“Nós apoiariamos un goberno do BNG se aceptase algunha das nosas propostas”

José Canedo, de 55 anos, descríbese a si mesmo como un político atípico. E probablemente teña razón. Tras toda unha vida como carteiro e empregado na antiga Caja Postal, hai catro anos algo sentiu a chamada do servicio público e afiliouse a Unión Progreso y Democracia. Para cambia-la política dende dentro, como el mesmo di. Canedo, tan “resplandecente, maxenta e animoso” coma o mesmísimo Álvaro Pombo, está “uniformado” coa cor corporativa do seu partido, o maxenta: foulard maxenta, funda do móbil maxenta. “Vós tamén sodes de UPyD, pero aínda non o sabedes”, coméntanos un sorrinte Canedo ó pouco de entrar na porta do tamén maxenta cuartel xeral do partido de Rosa Díez, na rúa Fernando III o Santo da capital galega. A sé compostelana de UPyD está escasamente amueblada, pero o constante bulir de persoas nos revela que, dende logo, se de algo van sobrados é de paixón e ilusión. Nuns vibrantes sesenta minutos de entrevista, desenvolta nun perfecto galego, José Canedo falounos de moitas cousas.

Que argumentos lle daría a un votante para convencelo de votar a UpyD?
Que despois de 30 anos dos mesmos é o momento de cambiar. Á parte de indignarte, cabrearte e asombrarte do que está pasando, os cidadáns que te encontras pola rúa dinche que están asqueados da política e dos políticos. Nós somos o único partido que di o mesmo en todos sitios. En UPyD non temos imputados e se algún aparece non bota nin 24 horas no partido. Somos moi diferentes.

Dicía Alvaro Pombo que sóde-lo partido da conxunción copulativa. Non tedes medo a ser un contedor de moitas cousas un pouco indefinidas?
Nós non esperamos non aglutinar aquel voto do cabreado, aquel que non quere o dos outros. Nós agardamos que a xente nos vote convencida, que vote sen ter que poñer unha pinza no nariz. Eu levo desde o 2008 no partido, e agora voto a gusto. Ti sabes o que é ir votar e saír a gusto co que votas? Unha amiga antes dicía que igual votaba a un partido porque lle gustaba unha parte, pero agora dime: “con vós síntome a gusto porque estou de acordo ao 100 % co que dicides e facedes”.

No seu partido hai xente que se di de esquerdas, de dereitas, centralista, federalista… Collen de todos os calados?
Nós temos xente de todas as tendencias. Pero non creo que haxa ningún nacionalista, porque nós entendemos que o nacionalismo leva a separar e non a unir. Nas circunstancias nas que estamos, como non esteamos unidos, levámolo cru. Cando me preguntan se nós pactariamos coa dereita ou esquerda, respondo que Asturias foi un exemplo do que somos: UPyD votou ó PSOE [na investidura] porque aceptou a maior parte das propostas que lles fixemos. Non pedimos nada a cambio, porque nós somos un partido algo raro. Non queremos nada para nós, nós queremos cambiar a política.

Pero logo cal é a liña que segue o seu partido?
A nosa ideoloxía non é de esquerdas, nin de dereitas, nin de centro. Está pensada para o ben do cidadán. Eu son prexubilado de banca, a miña vida está arranxada e non quero nada para min. Pero cando ves que as políticas que están a facer poden levar a meu fillo e aos de outros, moi preparados, a ter que emigrar como fixo meu pai é lamentable.

Non obstante hai momentos nos que hai que tomar unha postura máis ou menos ideolóxica. Por exemplo, cos recortes. Cómpre gastar máis ou gastar menos? 
Hai que recortar. Pero no superfluo. Eu teño unha teima na cabeza. porque eu non puiden estudar, que tiven que traballar toda a puñetera vida, pois non quero que se recorte en educación, cantom ías preparada está a xente mellor. Eu sei onde se pode recortar: nas paixóns, nos concellos, nas duplicidades. En Galicia levamos trinta anos de chiringuitos. Que un presidente da deputación de Ourense na deputación herde o cargo do pai… Na historia mundial non se viu cousa igual!

UPyD e a lingua

Que opina do cuase “trilingüísmo harmónico” que leva Feijóo por bandeira do seu programa educativo?
Unha comunidade con dúas linguas é enriquecedora, as dúas por igual. Queremos que os pais elixan a lingua na que se educan os seus fillos. Que o goberno garanta que galego e castelán se saiban por igual. Por outra banda, o inglés tería que ser obrigatorio e teríase que dotar dos medios necesarios para unha boa aprendizaxe.

E que pasaría, por exemplo, cun neno da Coruña que na súa vida diaria non ten oportunidade de escoitar o galego?
Se o pai elixe o castelán, o Goberno ten que garantir que aprenda a outra lingua por igual, non menos.Eu falo galego no meu traballo pero se chego a unha casa e a persoa me fala en castelán cambio automaticamente. Na Administración pública os funcionarios deben contestar na lingua que lle fala o cidadán. É unha cuestión de respecto.

Sorprendeunos que vostede fose galegofalante.
É un tópico, pero chócalle bastante á xente. Eu son carteiro dentro da Xunta e eu alí falo de todo. Algunha vez que entrei na Xunta e dicía “bos días” non me contestaba ninguén. Entón ó día seguinte dicía “buenos días” e seguían sen facerme caso. Ó terceiro dixen: “bos días, buenos días, good morning, guten morgen” e automáticamente quedou todo o mundo mirando para min (risas). Ó final que é a lingua? É comunicar.

Vostede sabe que o de que os pais elixan a lingua na que quere que os seus fillos sexan educados non é viable en certos colexios pequenos.
É a dispersión territorial galega, parte da nosa idiosincrasia… Pero é que se un neno só sabe galego temos un problema, temos que ser competitivos e estar preparados. Hai que facilitar aos nenos que teñan mellor transporte e comunicación.

Dende o seu partido fálase adoito de imposición linguistica
Hai veces que hai moita propaganda pero non é tan real. Unha cousa é o que pon no periódico e outra o que dicimos nós. Queremos a igualdade das dúas linguas e unha, o inglés, a maiores. Eu non quero que a lingua sexa un negocio para ninguén e lamentablemente a sensación que temos dende UPyD é que hai comunidades onde a lingua é un negocio para alguén. A lingua ten que ser un beneficio para as persoas e o territorio e as linguas non teñen dereitos. Ningún. O dereito é das persoas para falar o que lle pete, con educación.

Se chegaran ao poder que farían coa TVG, un instrumento de promoción do galego?
A min gustaríame que na TVG houbera algo de castelán e non todo en galego… Chócame bastante, porque hai moitos galegos que só falan en castelán.

Pero xa hai moitos medios en castelán.
Aquí trátase de que a lingua sexa unha cousa normal, non normalizada. A min a miña nai dislle “polbo á feira” e diche que é unha guarrada, que quere pulpo coma toda a vida. Hai cousas que normalizaron tanto que se pasaron de rosca. Por que non intercalar o idioma na TVG? A min non me importaría que falasen en castelán. A ETB por exemplo, mestura. Teño visto programas en vasco e en castelán, é como a vida mesma. Haberá xente que cando sae todo en galego cambia e non a ve.

Que é ser galego no sentido máis pexorativo da palabra?
(Risas) Eu persoalmente estou moi orgulloso desa frase. Se reflexionades, vai dirixido a Zapatero, non quixo ofender a ninguén. Se a un partido coma o noso e a Rosa Díez o único que lle hai que achacar esa frase, é unha satisfacción. Para min é unha satisfacción. Nós non saímos nos medios por ter imputados ou ladróns, saímos por esa frase.

Como estratexia política foi un erro grave.
Bastante. Eu estábao vendo en directo, e cando o vin… Pero dádevos conta do ridículo que foi que, no seu momento, os tres da Xunta se reunisen expresamente por iso. Naquel momento interesaba, había un problema de cobro de comisións e axudas para que os deputados se trasladasen dun lado a outro sen presentar facturas, e veu estupendamente. A persoa que o utilizou saíulle incrible. Logo te-lo de Rosa dicicindo: eu son galega, vasca, catalana… Que é española, de todos os lados, non dun sitio en concreto. Somos un partido que é nacional, que busca que sexamos todos iguais. Propoñemos unha tarxeta sanitaria única en toda España, que o médico poida utilizala en calquera sitio e ter aí todo o historial médico. Como cando vai Rosa ó País Vasco e a Navarra e propón que a fiscalidade sexa igual, que hai que ter… para dicilo alí.

O outro día un candidato do seu partido, José Antonio de Lorenzo, dixo que eran un partido federalista de esquerdas e xa pensamos que ían pactar con Izquierda Unida…
Xa nos dixo que se lle escapou… Pero nós concibimos un estado federal, si. Defendemos un control do estado, pero estamos de acordo cóas autonomías. Todas, as 17. Pero hai que ter control sobre elas en maior ou menos medida, porque o descontrol levounos a isto, cada un fixo o que lle deu a gana. Comezáronse a facer transferencias e así saíron, con hospitais e aeroportos por todos lados. Fan falla 3 aeroportos en Galicia? 3 universidades? E o de pactar, nós non pactamos con ninguén, dariamos o apoio en determinadas condicións. Mesmo se o BNG ten a opción de gobernar e acepta as nosas propostas, nós apoiariamos ó BNG. A cor non nos importa, impórtannos as políticas que se vaian facer para beneficio dos cidadáns.

Se o PP non chega á maioría absoluta e UPyD obtén un deputado? Veriamos un gran pacto de UPyD co resto? Enviaríanlles, como di que pasou en Asturias, a mesma proposta a todos?
Si. Fariamos a mesma proposta ós dous bandos, sen modificala.

Vemos que teñen moitos puntos en común co partido de Mario Conde.
A pregunta sería ao revés. Nós estabamos antes.

Que pasaría se Mario Conde lle propuxese un pacto?
É difícil… O noso programa é o noso programa. Eu deixaría a aparición de certas persoas en política coma unha anécdota.

Falouse de candidatura única entre Sociedad Civil y Democracia e UPyD.
Mirade, eu son abstemio. Bebo auga sen gas, café con leite, descafeinado (risas)…

¿Si tuviese que suprimir empresas públicas, cuáles elegiría? [Neste momento, ante o cambio ó castelán dunha das nosas entrevistadoras, Canedo cambia tamén ó castelán].
Hay mucha gente que dice que si se cierran empresas públicas quedaría gente en la calle, claro, pero es que habría que mirar como entró esa gente… Las empresas públicas están muy politizadas. Aún así, hay muchos lugares donde colocar a gente sin tener echarla.

Volvendo ó que dicía antes, UPyD propón unha única universidade galega e un único aeroporto.
Si. Non podemos meter diñeiro en manter estas cousas. Respecto ós aeroportos, hai que buscar unha mellor comunicación entre eles, pero non podemos estar metendo cartos aí e que logo a xente vaia ó aeroporto de Oporto.

Vostedes falan de cambiar a política, de non ser políticos de carreira senón próximos ao pobo. A nivel económico que propostas teñen vostedes?
Sobre a rexeneración democrática falan todos. Eu dígolle á xente que vou coller un cubo con auga e lixivia e ir limpa-lo Parlamento . Nós fixemos a proposta de deixar os deputados a 61, despois adoptouna Feijóo. Tamén propuxemos que se reformase a lei electoral, o mínimo no 3%, e unha circunscrición única. Pero por exemplo, o que dixo Cospedal [que os políticos non cobrasen] é unha barbaridade, porque iso implicaría que se dedicasen á política só os ricos. Eu dígoche a verdade, persoalmente, como se estou de deputado e non cobro nada. Non teño ningún problema en traballar de carteiro pola tarde e de deputado pola mañán.

E a líder do seu partido? Leva 30 anos en política
Si pero é funcionaria

E vivindo da política
Eu digo que os políticos teñan un destino a onde ir sen quedar na rúa sen facer nada, que teñan unha experiencia de algo. Rosa Díez é funcionaria en excedencia.

“Cre-lo que di Feijóo é case un acto de fe”

Pero ó que iamos, que pasa coas propostas económicas de UPyD?
A nivel traballo?

Si, a nivel traballo, subvencións…
Eu creo que co naval e a pesca temos como problema o goberno que temos. En política exterior non defenden Galicia. O que está pasando coas navieras non é normal, que Noruega leve todo… Non presionamos o que teriamos que presionar. Cos caladoiros o mesmo. Perdemos categoría como país, e cando non se nos respecta fóra non se conseguen as cousas.

Fala de Galicia ou de España?
Ó se-los mesmos gobernos… Aí está o problema. E a nivel económico e de traballo… Eu cando escoito a Pachi Vázquez dicindo que vai destinar 6.000 millóns para crear 25.000 postos de traballo… Está ben, pero…

Que o cumpra, non?
Claro, pero chegas alí e como o fas? O que hai que facer é recortar onde hai que recortar, non temos outra. E se non o facemos nós, vánnolo facer, que nos van intervir.

Falando de caladoiros, pero non de peixes senón de votos… a quen se dirixe UPyD?
Imos ver. Escoitamos cousas coma Feijóo dicindo que vai potenciar o galeguismo no exterior… Pero el sabe que hai xente que ten que ir  a Cáritas e que non pode porque ten nenos pequenos? Eu reparto burofax, que é o peor que ten correos. Vou ó Polígono do Tambre. Que veña Feijóo comigo e llelo explique ás empresas ás que levo 7 despidos nunha mañán. Que a xente se bota a chorar. Eu vexo unha empresa de fontanería con 130 empregados, agora pechada, pudríndose… Hai outro tipo de política e quero levar esa politica a cabo, vouno intentar.

Como tentaría evita-lo colapso do sistema sanitario?
Profesionalizando a administración. Os médicos terían que ocuparse das enfermidades e non do tema administrativo. Para min, por exemplo, é máis importante que o médico sexa bo médico e non tanto que saiba falar galego. Un médico boísimo en Madrid que non pode vir aquí por cuestión de lingua… É unha atrocidade.

Como valoraría de 0 a 10 a xestión da Xunta de Feijóo?
Se os datos son os reais, que eu non mos creo… Poríalle un 5 raspado. No tema linguistico dixo unha cousa e non a fixo. Aparentemente non estamos como noutras comunidades, pero cre-lo que di Feijóo é case un acto de fe.

No seu programa falan de dar incentivos ós afectados polas preferentes
Incentivos non. Eu dígoche coas miñas palabras. Eu quero facer unha investigación política en profundidade. Porque nese caso hai cómplices. Eu fun sindicalista e sei que os sindicatos estaban no Consello de Administración das caixas e son cómplices. Caia quen caia, aí alguén ten que pagar. Se hai persoas ás que se lles roubou é porque hai ladróns.

Nin as sondaxes de aquí nin as do País Vasco lles dan representación.
Iso está todo cociñado.

Confían logo en entrar no Hórreo?
Si. As enquisas que veñen agora están moi elaboradas. Eu móvome pola xente. Nas anteriores autonómicas dabamos os papeis nosos á xente e cando te volvías tirábanos. Agora non. Estivemos no San Froilán cunha barbaridade de xente. Onte repartimos en Lugo 7000 folletos, a xente levábao para ler.

Se entra no Hórreo falará galego ou castelán?
Ó mellor se todos falan galego eu falo castelán para levar a contraria. Quero que sexa unha cousa normal.

Xa para rematar, que propostas para a mocidade ten o seu partido?
Que estude e se prepare porque vén moi mal a cousa.

Esta entrevista foi realizada por Irene PicalloDarío Domínguez e Jorge Pan .