro.

Para comezarmos a nosa andaina no complicado mundo do xornalismo dixital con bo pé, estamos organizando unha serie de entrevistas con membros dos partidos políticos que se presentan ás eleccións á Xunta. Estaría disposto algún representante do PPdeG a concedernos unha entrevista e explica-las posicións do seu partido nos temas máis de actualidade na nosa terra?

Gracias por adiantado pola súa resposta.

Os días, as horas e as semanas pasaban inexorablemente e eu seguía sen obter resposta do partido da gaivota, o partido dos 38 deputados no Parlamento e 41 nas enquisas. Ata que o 12 de outubro, Día de la Hispanidad, a Virxe do Pilar intercedeu por min e me concederon a súa réplica, que transcribo íntegra.

Querido amigo:

Agradecémosche sinceramente a túa proposta. Para concertar unha cita o mellor é que te poñas en contacto coa Secretaría do presidente, a fin de concretar aspectos sobre a celebración desta entrevista e ver a posibilidade que hai de incorporala á súa axenda.

Noraboa por esa iniciativa e moita sorte. Saúdos

O de saberme “amigo” do PPdeG levantoume os ánimos, e ese mesmo día lles retruquei que se había algún xeito divino ou humano de contactar coa tal Secretaría do Presidente. Esta vez a resposta non tardou 18 días coma a anterior, só cinco.

Buenas tardes,

Para contactar directamente con Alberto Núñez Feijóo, la web de la Xunta tiene habilitado un mecanismo a través del apartado de Presidencia. Es de acceso público para todos los ciudadanos gallegos.

Saludos

Corría o mércores 17 de outubro. Quedaban dous días hábiles para pedi-la entrevista, que nola concedesen, realizala, transcribila, editala e publicala. E como en Compostimes somos moi animosos pero non somos supermáns, deixeino ir.

Pero non sen poñer a deus por testemuña de que, tarde ou cedo, veredes a Alberto Núñez Feijóo nas páxinas deste xornal. Por que estou tan convencido? Porque Feijóo me prometeu unha entrevista hai xa tres anos, na praza do Obradoiro, e todos sabemos que os políticos non esquecen as súas promesas. Porque creo que os que dades vida a este xornal vos gustaría ver ó actual presidente en funcións da Xunta nas páxinas (web) de Compostimes, para ben ou para mal. E porque, que carallo, teño a amizade do PP, que mo dixeron nunha mensaxe.