Por que NON creo no deporte de elite

É posible que eu, Roi Rodríguez, sexa das persoas que máis deporte me teño tragado ós meus 21 anos. Fútbol, baloncesto, ciclismo, tenis, rugby, balonmán, atletismo, natación, curling, motor, natación, saltos de esquí ou tenis de mesa. Calquera me vale xa que con calquera podo pasar horas tirado no sofá. Falo do deporte como a miña principal afección e se teño sorte, como futura forma de vida. Escollín a carreira de xornalismo para especializarme en xornalismo deportivo, estou en Compostimes e falo de deportes e estarei de prácticas na TVG facendo o mesmo. Creo que a maior sapiencia e gusto sobre un tema, maior capacidade para entendelo, falar del e criticalo. Podo falar de cine ou música, de artes ou sociedade, defendéndome coas pinceladas que sei e abraiándome ante os expertos da materia. Supoño que a estes lles gusta a súa afección. Como a min a miña, pero o mundo do deporte ten matices…

A arte, a música, a literatura ou o cine non son mentira. O deporte… depende. Na miña opinión o deporte desapareceu hai tempo como tal. Os intereses económicos e dos poderosos superaron o deporte como fenómeno social e con espírito de superación. Amaños de partidos, compra de árbitros, dopaxe organizado masivo, mafias internacionais, desigualdades, favoritismos, nacionalizacións express e demais factores provocan paulatinamente unha desgana cara esta afección chamada deporte. A maneira de entendelo é cambiando o vocábulo por un que se adapte mellor ó que vemos actualmente. Espectáculo. Iso é o que vemos. Espectáculo masificado nos medios, cada vez máis tendentes ó sensacionalismo e que non se preocupan en afondar que parte do que vemos é real ou non. Que son silenciados polos poderes e nos reducen o mundo do deporte a 4 nomes que nos sabemos mellor que os 10 mandamentos.

Marta Domínguez, un dos “emblemas” do deporte español

Debemos ter en conta a cantidade de diñeiro que move o deporte para entender o organigrama que pode haber montado detrás. Millóns e millóns de euros. Sabendo un pouco da parte escura que existe no mundo do ciclismo ou do atletismo, pódese entender o que salpica a outros deportes que moven máis diñeiro. Oín falar das mafias e compras de partidos, vin probas (ata en Youtube!) sen que se faga nada e oín en boca de profesionais que o espectáculo é o que prima por riba de todo. O deporte comezou como competencia por ver quen era mellor, e desde o momento que se crea unha competición o ser humano intenta gañar. É así de simple, gañar é a meta e os medios non importan. E cando un fai trampa abre a veda para que outro a faga despois, de forma que pouco a pouco o deporte se enche de tramposos. É así desde o comezo dos tempos, mais agudizado nos últimos tempos coa evolución do concepto de medicina deportiva (ai esas papillas, que nutritivas). Todos os equipos (do que sexa) teñen un equipo médico detrás, todos os deportistas teñen durante a súa carreira a máis médicos dos que nós veremos na nosa vida. É un mundo do que non se fala nada pero é un mundo que aparta a este “deporte de elite” do que os rapaces fan na rúa. Incluso sen meternos nas substancias prohibidas e todo o que daría escribir diso apreciamos unha contaminación deportiva patente. Porque se cos poucos millóns de euros que se moven no ciclismo é imposible detectar con controis sorpresa e é o método máis desenvolvido, que non pasará noutros deportes con equipos médicos maiores, sen controis sorpresa e que moven moitos máis millóns? Ui perdón, que dixen que non entraría no tema do dopaxe. Salvagardemos así á gran maioría de ídolos españois. Dá para moito este tema.

Unha das moitas bolsas de sangue da Operación Puerto sen identificar

Un exemplo é que un dato interesante destes días é que desde a prensa mundial se tilda a Armstrong de tramposo, ladrón e pouco menos que de demo deportivo. Aquí en España xa foi defendido por Contador, Valverde, Indurain, Samuel Sánchez, Igor González de Galdeano, Manolo Saiz (jej) e demais persoeiros que falaron do caso. É un exemplo azaroso, pero é o que mellor mostra que se todo o deporte é unha merda, España aínda o é máis. O paraíso da merda. Porque por exemplo, sabemos que se falamos de recuperar as escoitas de Descarga (aquí vídeo 1, aquí vídeo 2 e aquí a transcrición) ou as de Jesuli (aquí vídeo) non pasa nada. En Italia polo menos tiran un pouco da manta, recordemos á Juventus en segunda polo Moggi-gate, sen temblar o pulso. Aínda así só se descubren o 0.01% das manganchas que hai. Porque ó igual que a política, este espectáculo move moitos cartos. E canto sabemos das actividades dos políticos? O mesmo ou menos. E o político xoga con todos os cidadáns, aquí polo menos só saímos damnificados os que seguimos o deporte.

A realidade do deporte?

Non sei cal pode ser a cúspide de cada unha das tramas existentes no deporte. Non sei cal pode ser o límite e o tope ó que se ve sometido. Non sei se os xogadores de Real Madrid ou Barcelona se pinchan diariamente, non sei se Villar amaña cantidades inxentes de partidos ou se o Lyon é capaz por el mesmo de meterlle 7 goles para pasar contra o Dinamo de Zagreb a ollos de Platini. Non sei nin se España é capaz de meterlle 9 goles a Malta en 45 minutos para converterse en heroicidade nacional. Nin se Mourinho cobra máis polo soldo no Madrid ou polas comisións por portugueses. Nin sequera sei se Bolt e Blake son robots ou persoas. Tan sequera sei como inchan tanto os xogadores na NBA (non creo na teoría do bombín, incrédulo de min). O único que sei é que algo hai detrás de todo e de cada unha das fazañas e fitos do deporte-espectáculo actual, de fai 10 anos, 20, 30 e tira o que queiras para atrás. Desde as atletas hormonadas da Alemania Oriental ata os futbolistas italianos dos 60 e 70 que tristemente falecen por ELA.

 Esta é a miña realidade do deporte. Cada un é libre de pensar o que queira. Eu non hai moito que quitei a venda dos ollos. Certo é que non todos son os deportistas son así, e sempre que haxa unha minoría honesta valerá a pena o que ves. Así creo eu, pero non é o mesmo de antes. Non hai tantos anos que me emocionaba, berraba, toleaba e sentía as cores ata case pegarlle a xente por levar as cores rivais. Agora desfruto do “espectáculo” dunha forma moito máis sosegada, cun leve sorriso ou unha breve cara de tristura. Son como ese inocente neno pequeno que recibía o regalo por Reis, e que dun momento a outro descobre que en realidade os Reis Magos son os pais. Polo menos, o regalo, de mellor ou peor forma, sígoo levando.