O xornalismo como antídoto

Unha pantasma percorre Europa. É a pantasma da desazón, do desánimo, da crispación, da indignación. O noso mundo vese perfumado cada día cunha recua de exabruptos, de berros domésticos, de conductores furiosos canalizando as súas iras cara o próximo. Como unha virulenta epidemia, esta negra sombra penetra en tódolos estratos da nosa sociedade, facendo suar ó executivo agresivo, berrar á frustrada dona á que lle pisan o fregado e arrubia-la cara do condutor de autobús cuxa vea do pescozo medra cando non lle dan o prezo exacto.

Para espanta-la presenza desta pantasma, algúns europeos optaron polo berro seco, por inunda-las rúas de aturuxos descarnados. Estes aturuxos, porén, afogaron entre un mar de aturuxos aínda máis altos. Os poucos aturuxos que sobreviviron a esta guerra civil faleceron estampados contra o escudo plástico dun rexo axente da lei. Frustrados, cativos e desarmados, os emisores destes berros decidiron esconderse dentro dunha cuncha de apatía. “Por que?”, preguntaba algún adestrador futbolístico merengón, probablemente a respecto desta retirada da realidade de parte da xente. Os aludidos, sen saca-la cabeza de avestruz do chan, responderon: “é que nós non podemos berrar, e non hai ninguén que berre por nós”.

Xornais, televisións, radios, blogues, social medianovas formas de comunicación interpersoal mediada. Son cada vez máis as formas de comunicación que a tecnoloxía e mailos gurús da palabra nos ofrecen. E como ningunha berra o que nós quereriamos berrar, cada vez son menos as orellas e ollos que están dispostos a prestarlles atención. Os verdadeiros termómetros da sociedade, barras de bar, cafeterías de facultade, máquinas de café e perruquerías alertan dunha febre inminente ó decatarse de que os medios non falan, sinxelamente, do que a xente quere escoitar. Que  o xornalismo de masas non satisfai máis ca á antimateria. Que na práctica, as grandes ferramentas que nos brinda a tecnoloxía non se usan como a potente Black & Decker que fura a parede do sistema; senón que os que as manexan cren que son desaparafusadores decimonónicos cos que nos poden transmitir o mesmo cóctel de información manipulada, interpretacións oblicuas e crúas mentiras que nos brindaron sempre. Mentres o xornalismo non sirva ó lector, senón ós seus creadores e ás mans que lles dan de comer, a cuncha de indiferencia seguirá intacta.

Neste contexto nace Compostimes. Non co obxectivo de cambia-lo xornalismo, e menos aínda co obxectivo de cambia-lo mundo. Esas foron xa as bandeiras que axitaron moitos outros antes ca nós, con éxito palpable e evidente. En Compostimes non somos profesionais do xornalismo. Somos un grupo de mozos e mozas que tentamos converti-los nosos irados aturuxos persoais en esperanzadores murmurios na orella dos nosos lectores. En Compostimes tentaremos tirar pedriñas contra a marea negra de cunchas e facerlle ver ós seus moradores que o xornalismo paga a pena. Unha pedriña da música que nos gusta fronte ós pedrolos de corenta quilos que nos tiran dende os medios. Unha pedriña do que nos interesaría saber dos políticos fronte ó muro de silenzo e duplos discursos que eles mesmos construíron. Unha pedriña de alegría lanzada a ese mar da desesperación do que xa ningún banco, por moi central que sexa, nos pode rescatar.

Fotografía de Carlos Pereiro

Fotografía de Carlos Pereiro

Compostimes non sabe o que é o discurso único, a disciplina de xornal, a liña editorial. Porque simplemente, Compostimes non existe. Compostimes é só a unión de todos e cada un dos que o formamos, nin máis nin menos. Compostimes non ten opinión, nin lapis vermello para tachar o que non quere dicir. Compostimes é tan plural que ten decenas de opinións diferentes. Compostimes nin ten tirantes nin os quere ter. Renunciamos a ter influencia fronte a ningún grupo de presión porque queremos gañarnos o respecto, credibilidade e ata cariño dos nosos lectores. Para nós non haberá mellor subvención, mellor investimento millonario nin mellor acordo publicitario ca recibir un correo voso dicíndonos que vos gusta o que facemos.

Tódalas persoas que, cada día, imos ideando e construíndo Compostimes temos só un desexo, un obxectivo: que algún día poidades dicir que somos o voso medio. Ese é o horizonte ó que miramos, mais talvez haxa algo alén del. Talvez rompamos algunha desas cunchas de indiferencia. Talvez a unión dos milleiros de pedriñas que tiraremos contra a frustración e o hastío poida facer algo grande: contribuír a que esa pantasma que percorre Europa coma un arrepío marche para nunca máis voltar.