O derbi galego en tres sonetos

Outra vez a vestirse de guerreiros,
outra vez catedráticos nas barras,
outra vez herculinos e celtarras
enchendo Olímpicos de seareiros.

Tras un lustro de galegos senlleiros
volven os equipos, confirmando arras,
a brandirse con dentes e cimitarras
en primeira, tras parénteses ladeiros.

Enfilando ó terreo, os xogadores
comprenden que xa todo é diferente,
por enriba do temor e das suores…

Converxendo o pasado é o presente,
non se toleran no campo os pavores
nin o sono falaz do presidente.

 

A cólera aparece no Coruña:
Aspas, coa loita apenas comezada,
deixou só a Bermejo na xogada
e a Álex Bergantiños de testemuña.

Os fans do Dépor, a dieta de uña,
bendicían a falta de pegada
dun Aspas de conciencia motivada
que buscaba deixar a súa cuña.

“Pero, ay, que me queres, corazón?”
foi a reacción do fan deportivista
co imposible pase de Valerón.

E ese derroche de ilusión altruísta
aproveita Domínguez, coa oposición
do claro offside de Riki, oportunista.

 

O xogo das escuadras é brillante,
é triste, lamentable e unha pena
que chegase a emporcallalo Marchena
coa súa acción de cadelo desquiciante,

e a expulsión de Cabral… disque flagrante?
A de Zé Castro foi igual de obscena,
pero Undiano, evitando a cuarentena,
parecía un árbitro principiante.

Tras dúas horas de parti-las caras
(con paradóns incluídos de Javi Varas),
o empate luce xusto e ilustrador.

O Dépor puntúa tras varios partidos,
o Celta mantense en postos garridos
e rompe o equilibrio a noite en Riazor.