Diferenzas parlamentarias

Galiza, Catalunya e Euskadi. Tres rexións históricas cuxa traxectoria foi moi semellante. As linguas dos tres países foron perseguidas e repudiadas, a simboloxía que historicamente as acompañou prohibida e denostada. Grandes similitudes que as unen, pero tamén diferenzas que as distancian. Percorreron camiños parecidos en moitos eidos, agás no político: vótase diferente.

Mentres en Euskadi non nos resulta estraño que os nacionalistas aglutinen dous terzos do Parlamento Vasco, si nos quedamos perplexos pola entrada afuracanada do histórico Beiras. “A esquerda independentista radical”, din algúns. Eses 9 escanos de Alternativa Galega de Esquerda supoñen, valga a redundancia, a única alternativa posible á aplastante maioría absoluta do Partido Popular, só superada polo xa finado Fraga Iribarne. Lonxe quedan os 10 deputados obtidos pola mesma forza no benquerido Euskadi, ou os 18 dos populares cataláns (encabezados por Alicia Sánchez-Camacho). Tampouco sorprende que Cataluña convoque eleccións anticipadas só dous anos despois das anteriores e que o clamor soberanista se reflicta nas urnas como o fai no País Vasco. Eles reman nunha dirección, mentres na Galiza seguimos anclados no inmobilismo, alleos ás peticións dos que foron os nosos compañeiros de travesía durante tanto tempo. Non digo con isto que enarbolemos a bandeira do independentismo e creemos unha Galeusca moderna, senón que aprendamos daqueles que defenden co seu voto os intereses dos seus cidadáns. Nestes tempos que corren, con gobernos que tildan de “erro clamoroso” o feito de que o Tribunal Constitucional deixase a Bildu concorrer ás eleccións, con ministros (mal)educados que pretenden españolizar a cataláns e un camiño de centralización polo que nos queren endereitar, eu pregúntome se o PP de Galicia nos próximos catro anos (tal e como están as cousas) se preocupará polos cidadáns de a pé, pola terra galega e as necesidades e intereses dunha rexión histórica como a nosa, ou preferirán cual gaivotas establecer o niño da austeridade e da centralización en Madrid.

Aí está a diferencia que nos distancia de vascos e cataláns. Eles preocúpanse polo seu e nós preferimos que nos gobernen os outros. Así es la vida, como diría Arturo Ripstein.

“Mais so os ignorantes

e feridos e duros, imbéciles e escuros

non nos entenden, NON”